Milonita
A milonita é unha rocha metamórfica de gran fino compacta producida por recristalización dinámica dos constituíntes minerais como resultado da redución do tamaño de gran da rocha en zonas de fallas. As milonitas poden ter diversas composicións mineralóxicas. A súa clasificación está baseada na aparencia textural da rocha.
Formación
[editar | editar a fonte]As milonitas son rochas deformadas ductilmente formadas debido á acumulación dunha gran tensión de cizallamento, en zonas de fallas dúctiles. Hai varias maneiras de explicar a formación das milonitas, pero hai un acordo xeral de que debe ocorrer unha deformación plástica cristalina e que a fractrura e o fluxo cataclástico son procesos secundarios na formación das milonitas. En realidade, non se produce unha abrasión mecánica dos grans do mineral por trituración, aínda que orixinalmente pensábase que era un proceso esencial para formar as milonitas, cuxo nome procede do grego μύλος mylos, 'moer'.[1] As milonitas fórmanse a profundidades de non menos de 4 km.[2]
Hai varios mecanismos que se acomodan á deformación plástica cristalina. Nas rochas da codia os procesos máis importantes son a fluencia de dislocación (dislocation creep) e a fluencia por difusión (diffusion creep). A xeración de dislocación actúa incrementando a enerxía interna dos cristais. Este efecto é compensado pola recristalización por migración nos límites do gran, que reduce a enerxía interna incrementando a área do bordo dos grans e reducindo o volume dos grans, almacenando enerxía na superficie do mineral. Este proceso tende a organizar dislocacións nos bordos de subgran. A medida que se engaden máis dislocacións aos bordos dos subgrans, vaise incrementar a orientación incorrecta no bordo do subgran ata que o bordo se converte nun bordo de ángulo alto e o subgran convértese nun novo gran. Este proceso denominado por veces recristalización por rotación do subgran,[3] funciona reducindo o tamaño medio dos grans, que se fan así máis pequenos. As difusións no bordo e no volume dos grans, que son os mecanismos esenciais na fluencia por difusión, fanse importantes a temperaturas altas e tamaños de gran pequenos. Así, algúns investigadores argumentaron que as milonitas se forman por fluencia por dislocación e recristalización dinámica, e pode ocorrer unha transición á fluencia por difusión unha vez que o tamaño do gran se reduce o suficiente.
As milonitas desenvólvense xeralmente en zonas de cizallamento dúctil, onde están enfocados os altos graos de tensión. Son os análogos na codia profunda das fallas de fractura cataclástica que crean brechas de falla.[4]
Clasificación
[editar | editar a fonte]- Blastomilonitas. Son de gran groso, a miúdo de aparencia de grans de azucre sen un claro bandeado tectónico.
- Ultramilonitas. Xeralmente sufriron unha extrema redución do tamaño de gran. En xeoloxía estrutural a ultramilonita é un tipo de milonita definido por unha porcentaxe modal de grans de matriz de máis do 90%.[4] A ultramilonita adoita ser dura, escura, con aspecto de sílex ou pedernal e ás veces lembra á pseudotaquilita ou á obsidiana. Á inversa, as rochas similares á ultramilonita son ás veces "pseudotraquilitas deformadas".[5][6][7][8]
- Mesomilonitas. Sufriron unha apreciable redución do tamaño de gran e defínense pola súa porcentaxe modal de grans de matriz, que está entre o 50 e o 90%.[9][10]
- Protomilonitas. Son milonitas que experimentaron unha redución do tamaño de gran limitada e defínense por ter unha porcentaxe modal de grans de matriz de menos do 50%. Como nestas rochas a milonitización é incompleta, son aparentes grans e texturas relictas e algunhas protomilonitas poden lembrar cataclasitas foliadas ou mesmo xistos.
- Filonitas. Son milonitas ricas en filosilicatos (por exemplo, clorita ou mica). Caracterízanse por ter unha fábrica con cizallamento secundario (C') ben desenvolvida.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Lapworth, C. (1885). "The highland controversy in British geology; its causes, course and consequence". Nature 32: 558–559.
- ↑ Mylone, alexstreckeisen.it
- ↑ Urai J.L.; Means W.D.; Lister G.S. "Dynamic recrystallization of minerals". Arquivado dende o orixinal o 5 de setembro de 2019. Consultado o 9 de xullo de 2016.
- ↑ 4,0 4,1 Sibson R.H. (1977). "Fault rocks and fault mechanisms" (PDF). Journal of the Geological Society of London 133 (3): 191–213. Bibcode:1977JGSoc.133..191S. doi:10.1144/gsjgs.133.3.0191.
- ↑ Passchier C.W. (1982). "Pseudotachylyte and the development of ultramylonite bands in the Saint-Barthelemy Massif, French Pyrenees". Journal of Structural Geology 4 (1): 69–79. Bibcode:1982JSG.....4...69P. doi:10.1016/0191-8141(82)90008-6.
- ↑ White J.C. (1996). "Transient discontinuities revisited: pseudotachylyte, plastic instability and the influence of low pore fluid pressure on deformation processes in the mid-crust". Journal of Structural Geology 18 (12): 1471–1486. Bibcode:1996JSG....18.1471W. doi:10.1016/S0191-8141(96)00059-4.
- ↑ Takagi H.; Goto K.; Shigematsu N. (2000). "Ultramylonite bands derived from cataclasite and pseudotachylyte in granites, northeast Japan". Journal of Structural Geology 22 (9): 1325–1339. Bibcode:2000JSG....22.1325T. doi:10.1016/S0191-8141(00)00034-1.
- ↑ Ueda T.; Obata M.; Di Toro G.; Kanagawa K.; Ozawa K. (2008). "Mantle earthquakes frozen in mylonitized ultramafic pseudotachylytes of spinel-lherzolite facies" (PDF). Geology 36 (8): 607–610. Bibcode:2008Geo....36..607U. doi:10.1130/G24739A.1.
- ↑ Passchier C.W.; Trouw R.A.J. (2013). Microtectonics. Springer. p. 106. ISBN 978-3-662-08734-3.
- ↑ Trouw R.A.J.; Passchier C.W.; Wiersma D.J. (2009). Atlas of Mylonites- and related microstructures. Springer. ISBN 978-3-642-03607-1. doi:10.1007/978-3-642-03608-8.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Galería de fotos de milonitas Arquivado 2020-11-08 en Wayback Machine.