Magnetospirillum
Magnetospirillum | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Clasificación científica | |||||||||||||||
|
Magnetospirillum é un xénero de bacterias gramnegativas, microaerófilas e magnetotácticas, que foron illadas por primeira vez de augas de charcas polo microbiólogo R. P. Blakemore en 1975.[1][2] Caracterízanse por ter forma de espirilo ou helicoidal e ser móbiles, xa que teñen un flaxelo polar en cada extremo da célula. Describíronse catro especies neste xénero, que son: M. magnetotacticum cepa MS-1 (clasificada orixinalmente como Aquaspirillum magnetotacticum);[3] M. magneticum cepa AMB-1;[4] M. gryphiswaldense[5] e M. bellicus.[6]
O hábitat típico das especies de Magnetospirillum son corpos de auga doce pouco profundos e sedimentos, que se caracterizan por ter baixas concentracións de oxíxeno (ambiente microaerófilo). As bacterias viven na porción superior dos sedimentos (interface óxica/anóxica) e prefiren un gradiente de oxíxeno entre o 1 e o 3%. As especies de Magnetospirillum son aerotácticas, xa que se moven para situarse nos lugares onde haxa a concentración de O2 máis favorable para elas.
Probablemente a característica máis peculiar das especies de Magnetospirillum, á cal lle deben o seu nome, é a súa capacidade de orientarse segundo o campo magnético da Terra, o que se chama magnetotaxe. Isto conségueno grazas a que posúen no seu citoplasma duns orgánulos especiais chamados magnetosomas. Cando a bacteria inxire ferro, certas proteínas do seu interior interaccionan co ferro para producir pequenos cristais do mineral magnetita, que é o mineral máis magnético da Terra, grazas ao cal poden detectar o campo magnético.[7] Grazas á súa magnetotaxe poden orientarse mellor para buscar ambientes microaerófilos axeitados.
A purificación dos seus magnetosomas realízase utilizando unha columna de separación magnética despois de romper as membranas celulares. Se se mestura un deterxente cos magnetosomas purificados, estes tenden a aglomerarse en vez de permanecer en forma de cadea como normalmente están. A alta calidade dos cristais magnéticos de dominio único[8] que forman estas bacterias, espertou por elas un interese comercial. Crese que os cristais teñen o potencial de producir fitas magnéticas e drogas con diana magnética.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ *Blakemore, Richard (1975). "Magnetotactic bacteria". Science 190 (4212): 377–379. PMID 170679. doi:10.1126/science.170679.
- ↑ Maratea, D.; Blakemore, R. P. (1981). "Aquaspirillum magnetotacticum sp. nov., a Magnetic Spirillum". International Journal of Systematic Bacteriology 31 (4): 452–455. doi:10.1099/00207713-31-4-452.
- ↑ "Magnetospirillum magnetotacticum MS-1". The Joint Genome Institute. 26 Aug 2010. Arquivado dende o orixinal o 07 de xaneiro de 2013. Consultado o 08 de novembro de 2014.)
- ↑ Matsunaga, Tadashi; Sakaguchi, Toshifumi; Tadokoro, Fumihiko (1991). "Magnetite formation by a magnetic bacterium capable of growing aerobically". Appl. Microbiol. Biotechnol. 35: 651–655. doi:10.1007/bf00169632.
- ↑ Schleifer, K. H.; Schuler, D.; Spring, S.; Wiezenegger, M.; Amann, R.; Ludwig, W.; Kohler, M. (1991). "The genus Magnetospirillum gen. nov. description of Magnetospirillum gryphiswaldense sp. nov. and transfer of Aquaspirillum magnetotacticum to Magnetospirillum magnetotacticum comb. nov". Syst. Appl. Microbiol. 14 (4): 379–385. doi:10.1016/S0723-2020(11)80313-9.
- ↑ Thrash, J. C.; Ahmadi, S.; Torok, T.; Coates, J. D (2010). "Magnetospirillum bellicus sp. nov., a Novel Dissimilatory Perchlorate-Reducing Alphaproteobacterium Isolated from a Bioelectrical Reactor". Applied and Environmental Microbiology 76 (14): 4730–4737. PMC 2901729. PMID 20495050. doi:10.1128/AEM.00015-10.
- ↑ "Magnetic bacteria may help build future bio-computers". BBC News. 7 May 2012.
- ↑ Un ferroimán de dominio único é aquel no que a magnetización non varía en todo o imán.