Lola Veleiro
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 12 de xaneiro de 1959 O Carballiño, España |
Morte | 12 de outubro de 2024 (65 anos) O Carballiño, España |
Causa da morte | cancro de mama |
Educación | Universidade de Santiago de Compostela |
Actividade | |
Ocupación | emprendedora, activista cultural |
Familia | |
Cónxuxe | Miguel Anxo Fernández |
María Dolores Veleiro Alemparte, nada no Carballiño o 12 de xaneiro de 1959 e finada na mesma vila o 12 de outubro de 2024,[1] foi unha empresaria e dinamizadora cultural e turística galega.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Filla dos comerciantes Cesáreo Veleiro Bravo (fillo á súa vez de Bernardino Veleiro Francisco e de Lola Bravo) e Leontina Alemparte Martínez, e irmá de César Veleiro.[2] Estudou Dereito na Universidade de Santiago de Compostela entre 1976 e 1981, e exerceu como avogada colexiada entre 1983 e 1989 e como xuíz en réxime de provisión temporal no xulgado de Distrito do Carballiño entre 1984 e 1986.
Desde 1977 vinculouse ao Cine Club Carballiño, do que foi tesoureira en 1980 e secretaria entre 1981 e 1983. En 1987 integrouse como auxiliar nas Xornadas de Cine e Vídeo en Galicia, coas que seguiu colaborando en sucesivas edicións.
Entre 1984 e 1986 formou parte da xunta directiva do Casino do Carballiño, da que era presidente Manuel Blanco Guerra. En 1985 eliminouse a tradicional Festa da Mimosa do Carballiño, que elixía unha raíña anual, para reconvertela na Semana Cultural. Tamén en 1985 creouse a asociación fotográfica O Potiños, da que formou parte nos seus primeiros anos e coa que gañou varios concursos de fotografía do Entroido.[3] Realizou o curso de Animación Sociocultural I e II pola UNED en 1995, e centrou o seu traballo de remate no Grupo Ecoloxista Outeiro. Entre 1996 e 2003 formou parte da Axencia de Desenvolvemento Local do Carballiño, vinculada á Asociación Comarcal de Empresarios. Fixo o mestrado Axentes de empleo: Planificación, financiación e xestión de proxectos, da Universidade de Vigo (2002-2003). Participou en diversos proxectos vinculados á dinamización turística da vila e da comarca,[4] e desenvolveu o proxecto Inserción laboral de los emigrantes retornados en la comarca de O Carballiño”.[5]
Como empresaria, a comezos dos anos 90 compartiu a xerencia da empresa exhibidora Carballiño Cine S.L., na que coordinou a campaña pioneira Ven ó Cine que se desenvolveu no Carballiño (Cine Alameda e Cinema Paradiso), Verín (Cine Buenos Aires) e Lalín (Cine Lalín), co patrocinio da Dirección Xeral de Política Lingüística.[6] Entre 2007 e 2013 foi xerente da empresa de servizos culturais Lás Ideas.
Faleceu por mor dun cancro de mama.
Vida persoal
[editar | editar a fonte]En 1983 casou co escritor, historiador, crítico de cine e profesor universitario Miguel Anxo Fernández Fernández.[1] Foi nai do crítico de cine Álvaro Fernández Veleiro. Residiu en Cambados, vila á que estivo vinculada.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Miguel Anxo Fernández (14 de outubro de 2024). "Foise a miña Lola". La Voz de Galicia.
- ↑ Felipe Senén López (13 de xuño de 2023). "Miguel Anxo Fernández, O Carballiño e a súa aura como escritor e cinéfilo". Felipe Senén.
- ↑ C. Paradela (28 de marzo de 2005). "«Quiero captar momentos para la memoria»". La Voz de Galicia.
- ↑ La Región, 6 de xuño de 2003.
- ↑ La Región, 12 de decembro de 2003.
- ↑ La Región, 4 de decembro de 1994.