Lei de instrución pública de 1857
A Lei de instrución pública de 1857, aprobada o 9 de setembro de 1857, tamén coñecida como lei Moyano, foi a lei reguladora da ensinanza impulsada en España en 1857 por Claudio Moyano, ministro de Fomento do goberno do Partido Moderado.[1] Supuxo a consolidadción definitiva do modelo educativo liberal e foi o fundamento do ordenamento lexislativo no sistema educativo español durante máis de cen anos.[2]
As liñas fundamentais da lei Moyano persistiron até a Lei Xeral de Educación de 1970, que estableceu a escolarización obrigatoria até os 14 anos, e a LOXSE de 1990 que aumentou esa idade aos 16.
Características
[editar | editar a fonte]Ten a súa orixe na Lei de Bases do 17 de xullo de 1857, que autorizou ao goberno a formular e promulgar unha lei de instrución pública.[3] A propia Ley de Instrucción Pública foi aprobada o 9 de setembro de 1857,[4] chegou froito do acordo entre os moderados e os progresistas[2] incorporando boa parte do Proyecto de Ley de Instrucción Pública do 9 de decembro de 1855, elaborado durante o Bienio Progresista polo Ministro de Fomento Manuel Alonso Martínez. En oposición á lei estaban os neocatólicos e a banda máis conservadora dos moderados que estaban en contra da regulamentación que se facía da ensinanza privada e porque se evitaba citar expresamente o dereito de inspección da Igexa no ensino, tal como se establecera no Concordato de 1851.
Outras leis anteriores elaboradas con consenso foran o Regulamento Xeral de Instrución Pública (aprobado en Cortes o 29 de xuño de 1821), o Plan Xeral de Instrución Pública (promovida polo Duque de Rivas e aprobada por Real Decreto o 4 de agosto de 1836) e o Plan Xeral de Estudos (Plan Pidal, Real Decreto de 17 de setembro de 1845).
Constaba de catro seccións:
- "Dos estudos". organizaba o sistema en primeira ensinanza, dividida en elemental (obrigatoria e gratuíta para que non puidera pagala) e superior; unha segunda ensinanza, con seis anos de materias xerais e materias de aplicación ás profesións industriais e, na terceira etapa, ou superior, no que se incluían as ensinanzas en facultades, ensinanzas superiores e ensinanzas profesionais.
- "Dos establecementos de ensinanza". Onde aparecía a regulamentación dos centros de ensinanza públicos e privados.
- "Do profesorado público". Regulamentaba a formación inicial, o sistema de acceso e os diferentes corpos do profesorado existente non ensino público.
- "Do goberno e administración da ensinanza pública", na que se estableceron 3 niveis de administración educativa (central, provincial e local), moi xerarquizados, cun incipiente sistema de participación cidadá para asesorar á administración.
A lei procuraba mellorar a condición da educación en España, daquela un dos países europeos con maior taxa de analfabetismo, organizando os tres niveis da primeira ensinanza:
- Ensinanza primaria, en teoría obrigatoria dos 6 aos 9 anos e gratuíta para quen non puidese pagala, pero que na práctica dependeu da iniciativa dos concellos e da iniciativa privada.
- Segunda ensinanza, para a que se preveu a apertura de institutos de bacharelato e "escolas normais" de maxisterio en cada capital de provincia, amais de permitir a ensino privado nos colexios relixiosos, que recibirían especial consideración.
- Ensinanza superior, reservándose o estado a xestión das universidades.
Recollía a existencia de centros escolares para persoas cegas e xordomudas, pero non permitía o ensino noutras linguas que non fosen o castelán.[5]
As ideas fundamentais da Lei Moyano perviviron ata a Lei Xeral de Educación de 1970. En 1974, estendeuse a escolarización obrigatoria ata os 14 anos, mediante a Lei 27/1964, de 29 de abril, sobre ampliación do período de escolaridade obrigatoria ata os catorce anos. A Lei Orgánica 1/1990 de Ordenamiento Xeral do Sistema Educativo, LOXSE, a aumentou ata os 16 anos.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Delgado Criado, B.: La educación en la España Contemporánea, 1789-1975: Volumen 3: la educación en la España Contemporánea(1789-1975). Publicaciones SM, 1994 (en castelán).
- ↑ 2,0 2,1 VV.AA. (2000), p. 41
- ↑ "MINISTERIO DE FOMENTO" (PDF). boe.es (en castelán). 22 de xullo de 1857. Consultado o 20 de novembro de 2022.
- ↑ "Ministerior de Fomento. Ley de Instrucción Pública" (PDF). boe.es (en castelán). 10 de setembro de 1857. Consultado o 20 de novembro de 2022.
- ↑ Pellicer i Borràs (2003), p. 808
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Pellicer i Borràs, Joan Enric (2003). L’ensenyament de la llengua valenciana abans de la guerra civil (en catalán). (Tese de doutoramento). Valencia: Universidade de Valencia. ISBN 84-370-5775-2.
- VV.AA. (1985). Historia de la educación en España (Vol. II, De las Cortes de Cádiz a la revolución de 1868). Colección: Breviarios de Educación N° 13 (en castelán). MAdrid: Secretaría General Técnica. Centro de Publicaciones. Ministerio de Educación y Ciencia. ISBN 84-369-0731-0.
- VV.AA. (2000). Sistema educativo español, 2000 (en castelán). Madrid: Ministerio de Educación, Cultura e Deporte. ISBN 84-369-3428-8.