Meconio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Meconio dun neonato de 12 horas de idade. Escala: 5 cm de esquerda a dereita.

O meconio son as primeiras feces expulsadas polos mamíferos neonatos. A diferenza das feces expulsadas posteriormente, o meconio está composto de materiais que foron inxeridos durante o tempo que o feto pasou no útero, e contén células do epitelio intestinal, lanugo, mucus, líquido amniótico, bile, e auga. Pensábase ata hai pouco que o meconio era estéril, pero un equipo de investigadores da Universidade de Valencia, España, encontrou nel comunidades bacterianas ben desenvolvidas, que parecían ser de dúas clases. Arredor da metade das mostras parecían estar dominadas por bacterias que producían ácido láctico, como Lactobacillus, e a outra metade contiña principalmente bacterias da familia entérica, como Escherichia coli.[1] O meconio, a diferenza das feces posteriores, é viscoso e pegañento como alcatrán, a súa cor xeralmente é verde olivácea moi escura, pero é case inodoro. Cando se dilúe no líquido amniótico, pode ter tons verdes, castaños ou amarelos. O meconio debería ser expulsado completamente nos primeiros días de vida do neno, e as deposicións vanse facendo progresivamente máis amarelas (polo leite dixerido). O termo latino meconium deriva do grego μήκων, mēkōn, mapoula, facendo referencia ao seu aspecto de alcatrán que pode lembrar certas preparacións de opio bruto, ou á crenza de Aristóteles de que inducía o sono no feto.[2]

Un síntoma da enfermidade de Hirschsprung e da fibrose quística é a imposibilidade de expulsar o meconio. Outras doenzas asociadas ao meconio son a síndrome de aspiración de meconio e o meconium ileus.

O meconio pode usarse para para comprobar a exposición in utero a diversas drogas. Utilizando o meconio, un equipo de investigación canadense da Universidade de Toronto, demostrou que mesturando un subproduto do etanol (FAEE) podían detectar obxectivamente se os fetos estiveran expostos a unha inxestión excesiva de alcohol por parte da nai durante o embarazo.[3] En EEUU, os resultados das probas do meconio dun neonato poden orixinar a acción dos servizos de protección á infancia e outras autoridades legais.[4] O meconio pode analizarse para detectar o uso de tabaco pola nai durante o embarazo. [5]

Meconio terminal[editar | editar a fonte]

A maioría das veces que o líquido amniótico se mancha con meconio este se distribuirá homoxeneamente polo fluído facendo que se torne castaño. Isto indica que o feto expulsou o meconio hai certo tempo, suficiente como para que se producise a mestura e se fixese homoxénea. O meconio terminal aparece cando o feto expulsa o meconio pouco tempo antes do parto/cesárea e o fluído amniótico permanece claro, pero poden observarse algunhas manchas de meconio separadas no fluído.

Síndrome de aspiración de meconio[editar | editar a fonte]

O meconio almacénase normalmente no intestino do neno ata despois do nacemento, pero ás veces expúlsase ao líquido amniótico antes do nacemento ou durante o parto. O líquido amniótico manchado é un signo de estrés fetal, e pon ao neonato en risco de aspirar meconio, que entraría nos seus pulmóns e pode orixinar no neonato a síndrome de aspiración de meconio, que causa dificultades respiratorias.

Meconium ileus[editar | editar a fonte]

O meconio ás veces se fai moi mesto e obstrúe o íleo, orixinando un trastorno chamado meconium ileus. Este trastorno é con frecuencia o primeiro signo da fibrose quística.[6] Na fibrose quística, pode darse un deficiente transporte de tripsina e outros encimas pancreáticos ao intestino, polo que non se degrada facilmente o meconio, e o meconio pode formar unha obstrución mecánica verde anegrada nun segmento do íleo. Alén da zona obstruída pode haber algúns grumos globulares gris abrancazados. Máis abaixo deste nivel, o intestino é un estreito e baleiro microcolon. Máis arriba da zona de obstrución, aparecen varios bucles de intestino hipertrofiado distendidos con fluído. Como o meconio non pode ser expulsado, aparece distensión abdominal e vómito pouco despois do nacemento. Moitos casos, pero non todos, de fibrose quística presentan meconium ileus, e hai casos de meconium ileus que non están asociados á fibrose quística. A presenza de meconium ileus non está relacionada coa gravidade da fibrose quística.[7] A obstrución pode aliviarse de diversas maneiras.[8]

O meconium ileus non debe confundirse coa síndrome de tapón do meconio, no cal unha masa dura de moco impide que o meconio se expulse, sen que haxa risco de perforación intestinal. Polo contrario, no meconium ileus hai un risco significativo de perforación intestinal. Nos enemas de bario para radioloxía, a síndrome de tapón do meconio mostra un colon normal ou dilatado en lugar do microcolon característico do meconium ileus.

Outros usos[editar | editar a fonte]

Ademais do seu uso na fisioloxía humana e dos mamíferos, o termo meconio pode ter outros usos:

  • En bioloxía, o meconio describe o produto residual metabólico do estado de pupa dun insecto que se expulsa pola abertura anal do adulto despois da súa eclosión da pupa.

Galería[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. JIMÉNEZ, Esther, et al. Is meconium from healthy newborns actually sterile?; "[1]" Research in Microbiology. Vol. 159, Issue 3, pp. 187-193.
  2. Health on the Net Foundation Mother and Child Glossary
  3. Chan D, Knie B, Boskovic R, Koren G. Placental handling of fatty acid ethyl esters: perfusion and subcellular studies. J Pharmacol ExpTher 2004; 310: 75-82.
  4. G.B. v. Dearborn County Div. of Family and Children, 754 N.E.2d 1027 (Ind.Ct.App., 2001).
  5. http://www.sciencedaily.com/releases/2010/08/100827082153.htm
  6. James H Hutchinson Practical Paediatric Problems 4th ed. London: Lloyd-Luke 1975 p. 314 ISBN 0-85324-114-7
  7. Peter G Jones Clinical Paediatric Surgery 2nd ed. Oxford: Blackwell 1976 pp 74-5 ISBN 0-632-00089-9
  8. Michael S Irish Surgical Aspects of Cystic Fibrosis and Meconium Ileus [2]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]