Carmela Porteiro Lago

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Moniquiña/Carmela Porteiro Lago»)
Infotaula de personaCarmela Porteiro Lago
Biografía
Nacemento1950 Editar o valor em Wikidata (73/74 anos)
Santiago de Compostela, España Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónbióloga Editar o valor em Wikidata

Dialnet: 1940736


Carmela Porteiro Lago, nada en Santiago de Compostela no ano 1950, é unha bióloga galega experta en avaliación e xestión de recursos mariños vivos.

Biografía e traxectoria[editar | editar a fonte]

Criouse nunha familia concienciada coa igualdade na educación para mulleres e homes. A súa infancia e mocidade transcorreron nun ambiente con moita relación co científico Tomás Batuecas, quen foi unha grande influencia para ela.[1]

Porteiro gustaba da natureza dende moi nova e decidiu estudar Bioloxía. Licenciouse na Universidade de Santiago de Compostela e marchou a Vigo a facer un curso de oceanografía, na Ría de Arousa. Deseguido entrou como alumna libre no Centro Oceanográfico de Vigo onde obtivo varias bolsas e contratos ata acadar a súa praza de funcionaria no Instituto Español de Oceanografía (IEO).[1]Especializouse na avaliación e xestión de recursos mariños vivos e dedicouse a investigación no IEO. Tamén é experta en especies peláxicas de vida curta.[2]

Dirixiu expedicións a bordo dos buques Cornide Saavedra e Thalassa, onde os patróns pesqueiros participaban e achegaban experiencia e coñecemento en canto ao lugar e os costumes das pesqueiras a estudar.[3][4]

No ano 1979 participou na campaña chamada Cigala 79, que resultou a raíz da crise coa xestión do lagostino en España e Portugal. Percorreron o litoral no Cornide Saavedra desde Fisterra ata Huelva e houbo moitos patróns especializados da zona norte e sur que foron a bordo para prestar a súa colaboración.[5]

Anos despois centrouse máis na avaliación e xestión de pesqueiras, actividades na que se especializou e a que dedicou a meirande parte da súa carreira profesional.[1] Comezou a súa vinculación co ICES no ano 1983, formando parte do grupo de traballo da sardiña e despois continuou cos demais peixes peláxicos. O ICES-CIEM (Consello Internacional para a Exploración do Mar) é un organismo con máis dun século de historia e que conta coa colaboración de máis de dous millares de científicos dos dezanove países membros. Durante 10 anos foi a delegada española do Comité Asesor para a Xestión das Pesqueiras. Alí decidíase a formación dos consellos científicos de cada país, baseándose nos informes dos diferentes grupos. En 2004 foi nomeada delegada de España en ICES e no 2005 ocupou a vicepresidencia, que tras cumprir os 3 anos de mandato renovou por outros 3 ano máis. Co seu nomeamento, España accedeu xunto con Canadá, Francia, Rusia e Suecia a un posto clave nesta institución dedicada a coordinación e promoción da investigación no Atlántico Norte.[6]

A mellora do coñecemento e a chegada da tecnoloxía supuxo un avance importante na recollida e almacenaxe dos datos, aínda que segundo explicou Porteiro, a base da investigación é a mesma. Na súa experiencia, os debates entre os equipos científicos e o sector pesqueiro sempre tiveron un ton dialogante, con transparencia e de xeito construtivo.[1] Neste contexto, desenvolveu un papel esencial no asesoramento internacional para a xestión pública dos recursos mariños e pesqueiros, unha aplicación da ciencia oceanográfica a través da recollida de datos estatísticos a miúdo descoñecida pero imprescindible para que a explotación e o consumo dos recursos dos mares se faga de maneira sustentable.

Entre outros organismos internacionais, foi representante de España na FAO (Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura), STCEF (Comité Científico, Técnico e Económico para a Pesca da Comisión Europea) e a NOAA (Administración Nacional Oceánica e Atmosférica) estadounidense.[7] En 2016 pasou a formar parte do Comité Asesor Científico Técnico (CACT) da Cooperativa de Armadores de Vigo (ARVI).[8]

Ao longo da súa traxectoria, Porteiro recoñece que por ser muller non foi fácil. Había poucas mulleres dedicadas a investigación non só en España, se non a nivel internacional. Viviu o receo da tripulación masculina, cando ela era a única muller a bordo e sobre toda cando dirixía campañas. Tivo momentos moi tensos, porque os homes non aceptaban as súas decisións, querendo impoñer as súas. Custoulle chegar a postos de mando, pasando primeiro por postos máis técnicos, logo de asesoramento e despois de xestión pesqueira.[5]No ano 2004 foi cando se nomeou a primeira directora do IEO, Concha Soto e a Pilar Pereda como Xefa da Área de Pesca, coincidindo a vicepresidencia de Carmela Porteiro naqueles anos.[1]

É autora de numerosos traballos científicos publicados en diversas revistas e publicacións especializadas.

Premios e recoñecementos[editar | editar a fonte]

O Consello da Cultura Galega en 2019 organizou unha homenaxe, en recoñecemento a súa labor de muller científica pioneira no campo da investigación mariña.[9]Ademais, a profesión destacou o difícil percorrido das mulleres científicas da súa xeración, nun eido como a oceanografía e os recursos mariños, no que tiveron que abrirse camiño e onde nada estaba adaptado a súa presenza.[10]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 "Carmela Porteiro: una vida dedicada a la investigación pesquera y la gestión sostenible de los recursos". Oceánicas (en castelán). Consultado o 6/3/2022. 
  2. "Carmela Porteiro Lago". Álbum de Galicia. Consello da Cultura Galega. Consultado o 24/2/2022. 
  3. "Cuando un amigo se va". La Voz de Galicia (en castelán). 16/7/2016. Consultado o 7/3/2022. 
  4. "El Oceanográfico inicia su campaña anual de evaluación de la sardina". La Voz de Galicia (en castelán). 15/3/2003. Consultado o 7/3/2022. 
  5. 5,0 5,1 "Mares de altura e grande altura". Consultado o 24/2/2022. 
  6. "Carmela Porteiro, vicepresidenta de ICES-CIEM". Vigoempresa (en castelán). 17/12/2005. Consultado o 10/10/2019. 
  7. "As que achegan a ciencia aos océanos". Consello da Cultura Galega. Consultado o 7/3/2022. 
  8. "ARVI refuerza con tres miembros su comité asesor científico, formado por 15 personas". Faro de Vigo (en castelán). 17/11/2016. Consultado o 24/2/2022. 
  9. Redacción (2019-10-16). "Homenaxe á científica Carmela Porteiro no Consello da Cultura Galega". GCiencia. Consultado o 2022-02-24. 
  10. "La ciencia marina homenajea a Carmela Porteiro, primera española en accedere a la vicepresidencia del ICES". La Voz de Galicia (en castelán). 2019-10-25. Consultado o 2022-02-24. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]