Anfibolita

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Unha pedra de anfibolita nos xardíns botánicos da Universidade Charles, de Praga, República Checa.
Anfibolita de Cabo Cod, Massachusetts
Anfibolita que contén granate do Val di Fleres, Italia

A anfibolita é unha rocha metamórfica que contén anfíbolos, especialmente horneblenda e actinolita, así como feldespatos plaxioclasios, pero con pouco ou ningún cuarzo. É de cores escuras e densa, cunha estrutura debilmente foliada ou xistosa. As pequenas escamas ou follas brancas e negras da rocha a miúdo danlle unha aparencia característica.

A anfibolita fórrmase frecuentemente por metamorfismo de rochas ígneas máficas, como os basaltos. Porén, como o metamorfismo crea minerais enteiramente baseados na química do protólito (rocha de orixe), certas "margas sucias" e sedimentos volcánicos poden tamén metamorfizarse dando unha ensamblaxe de anfibolitas. Os depósitos que conteñen dolomita e siderita tamén orixinan facilmente anfibolitas (tremolita-xisto, grunerita-xisto e outros) especialmente onde houbo certo grao de metamorfismo de contacto causado por masas de magma granítico adxacentes. O basalto metamorfizado (metabasalto) crea ortoanfibolitas e outras litoloxías quimicamente apropiadas crean paraanfibolitas.

Aínda que as tremolitas son un anfíbolo metamórfico, deriva máis comunmente de rochas ultramáficas altamente metamorfizadas e así os xistos de talco-tremolita non se consideran xeralmente unha variedade de anfibolita. Unha rocha ígnea plutónica holocristalina composta primeiramente de anfíbolo horneblenda denomínase horneblendita, que adoita ser unha rocha cumulítica cristalina. As rochas ígneas con máis do 90% de anfíbolos que teñen unha matriz de feldespato poden ser lamprófitos.

Ortoanfibolitas e paraanfibolitas[editar | editar a fonte]

As rochas metamórficas compostas principalmente de anfíbolo, plaxioclasio, con minerais subordinados como epidota, zoisita, clorita, cuarzo, titanita e minerais accesorios como o leucoxeno, ilmenita e magnetita, que teñen como protólito unha rocha ígnea coñécense como ortoanfibolitas.

A paraanfibolita xeralmente ten a mesma ensamblaxe de minerais no equilibrio que a ortoanfibolita, con máis biotita, e pode incluír máis cuarzo, plaxioclasio e, dependendo do protólito, máis calcita/aragonita e wollastonita.

A miúdo a forma máis fácil de determinar a verdadeira natureza dunha anfibolita é inspeccionar as súas relacións de campo; especialmente se está interdixitada con outras rochas metasedimentarias, especialmente grauvacas e outras rochas sedimentrias. Se a anfibolita parece transgredir as aparentes superficies de estratificación do protólito é unha ortoanfibolita, xa que isto indica que era un dique.

Por tanto, a xeoquímica completa da rocha serve para distinguir a orto- da paraanfibolita.

Acuñouse a palabra metabasalto en boa parte para evitar a confusión entre a ortoanfibolita e a paraanfibolita. Este termo recoméndano algunhas institucións (como o Servizo xeolóxico británico) cando é posible determinar a a orixe da rocha a partir só das súas características (e non a partir das súas relacións de campo), especialmente cando o grao de metamorfismo é baixo.[1]

Facies das anfibolitas[editar | editar a fonte]

Anfibolita de granate, vendida como "Nordic Sunset Granite", procedente da área de Murmansk
Diagrama de presión e temperaturas das facies metamórficas. A número 5 é a da facies da anfibolita.

A anfibolita define un conxunto de condicións particulares de temperatura e presión coñecidos como a facies de anfibolita. Porén, debe terse precaución antes de realizar un mapa metamórfico baseándose só na anfibolita.

Prmeiro, para que unha ortoanfibolita ou anfibolita se clasifiquen como anfibolita metamórfica, debe ser certo que o anfíbolo na rocha sexa un produto do progresivo ou prógrado e non do retrógrado. Por exemplo, o anfíbolo actinolita é un produto común de metamorfismo retrógrado do metabasalto nas condicións da facies dos xistos verdes (superior). A miúdo este tomará a forma cristalina e o hábito da ensamblaxe do protólito orixinal; a actinolita que substitúe pseudomorficamente o piroxeno é un signo de que a anfibolita pode non representar o pico dun grao metamórfico da facies da anfibolita.

O xisto de actinolita é a miúdo o resultado de alteración hidrotermal ou metasomatismo, e así pode que non sexa necesariamente un bo indicador de condicións metamórficas cando se toma illadamente.

Segundo, as microestruturas e tamaño de cristal da rocha deben ser as apropiadas. As condicións da facies da anfibolita experiméntanse a temperaturas que pasan de 500 °C e a presións de menos de 1,2 GPa, dentro do campo de deformación dúctil. A textura de gneis pode aparecer preto, cando non xusto, nas zonas da milonita, e pode haber foliacións e comportamento dúctil, incluíndo lineacións de estiramento.

Aínda que non é imposible que teña unha mineraloxía que lembre a do protólito, isto é raro. Máis común é encontrar fenocristais de piroxeno, olivina, plaxioclasio e mesmo anfíbolo magmático como a pargasita pseudomorfizada. A miúdo consérvanse as texturas magmáticas orixinais, especialmente a estratificación magmática en intrusións estratificadas.

As ensamblaxes minerais en equilibrio da facies da anfibolita de varios tipos de protólitos consisten en:

  • Ortoanfibolita de basalto; accesorios de horneblenda/actinolita +/- albita +/- biotita +/- cuarzo +/- ; a miúdo ensamblaxes remanentes da facies dos xistos verdes incluíndo a clorita.
  • Basalto alto en magnesio; como ortoanfibolita, pero pode conter antofilita, un anfíbolo rico en magnesio.
  • Rochas ultramáficas; tremolita, anfíbolo asbestiforme, talco, piroxeno, wollastonita ,olivina metamórfica progresiva (raramente).
  • Paraanfibolita sedimentaria; hornblenda/actinolita +/- albita +/- biotita +/- cuarzo +/- garnate (calcita +/- wollastonita).
  • Pelita; cuarzo, ortoclasa +/- albita, +/- biotita +/- actinolita +/- granate +/- estaurolita +/- sillimanita.

A facies da anfibolita adoita ser o produto das secuencias metamórficas da secuencia da facies barroviana ou da secuencia da facies Abukuma avanzada. A facies da anfibolita é o resultado do enterramento continuo e o quentameno unha vez que se supera a facies dos xistos verdes. Un maior enterramento e compresión metamórfica (pero pouca calor extra) conduce ao metamorfismo da facies das ecloxitas; con máis calor a maioría das rochas empezan a fundir a partir dos 650 a 700 °C en presenza de auga. Porén, en rochas secas, a calor (e enterramento) adicional poden causar as condicións da facies da granulita.

Uralita[editar | editar a fonte]

A uralita é unha piroxenita especial alterada hidrotermalmente; durante a circulación hidrotermal autoxénica a mineraloxia primaria dun piroxeno e plagioclasio, etc. alterouse a actinolita e saussurita (albita + epidota). A textura é distintiva, radial. Foi descrita orixinalmente nos Montes Urais.[2]

Epidiorita[editar | editar a fonte]

O termo arcaico epidiorita utilízase ás veces, especialmente en Europa, para referirse a ortoanfibolita metamorfizada con protólito de diorita, gabro ou outras rochas intrusivas máficas. Na epidiorita o clinopiroxeno orixinal (as máis das veces auxita) foi substituído polo anfíbolo fibroso uralita.

Usos[editar | editar a fonte]

A anfibolita úsase como material para a construción, pavimentos, fachadas, especialmente debido ás súas texturas atractivas, cor escura, dureza e facilidade de puído e pola súa dispoñibilidade.[3]

A anfibolita foi o material preferido para a produción de aixolas en Europa central no Neolítico nas culturas da olería de bandas e de Rössen.[4][5]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Robertson, S. (1999). "BGS Rock Classification Scheme, Volume 2: Classification of metamorphic rocks" (PDF). British Geological Survey Research Report. RR 99-02. Consultado o 27 de febreiro de 2021. 
  2. Mindat.org Uralite
  3. Miinerals education coalition. Amphiblite/Uses
  4. Corrie Bakels. On the Adzes of the Northwestern Linearbandkeramik. Academia.org.
  5. Kotula, Andreas. Reconsidering the Lietzow Culture - New excavations on the Terminal Mesolithic site of Saiser 1 (Lietzow-Buddelin). 2011/01/01.[1]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Winter, John D., 2001. An introduction to Igneous and Metamorphic Petrology, 695 páxinas, Prentice Hall, ISBN 0-13-240342-0