Morte de Keenan Anderson

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Keenan Anderson foi un mozo afroamericano que sufriu un ataque cardíaco e morreu o 3 de xaneiro de 2023 despois de que o detivesen policías do Departamento de Policía dos Ánxeles (LAPD) e lle desen cunha arma de electrochoque cinco veces. A Anderson detivérano logo dun accidente de circulación. Aínda que inicialmente Anderson colaborou coa policía, aparentemente despois quixo fuxir e prendérono. Morreu en custodia policial. Segundo unha análise toxicolóxica, tomara cocaína e marihuana.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Keenan Darnell Anderson[1] tiña 31 anos cando morreu, e era mestre de lingua nun instituto da Digital Pioneers Academy en Washington, D.C. Estaba a visitar a familia que tiña nos Ánxeles durante unhas vacacións escolares de inverno.[2] Tiña fillos,[2] e tamén era o curmán de Patrisse Cullors, que foi cofundadora do movemento Black Lives Matter.[3]

Arresto e morte[editar | editar a fonte]

Na tarde do 3 de xaneiro de 2023 produciuse un accidente de tráfico na gallada entre os bulevares Venice e Lincoln, á entrada do distrito de Venice, na zona costeira da cidade dos Ánxeles. Chegoulle aviso á policía do accidente arredor das 3:35 da tarde, hora local, segundo o Departamento de Policía dos Ánxeles.[3][1] Conforme co que sinalou o xefe de policía da cidade, Miguel Rey Moore, Anderson batera co coche contra outro e tentara fuxir subindo noutro automóbil (un úber) "sen o permiso do dono".[4]

Nas imaxes da cámara corporal da policía vese como Keenan Anderson vai a correr polo medio da estrada e como lle pide a un policía en motocicleta que o axude.[5] Cando o axente foi no camiño sinalado por Anderson, atopou unhas persoas que sinalaban a Anderson[5] como o home que causara o accidente de tráfico, todo isto segundo a policía.[5]

A seguir, o policía achegouse a Anderson, que estaba aínda no medio da estrada.[5] Durante unha primeira conversa inicial, o policía díxolle a Anderson de sentar na beirarrúa e Anderson fíxolle caso.[4] Durante esa conversa, que está recollida pola cámara do peito do axente, vese que Anderson está angustiado logo do accidente e que as súas falas non son coherentes. Primeiro sinalou que alguén o quería matar,[4][5] logo que el "non quería",[5] e logo que perdera a chave do coche[5] e que viña alguén de camiño para amañarllo. Cando o policía lle preguntou quen quería matalo, Anderson respondeulle "hoxe tiven unha movida, señor. Tiña que facelo. Ou sexa... non, non, non".[1] Anderson tamén dixo que alguén lle estaba intentando "meter cousas" no coche.[6]

Ao redor de sete minutos despois, e segundo a policía,[5] Anderson tentou escapar. Nas imaxes da policía vese a Anderson de pé e pedindo auga; o oficial respondeulle que lle conseguiría algo de auga e mandoulle sentar contra a parede.[5] Anderson dixo que quería estar á vista da xente, e o axente díxolle que nese caso sentase na beirarrúa, máis preto do cruzamento, para que a xente o puidese ver.[5] Anderson botouse á rúa, o axente chamou por el para que dese a volta[5] e nesas Anderson botou a fuxir pola estrada mentres chegaban máis policías.[4]

O axente que estaba na moto alcanzou rapidamente a Anderson no medio da estrada, e xa logo chegaron outros policías de apoio[5][6] Anderson sentou, virou cara a un lado e despois fixo como que quería erguerse.[5] Entre o axente da motocicleta e outros dous policías agarraron a Anderson, que pedía auxilio a berros e dicía que a policía quería matalo.[5] "Vanme facer como a George Floyd!" dixo Anderson, referíndose a cando axentes da policía asasinaron a George Floyd en 2020.[4] Os axentes termaron de Anderson, dixéronlle que acougase e advertíronlle 13 veces que, se non paraba, usarían unha arma de electrochoque.[7][5][4] Nas imaxes vese como Anderson di que os policías son "actores" e berra "C Lo",[5] aparentemente o nome dunha persoa. Nesas, a policía prende máis forte a Anderson e danlle coa arma de electrochoque polo menos seis veces.[8]

A policía entón alxemou as mans de Anderson e atárono polas pernas.[5] Mentres tanto, Anderson dicía "isto é unha farsa.. non son policías",[6] e despois "cren que matei a C Lo... Están tentando sedarme... Sei demasiado... Sedáronme".[6]

Despois da detención, a Anderson levárono a un hospital local onde, segundo a policía, morreu dunha parada cardíaca aproximadamente catro horas e media despois.[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Burke, Minyvoone (12 de xaneiro de 2023). "Black Lives Matter co-founder's cousin dies after L.A. police blasted him with a Taser". NBC News (en inglés). Consultado o 13 de xaneiro de 2023. 
  2. 2,0 2,1 Chan, Stella; Wolfe, Elizabeth (13 de xaneiro de 2023). "Keenan Anderson, cousin of Black Lives Matter co-founder, dies from cardiac arrest after being tased by Los Angeles police". CNN (en inglés). Consultado o 13 de xaneiro de 2023. 
  3. 3,0 3,1 Levin, Sam (12 de xaneiro de 2023). "Teacher and cousin of Black Lives Matter founder 'Tased to death' by LAPD". The Guardian (en inglés). Consultado o 13 de xaneiro de 2023. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 Drenon, Brandon (12 de xaneiro de 2023). "Keenan Anderson: Black Lives Matter founder's cousin dies after police arrest". BBC News (en inglés). Consultado o 13 de xaneiro de 2023. 
  5. 5,00 5,01 5,02 5,03 5,04 5,05 5,06 5,07 5,08 5,09 5,10 5,11 5,12 5,13 5,14 5,15 5,16 Chinchilla, Rudy (12 de xaneiro de 2023). "3 Men Dead After Encounters With Police, Prompting LAPD Investigations". NBC Los Angeles (en inglés). Consultado o 13 de xaneiro de 2023. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 Rodriguez, Matthew (11 de xaneiro de 2023). "LAPD chief expresses deep concern towards string of fatal police encounters". KCAL-TV / CBS News. Consultado o 13 de xaneiro de 2023. 
  7. "Videos". FOX 11 Los Angeles (en inglés). 2023-01-11. Consultado o 2023-01-16. 
  8. Wolfe, Stella Chan,Elizabeth (2023-01-13). "Keenan Anderson, cousin of Black Lives Matter co-founder, dies from cardiac arrest after being tased by Los Angeles police". CNN (en inglés). Consultado o 2023-01-16. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]