La escopeta nacional é un filme español de 1978 do director Luis García Berlanga que mostra un acedo retrato da clase empresarial e política dos últimos anos do franquismo, xa nos anos 70. Debido ao éxito do filme seguíronlle dous filmes máis que conformaron a triloxía da familia Leguineche: Patrimonio nacional (1981) e Nacional III (1982), ben acollidas pola crítica e o público. Berlanga inspirouse nas cazarías de Franco para realizar o filme.[1]
Inverno de 1972. Jaume Canivell (José Sazatornil), un fabricante catalán de porteiros electrónicos para edificios, viaxa a Madrid coa súa secretaria (Mónica Randall), quen en realidade é a súa amante. Van asistir a unha cazaría paga por el mesmo na leira "Los Tejadillos", propiedade dos Marqueses de Leguineche. Porén, oficialmente é o marqués quen paga a cazaría aos amigos. O obxectivo de Canivell é relacionarse coa alta sociedade para mellorar o negocio e poder vender os porteiros nas urbanizacións de nova construción. Na cazaría establece amizade con Álvaro (Antonio Ferrandis), Ministro de Industria do gabinete.
Porén, desde que chega á leira todo son sobresaltos e aparicións de personaxes absurdos. Durante a súa estadía, Canivell e a súa parella son testemuños da destrución dunha extravagante colección do marqués de Leguineche (Luís Escobar), do rapto dunha actriz masoquista (Bárbara Rey) polo fillo onanista do marqués (José Luís López Vázquez) ou do cambio de goberno que deixa ao seu contacto ministerial na rúa. Isto obriga a Canivell a gañarse agora a amizade do novo equipo de goberno, do Opus Dei, presente tamén na cazaría. Entre outros disparates, o propio Canivell debe facerse pasar por un produtor de cine, axudar na misa na capela da leira, "aceptar" que a cazaría a paga o marqués ou devolver "xenerosamente" un premio dun bingo celebrado na leira.
Entre as localizacións da rodaxe atópase a leira madrileña de "El Ricón". Está situada no municipio de Aldea del Fresno, no suroeste da Comunidade, a 53 km da capital.[2]
DELTELL, Luís: Marqués de Leguineche & son (Análise de "A escopeta nacional", "Patrimonio Nacional", "Nacional III" e dos proxectos cinematográficos "Nacional IV" e "Viva Rusia!")