LightSail

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
LightSail 2 na súa configuración antes do lanzamento.

LightSail foi o nome de dous satélites artificiais da Sociedade Planetaria adicados a demostrar a viabilidade da técnica de propulsión por presión da luz solar usando unha vela solar.[1][2]

Características[editar | editar a fonte]

LightSail 2 coa súa vela solar despregada.

Os dous satélites LightSail eran CubeSats de tres unidades lanzados como sucesores da misión fallada Cosmos 1. Das tres unidades de cada CubeSat, unha funcionaba como módulo de control e electrónica mentres que as outras dúas contiñan a vela solar. Os satélites tamén levaban cámaras e sensores para monitorizar o despregue da vela. A vela solar de cada LightSail estaba composta por catro triángulos de mylar formando un cadrado de 32 m2.[1][2]

LightSail 1 foi lanzado o 20 de maio de 2015 a bordo dun Atlas 5 nunha órbita de 356 x 700 km. Despois de dous días sufriu un problema de software, deixando de responder e non conseguíndose reiniciar o ordenador de a bordo mediante comandos desde terra. Desde o control esperouse a que un impacto fortuíto de radiación espacial reiniciase o ordenador, o que sucedeu tras varios días despois do fallo, recuperándose o control do satélite. Conseguiuse despregar totalmente a vela o 7 de xuño de 2015, co satélite reentrando na atmosfera terrestre o día 15 dese mes, tras 25 días en órbita.[1][2]

LightSail 2 foi lanzado, contido á súa vez no satélite Prox 1, a bordo dun Falcon Heavy o 25 de xuño de 2019 a unha órbita de 709 x 726 km. O satélite foi despregado desde Prox 1 unha vez na súa órbita final, estendendo a súa vela o 23 de xullo de 2019, coa Sociedade Planetaria declarando o éxito da misión o 31 de agosto tras comprobar que o apoxeo da súa órbita aumentara en 2 km grazas á vela solar en catro días.[1][2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Mark Wade (2023). "LightSail A, B" (en inglés). Consultado o 9 de xuño de 2023. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Gunter Dirk Krebs (2023). Gunter's Space Page, ed. "LightSail 1, 2" (en inglés). Consultado o 9 de xuño de 2023. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]