Luna Ye-8

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Selo postal celebrando a aterraxe de Luna 17, un vehículo modelo Luna Ye-8, á Lúa.

Baixo o nome de Luna Ye-8 atópase un modelo sondas espaciais soviéticas composto por tres membros e cuxa misión era aterrar na Lúa.[1][2]

Características[editar | editar a fonte]

As sondas Luna Ye-8 estaban deseñadas para pousar vehículos de superficie con rodas para desplazarse pola Lúa e estudar a superficie in situ. Ademais funcionarían eventualmente como balizas para as hipotéticas futuras misións luares tripuladas soviéticas que non chegaron a ocorrer.[1]

O deseño orixinal das Luna Ye-8 proviña do proxecto L2 da oficina OKB-1 de Korolev, de 1963. Cara 1965 o deseño final estaba case perfilado, cambiando o proxecto de mans e indo a parar á oficina de Lavochkin. O deseño foi refinado para poder ser lanzado mediante un foguete Proton. No momento do comezo dos lanzamentos dos vehículos Luna Ye-8 os norteamericanos xa puxeran astronautas na Lúa. A misión declarada das sondas foi obter imaxes da superficie, estudar a luz ambiente para determinar a factibilidade de facer observacións astronómicas desde a Lúa, facer experimentos enviando feixes láser desde a Terra cara os vehículos na superficie (que levaban espellos retrorreflectores), facer observacións dos raios X solares, medir o campo magnético local e estudar as propiedades mecánicas da superficie luar.[1]

As sondas estaban formadas por un aterrizador e o róver (denominados Lunokhod) en si, capaz de desplazarse pola superficie, cunha masa combinada de 1814 kg. O aterrizador dos Luna Ye-8 tiña dúas ramplas polas que o róver podía baixar. Os Lunokhod tiñan forma de bañeira cunha tapa convexa e oito rodas sobre as que desplazarse. Medían 135 cm de altura, 170 cm de longo e 160 cm de ancho, cunha masa de 840 kg e podían circular a dúas velocidades, ou 1 km/h ou 2 km/h. Cada roda tiña un motor, freo e suspensión independente. Dispoñían de catro cámaras de televisión, tres delas panorámicas e cuarta usada con propósitos de navegación. Os Lunokhod eran controlados desde terra en tempo real por equipos de cinco persoas. Durante o día, a tapa superior abríase e proporcionaba enerxía mediante as células solares que cubrían a súa parte interna. Durante a noite luar (que dura uns 14 días terrestres) a tapa pechábase e róver quedaba en hibernación, manténdose os sistemas a unha temperatura adecuada grazas a unha fonte radioactiva de polonio 210.[1]

Historial de lanzamentos[editar | editar a fonte]

Voo[2] Data[1][2] Carga[1][2] Resultado[1][2] Notas
1 19 de febreiro de 1969 Luna 15a Fallo O fallo da primeira etapa do foguete Proton fixo que se estrelara a 15 km da rampla de lanzamento.
2 10 de novembro de 1970 Luna 17 (Lunokhod 1) Éxito
3 8 de xaneiro de 1973 Luna 21 (Lunokhod 2) Éxito

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 Mark Wade (2011). "Luna Ye-8" (en inglés). Consultado o 12 de xullo de 2013. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Gunter Dirk Krebs (2011). Gunter's Space Page, ed. "Luna Ye-8" (en inglés). Consultado o 12 de xullo de 2013. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]