Mitsubishi A6M

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
書.svg Esta páxina contén texto en xaponés.
Se o seu navegador non está axeitadamente configurado pode ver caracteres estraños.
Mitsubishi A6M Reisen
Mitsubishi Zero-Yasukuni.jpg
Un Zero exhibido en Tokio
Tipo Caza
Fabricante Mitsubishi Heavy Industries
Deseñado por Jirō Horikoshi
Primeiro voo 1 de abril de 1939
Introducido setembro de 1940
Retirado 1945 (Xapón)
Produción 1940 - 1945
Construídos 10.450

O Mitsubishi A6M Reisen (caza cero, o famoso Zero xaponés, en xaponés: 零式艦上戦闘機, れいしきかんじょうせんとうき; 零戦, ぜろせん ou れいせん) foi un caza monopraza xaponés usado durante a Segunda Guerra Mundial. Foi o sucesor do A5M e un dos avións máis decisivos das primeiras fases da Segunda Guerra Mundial. Voou por vez primeira en abril de 1939 e entrou en servizo no verán de 1940. Foron construídos 10.450 exemplares e foi alcumado "Zeke" polos aliados.

Historia[editar | editar a fonte]

O A6M foi deseñado polo enxeñeiro de Mitsubishi, Jirō Horikoshi, que despois da entrada en servizo do seu antecesor, o A5M, decidiu crear un caza con mellores prestacións de velocidade e alcance.

O seu primeiro prototipo, denominado A6M1, realizou o seu primeiro vóo o día 1 de abril de 1939, e foi seguido pouco despois polo A6M2, que demostrou unhas prestacións superiores ás agardadas pola Armada Imperial do Xapón. Oficialmente a súa denominación era Caza Embarcado Modelo 11 Tipo 0 da Armada, pero foi máis coñecido polos xaponeses como "Reisen", a abreviación de rei (cero) e sentoki (caza). Os aliados poríanlle o nome en código "Zeke", pero sería famoso polo nome de Zero.

Historia operacional[editar | editar a fonte]

Os primeiros avións de preserie despregáronse en China en xullo de 1940 e conseguirían as súas primeiras vitorias en combate o 13 de setembro de 1940, derrubando ese día 27 avións inimigos, Polikarpov I-15 e I-16, sen sufrir ningunha baixa. No momento no que se reasignaron, un ano máis tarde, os A6M xaponeses conseguiran acabar con 99 avións chineses perdendo unicamente dous, derrubados pola artillería antiaérea.

No tempo do ataque a Pearl Harbor 420 Zeros estaban activos no Pacífico. O tipo Model 21 foi o que se atoparon os estadounidenses. O seu enorme alcance, de 2.600 quilómetros, permitíalle chegar a zonas moi alonxadas do seu portaavións base, dándo aos mandos aliados a impresión de que había varias veces máis Zeros dos que realmente tiñan os xaponeses.

O Zero rapidamente gañou a súa temible reputación. Grazas á combinación dunha excelente manobrabilidade e da súa potencia de fogo, eliminou doadamente á variada colección de avións aliados enviados na súa contra no Pacífico durante o ano 1941. Demostrou ser tamén un difícil adversario para o Supermarine Spitfire e, aínda que non era tan rápido como o caza británico, o avión xaponés podía enfrontarse a el con facilidade, ao poder trepar cun ángulo moi empinado ou manterse no aire tres veces máis tempo que o seu adversario.