Luís de Borgoña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Luís de Borgoña
Louis of Burgundy.jpg
Nacemento1297
Falecemento2 de agosto de 1316
 Élida
SoterradoAbadia de Cister
PaiRoberto II de Borgoña
NaiInés de Francia, duquesa de Borgoña
CónxuxeMatilda of Hainaut
IrmánsBranca de Borgoña e de Francia, Margarida de Borgoña, Xoana de Borgoña, Eudes IV de Borgoña, Hugo V de Borgoña e Marie de Borgoña
editar datos en Wikidata ]
Moeda cuñada por Luís de Borgoña.
Escudo de Luís de Borgoña.

Luís de Borgoña, nado en 1297 e finado o 2 de agosto de 1316, foi príncipe de Acaia e pretendente do Reino de Tesalónica.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Devanceiros[editar | editar a fonte]

Era o fillo máis novo de Roberto II de Borgoña e Inés de Francia. Era neto por liña paterna de Hugo IV de Borgoña e Iolanda de Dreux, e por liña materna de Luís IX de Francia e Margarida de Provenza.

Era irmán dos duques Hugo V e Eudes IV de Borgoña, de Branca de Borgoña, casada con Eduardo I de Savoia, de Margarida de Borgoña, casada con Luís X de Francia e de Xoana de Borgoña, casada con Filipe VI de Francia.

Príncipe de Acaia[editar | editar a fonte]

En 1313 tomou parte no complexo contrato matrimonial deseñado co obxectivo de asegurar o control da primeira dinastía Capeto de Anjou-Sicília e da dinastía de Borgoña para asegurar o dominio da Grecia franca:

O 31 de xullo de 1313 casou con Matilda de Hainaut, descendente de Guillerme II Villehardouin, e a quen Filipe I de Tarento dera en feudo o Principado de Acaia. Ao se converter en príncipe de Acaia, Luís de Borgoña fixo a correspondente homenaxe a Filipe I de Tarento como emperador de Constantinopla iure uxoris e rei de Tesalonica. En virtude da súa vasalaxe, accedeu a unirse a unha campaña prevista para a reconquista do Imperio latino de Constantinopla. Pola súa banda, Luís de Borgoña cedeu os dereitos sobre as terras do Ducado de Borgoña ao seu irmán Hugo V de Borgoña, para que este lle cedese o título de rei de Tesalónica, que fora vendido á súa familia en 1266.

Disputa coa Casa de Mallorca[editar | editar a fonte]

Mentres tanto, Isabel I de Acaia tivera unha irmá máis nova, Margarida de Acaia. Cando Isabel foi desposuída do principado por Carlos II de Anjou, a súa irmá, Margarida, reclamou para si mesma os dereitos sobre o Principado de Acaia dun xeito infrutuoso. Finalmente traspasou os dereitos en favor da súa filla, Isabel de Sabran, que era polo tanto curmá de Matilda de Hainaut, filla de Isabel de Acaia. Para facer valer os seus dereitos sobre a súa curmá Matilda, Isabel de Sabran casou co infante Ferrán de Mallorca, que reclamou o Principado de Acaia en nome da súa muller e preparou a conquista.

Guerra polo Principado de Achaia[editar | editar a fonte]

O infante Ferrán de Mallorca desembarcou e tomou Glarentza en 1315. Pola súa banda, Matilda de Hainaut e Luís de Borgoña chegaron por separado ao principado. Mentres Luís de Borgoña se dirixía á República de Venecia para solicitar axuda militar, Matilda zarpou directamente do porto de Marsella e desembarcou en Navarino con 1.000 soldados a finais de 1315.

Á chegada de Matilda, varios baróns, incluído o conde de Cefalonia, volveron á súa obediencia. Pero a pesar dos reforzos recibidos polos baróns, o exército de Matilda foi derrotado polas tropas do infante Ferrán de Mallorca o 22 de febreiro de 1316 na batalla de Picotín. Despois chegou Luís de Borgoña e comezou o asedio de Chalandritsa, que acabou fracasando. Ferrán de Mallorca enviou cartas á Compañía Catalá de Oriente clamando polo envío de reforzos, que foron respondidos favorabelmente por esta. Pero cando as tropas da compañía aínda estaban en camiño, o 5 de xullo de 1316 librouse a batalla de Manolada, na que o infante Ferrán foi derrotado e morto.

Só catro semanas despois, morreu Luís de Borgoña. Segundo a Crónica de Morea, a súa morte foi debida a unhas febres, pero segundo a catalá Declaratio Summa, foi envelenado por Xoán de Cefalonia. A morte de Luís de Borgoña deixou o Principado de Acaia nun estado de estancamento que deixou abertas as pretensións da súa esposa Matilde de Hainaut, o seu sobriño Eudes IV de Borgoña e Filipe I de Tarento.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografia[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]