Mercyful Fate é unha banda danesa de heavy metal formada en 1981 en Copenhague polo vocalista King Diamond e o guitarrista Hank Shermann.[1][2] Influenciada polo rock progresivo e o hard rock, con letras que falan de Satanás e de ocultismo,[3][4] Mercyful Fate foi parte da primeira onda do black metal de principios a mediados dos anos 80. Moitas das bandas dese movemento influenciarían posteriormente aos músicos de black metal nos anos 90, particularmente en Noruega. Dende a aparición do grupo en 1981, Mercyful Fate publicou sete álbums de estudio, dous EPs e catro recompilatorios.
Despois de varios cambios de formación e demos autoeditadas, Mercyful Fate publicou o seu EP Merciful Fate en 1982, cunha formación composta por King Diamond (voces), Hank Shermann (guitarra), Michael Denner (guitarra), Timi Hansen (baixo) e Kim Ruzz (batería). Con esta formación o grupo gravou os seus primeiros dous álbums de estudio, Melissa (1983) e Don't Break the Oath (1984), e durou ata 1985, cando a banda separouse debido a diferenzas musicais. En 1993 catro dos cinco membros de Mercyful Fate reuníronse para gravar o álbum In the Shadows, que foi editado ese mesmo ano. Durante os anos 90 a banda lanzou catro álbums de estudio máis e pasou por varios cambios na formación. Dende 1999 Mercyful Fate está en hiato, aínda que se ten reunido varias veces na década dos 2000.