Milicias de Santiago

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bandeira das Milicias de Santiago.

As Milicias de Santiago, tamén denominadas Milicias de Compostela e referidas de maneira retrospectiva como Milicia Española de Santiago logo da súa integración na Milicia Nacional de FET y de las JONS, foron unha organización cívica militar dependente do Exército Español que actuou durante a Guerra Civil como forza represiva e de retagarda complementaria ao Exército e á Garda Civil prestando servizos especiais de vixilancia e defensa da poboación en Santiago de Compostela.

Historia[editar | editar a fonte]

As Milicias de Santiago apareceron en Santiago de Compostela, ao mesmo tempo que outras forzas paramilitares análogas de nomes semellantes establecidas nas principais cidades de Galicia, o mesmo día do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936. Dependían directamente do Exército, que se encargou da súa organización e dirixiu a súa preparación e orientación como forza complementaria do mesmo Exército e da Garda Civil.[1] Estaba integrada por membros que pola súa idade, estado civil ou profesión non podían incorporarse á primeira liña de combate, pero que solidarizándose na defensa da fe e a tradición desexaban cooperar cos golpistas na cidade.[2]

Actuaban como forza de retagarda, prestando servizos de vixilancia e defensa de Santiago de Compostela e os seus arredores por medio de gardas de determinados postos, controles de estradas e protección de convois dirixidos á fronte, así como servizos de intelixencia e misións especiais coordinadas coas forzas militares e os efectivos paramilitares da cidade, repartidos entre os milicianos do Requeté, a Falange Española de las JONS e as Juventudes de Acción Popular.[2]

Organización[editar | editar a fonte]

Os integrantes das Milicias, coñecidos como cabaleiros milicianos de Santiago, estaban organizados xerarquicamente pola mesma escala de mandos do Exército.[3] O comandante era José Cancelo, Tenente de Ingenieros ao que relevou temporalmente no cargo José Armesto, Tenente da Garda Civil, e actuaban rexidos pola Junta de Honor que presidía Miguel Barca, Sarxento de Milicias.[4] Durante os primeiros meses contaban con cento setenta efectivos repartidos en trece postos cun mínimo de cincuenta homes cada vinte e catro horas, o que obrigaba a cada membro a facer entre dúas e tres gardas nocturnas na semana.[2] As Milicias de Santiago tiñan a súa se no Mosteiro de San Martiño Pinario, habilitado como Cuartel de San Martín o Cuartel do Seminario durante a guerra.[5] Os seus membros estaban uniformados con funda militar azul mariño e gorro isabelino, ambos ostentando as divisas correspondentes a cada rango, cinto con correaxe,[6] e a modo de distintivo, brazalete branco cunha cruz de Santiago no centro representando a bandeira da unidade, que a diferenza do brazalete tiña ademais as beiras encarnados. Pola vinculación da cidade co apóstolo Santiago, as Milicias consagráronse a el como patrón e adoptaron o lema «Santiago y cierra España».[7]

En decembro de 1936 investiron Caballero Miliciano Honorario ao escritor Federico García Sanchiz, fillo adoptivo da cidade ao que meses atrás a alcaldía republicana lle revocara a distinción por motivos ideolóxicos.[8]

Disolución[editar | editar a fonte]

Coa entrada en vigor do Decreto de Unificación o 20 de abril de 1937, por cuxo artigo terceiro todas as milicias combatentes quedaban integradas nunha soa milicia nacional, as Milicias de Santiago pasaron a formar parte da Milicia Nacional de FET y de las JONS, foi o seu propio lugar de acuartelamento o que serviu para acoller á milicia unificada. Coa integración, a antiga escala de mando adaptou os rangos militares a unha nova nomenclatura que comprendía xefes e subxefes de Bandeira, de Centuria, de Falange e de Escuadra, así como soldados falanxistas, e a Milicia organizouse en servizos permanentes de xefatura eantiaeronáutica, de prevención, cárcere e imaxinarias en quendas de mañá e noite, nocturnos de patrulla coa Garda Civil, e servizos profesionais con médico, odontólogo, practicante e enfermeira de gardia.[9][10]

A Milicia Nacional mantivo os seus servizos ata cinco anos despois da fin da Guerra Civil, quedando definitivamente disolta o 27 de xullo de 1944.[11]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Portal Fradejas, José (17 de agosto de 1936). "Un esfuerzo más...". El Compostelano. p. 1. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Un cabo de las Milicias (13 de outubro de 1936). "Milicias de Santiago". El Compostelano. p. 2. 
  3. Sánchez G. Adanza, Andrés (26 de decembro de 1936). "Los Caballeros Milicianos de Santiago". El Compostelano. pp. 1–2. 
  4. Cancelo Paz, José (6 de xullo de 1938). "Un saludo del nuevo Jefe de Milicias de Falange Española Tradicionalista y de las JONS de Santiago". El Compostelano. p. 2. 
  5. "García Sanchiz, Caballero Honorario Miliciano". El Compostelano. 28 de decembro de 1936. p. 1. 
  6. Cancelo, José (7 de abril de 1937). "Milicia Española de Santiago". El Compostelano. p. 2. 
  7. "Entrega de la Bandera a las Milicias compostelanas". El Eco de Santiago. 13 de outubro de 1936. p. 2. 
  8. "García Sanchiz ya no es hijo adoptivo de Santiago". Vida Gallega. 10 de marzo de 1936. p. 27. 
  9. "Milicia de F. E. T. y de las J. O. N. S.". El Eco de Santiago. 22 de abril de 1938. p. 2. 
  10. "Servicios profesionales para la semana entrante". El Compostelano. 23 de abril de 1938. p. 3. 
  11. Payne, Stanley G. (1999). Fascism in Spain (1923-1977). Madison: The University of Wisconsin Press. p. 396. ISBN 0-299-16560-4.