Lei Pittman
A Lei Pittman (en inglés: Pittman Act) é unha lei federal dos Estados Unidos aprobada o 23 de abril de 1918 e promovida polo senador demócrata Key Pittman, de Nevada. Por medio desta lei autorizábase a conversión en lingotes dunha cantidade máxima de 350 millóns de moedas dun dólar de prata, así como a venda ou a utilización destes lingotes para a cuñaxe de moeda subsidiaria de prata e a adquisición directa de prata producida nas minas dos EEUU para a cuñaxe dun número equivalente de dólares.[1]
Por cada dólar de prata fundido e converstido en lingotes, a lei tamén esixía a retirada temporal da circulación dun valor equivalente de "certificados de prata". Estes certificados poderían ser substituídos temporalmente por unha nova emisión de billetes do Banco da Reserva Federal, incluíndo valores faciais de 1 e de 2 dólares por vez primeira.[2]
Contexto histórico e xustificación
[editar | editar a fonte]En virtude da Lei Pittman, reconvertéronse en lingotes 270.232.722 moedas dun dólar de prata (259.121.554 para a súa venda a Gran Bretaña a un dólar a onza mais os gastos de cuñaxe, e 11.111.168 para a cuñaxe de moedas subsidiarias de prata). Esta cantidade de dólares fundidos supuña arredor de 209 millóns de onzas de prata fina.[3]
Entre 1920 e 1933, con base na mesma lei, adquiriuse unha cantidade similar de prata producida nas explotacións mineiras estadounidenses, a un prezo fixo dun dólar por cada onza, e con esta prata cuñáronse 270.232.722 novas moedas dun dólar. O prezo fixo dun dólar por onza estaba por riba do prezo de mercado e actuaba como unha subvención federal á industria mineira da prata.[3]
Na Emenda Thomas á Lei de Axuste Agrícola de 1933 figuraban tamén outras disposicións acerca da moeda de prata.[4]
Malia ser certo que a Lei Pittman pretendía constituír unha axuda ás empresas mineiras da prata dos estados occidentais, este non era o seu punto principal. Unha gran parte da lei redactouse para comprar a cooperación dos políticos e colaborar na vitoria dos aliados na primeira guerra mundial.[5]
A Tripla Entente da Gran Guerra viuse axiña sometida á inflación galopante que acompañaba a guerra. Como o comercio internacional da época se realizaba en ouro e os aliados precisaban aceiro, alimentos e subministracións para o mantemento dos exércitos, retiraron da circulación todas as súas moedas de ouro. Á medida que o prezo do ouro subía, o contido deste metal superaba o valor facial das moedas aínda en circulación, o que levou ao seu acaparamento.[6]
Ao non haber ouro dispoñible, Gran Bretaña utilizaba "certificados de prata das súas colonias na India, que contribuíron en gran medida ao esforzo bélico.[7] Alemaña comezou a espallar o rumor de que o goberno británico carecía de diñeiro para responder deses certificados de papel que estaba a utilizar para a adquisicións de bens de guerra.[8]
O único lugar onde Gran Bretaña puido conseguir suficiente prata para evitar o desastre foi nos Estados Unidos, que tamén estaban a utilizar certificados de prata como moeda. Os EEUU querían conservar polo menos unha parte das súas reservas de ouro para a posguerra e as potencias europeas necesitaban urxentemente máis soldados estadounidenses na masiva guerra de desgaste que decimara os exércitos de ambos os lados. Neste contexto, os estadounidenses pensaron que Gran Bretaña e Francia estarían satisfeitos de poder contar con prata, no canto do ouro.[5]
O Goberno dos Estados Unidos planeaba fundir e converter en lingotes 350 millóns de dólares de prata e venderlle estes lingotes a Gran Bretaña. Os empresarios da minaría da prata dos estados occidentais dos EEUU e os seus representantes políticos temían que os intereses do leste provocasen, con tal pretexto, a eliminación a circulación do dólar de prata, reducindo así a demanda de prata do Goberno. Co fin de os tranquilizar e obter apoio para esta medida, o Congreso prometeu comprar prata aos mineiros occidentais despois da guerra ao mesmo prezo que lle cobraba a Gran Bretaña.[9]
Os investigadores da historia económica sinalan que a Lei Pittman debe considerarse como unha medida de emerxencia en tempos de guerra, máis que unha medida verdadeiramente monetaria.[5]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Old Series Currency Adjustment Act. United States Government Publishing Office, Washington. 1961. Páxina 23.
- ↑ Chambliss, C. R.; Hessler, G. (2014). Páxina 230.
- ↑ 3,0 3,1 Burdette, R. W. (2005). Páxina 185.
- ↑ United States Congress Senate Committee on Banking and Currency. To Repeal the Silver Purchase Act od 1934: Hearings, Apr, 19-20,24,27,1939. U.S. Government Printing Office, 1939. Páxina 90.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 "Morgan Silver Dollars – A Short History on the Pittman Act". En Coin Week. 9 de outubro de 2013.
- ↑ Libaud, O. (2015). "Le rationnement et les monnaies de nécessité durant la Première Guerre Mondiale". En Monnaie Magazine. 24 de xullo.
- ↑ "Guerre de 1914-1918. Le finencement de la guerre par l'emprunt". www.economie.gouv.fr
- ↑ "Pittman Act: Morgan Silver Dollars Melted Arquivado 04 de xaneiro de 2022 en Wayback Machine.". United Coin and Precious Metals (https://unitedcpm.com)
- ↑ United States. Congress. Pittman Act. 23 de abril de 1918.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Burdette, R. W. (2005). Renaissance of American Coinage, 1916-1921. Seneca Mill Press, Great Falls. ISBN 978-0976898603
- Chambliss, C. R.; Hessler, G. (2014). The Comprehensive Catalog of U.S. Federal Large-Size Notes, 1861-1929. Speckles Press. ISBN 978-0931960772
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Texto completo da Lei Pittman
- Analyzing the Pittman Act of 1918, Part One (Numismatic Guaranty Corporation)
- Analyzing the Pittman Act of 1918, Part Two (Numismatic Guaranty Corporation)