La Tarde (Canarias)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

La Tarde

Sede de "La Tarde" até 1982 (rúa Suárez Guerra en Santa Cruz de Tenerife)
TipoInformación xeral
Corbranco e negro
Fundación1 de outubro de 1927
Remata1982
FundadorVíctor Zurita Soler
Matías Real González
Francisco González Viera
Linguacastelán
LocalidadeSanta Cruz de Tenerife
Ámbito(Tenerife)
Periodicidadediaria
editar datos en Wikidata ]

La Tarde foi un xornal que se publicou en Santa Cruz de Tenerife entre 1927 e 1982 en horario vespertino.

Historia[editar | editar a fonte]

O 1 de outubro de 1927 saíu á rúa o primeiro número do xornal La Tarde, nun momento crítico da historia do Arquipélago pois acababa de dividirse en dous a provincia única de Canarias que tiña, até entón, por capital a Santa Cruz de Tenerife. Foron o seu fundadores Víctor Zurita Soler, Matías Real González e Francisco González Viera e o diario caracterizouse dende os seus comezos por unha defensa dos ideais e intereses tinerfeños.

Ó longo dos seus cincuenta e cinco anos de existencia tratou de manter, sempre que lle foi posible, o carácter de medio de información independente e foi un xornal pobre en recursos económicos, pero rico en iniciativas e en logros cidadáns, tanto na longa etapa en que foi dirixido por Víctor Zurita como durante o tempo en que o dirixiu Alfonso García-Ramos.

"O seu obxectivo prioritario foi, dende os seus comezos, a defensa dos ideais tinerfeños, no plano rexional, e a liberdade e a democracia, no xeneral, sen sectarismos nin entreguismos de calquera signo".[1]

"En 1982 deixouse de publicar La Tarde, seica, por quedar obsoleta a súa hora de aparición o que, á súa vez, impediulle renovar a súa infraestrutura tecnolóxica e, polo tanto, frear a drenaxe da súa clientela cara ó seu rival, El Día.[2]

Traxectoria ideolóxica[editar | editar a fonte]

Placa conmemorativa na rúa Ruiz de Padrón da capital tinerfeña.

"Caracterízase dende un principio pola súa radical e feroz defensa de Tenerife: os seus editoriais están dirixidos a engrandecer á capital da provincia occidental e ó conxunto da illa, encabezando e promocionando campañas favorables á creación e mellora das comunicacións aéreas e marítimas. Ó longo da II República, non dubidará en amosarse como un diario favorable ó representante da burguesía insular: o Partido Republicano Tinerfeño. Partidario da orde e do desenvolvemento económico, o xornal dirixido por Víctor Zurita alíñase axiña cos sublevados do 18 de xullo de 1936".[3] Dende 1938 e até 1966, a Lei de Prensa de 1938 permitiu o control da actividade xornalística mediante a censura e o estabelecemento de consignas do réxime franquista. Foi unha etapa moi difícil para La Tarde -como para o resto da prensa española- tanto pola dura censura á que estaba sometida, como polos efectos da crise económica que vivía o país.

O nomeamento de Manuel Fraga Iribarne como Ministro de Información e Turismo supuxo o inicio dunha etapa de maior flexibilidade e posibilitou a aprobación dunha nova Lei de Prensa en maio de 1966. Esta lei recoñecía o dereito á información, a liberdade de expresión e permitía ás empresas a elección dos seus directores, así como substituía a censura pola autocensura.

En 1974, tras a morte de don Víctor Zurita, accedeu á dirección do xornal Alfonso García-Ramos coincidindo co comezo dun período de grandes cambios na historia de España, que levaron ó país á transición dun réxime ditatorial a outro democrático. Dende a súa chegada a esta dirección e até a morte de Franco, Alfonso García-Ramos impulsou a defensa dos valores democráticos e unha posición partidaria do cambio político.

"Esta decidida defensa da democracia levou ó xornal a algunhas situacións desagradables sendo a máis grave a apertura dun expediente por falta de acatamento á Lei de Principios do Movemento Nacional e Demais Leis Fundamentais, de falta de respecto ás institucións na crítica da acción política e administrativa por ir en contra da seguridade do Estado. Foi a última sanción que o Ministerio de Información e Turismo impuxo a unha publicación canaria en virtude da Lei de Prensa de 1966".

La Tarde contaba para iso cun numeroso conxunto de profesionais comprometidos coa sociedade insular e que loitaron polas liberdades e intereses do Arquipélago canario a través das diferentes columnas do diario. Redactores e columnistas que traballando ou colaborando coa Tarde marcaron unha referencia importante no desenvolvemento da vida social, política e económica da illa de Tenerife: Óscar Zurita Molina, Eliseo Izquierdo, Maisa Vidal Estarriol, Vicente Borges Delgado, Francisco Pimentel, Wenceslao Pulido, Chela, Álvaro Martín Díaz “Almadi”, Rafael Lutzardo, Olga Darias, Wenceslao H. Pulido, Luís Ramos, Enrique García Ramos, Enrique Lite, Paco Pérez, José Padrón Machín, Manuel Perdomo Alfonso, Cirilo Leal Mújica, Andrés Chávez, Paco Pousado, José Manuel Pérez e Borges, Jorge Luís Carballo, Manuel Igrexas, Salvador García, Antonio Salgado, Juan Carlos “Xuancar”, Joaquín Reguero, Anxo Morais, José Manuel Encinoso Mena, Máximo Díaz Dorta, Antonio Nóbrega Navarro, Tomás Cruz, Antonio Bernal, Paco Dorta, Pedro González, Alberto Santana...

La Gaceta Semanal de las Artes[editar | editar a fonte]

Tras a guerra civil española, a actividade de difusión da cultura que, antes do conflito bélico, desenvolvíase a través da prensa escrita e de revistas especializadas deixou de existir. Só en 1954 reaparecen as páxinas de arte e literatura na prensa tinerfeña, da man do grupo de intelectuais que no decenio dos 30 fundase Gaceta de Arte; así, Domingo Pérez Minik e Pedro García Cabrera impulsan o nacemento do suplemento Gaceta Semanal de las Artes no diario vespertino La Tarde. Durante toda a súa existencia, Gaceta Semanal das Artes foi unha páxina moi ben valorada e estimada pola tarde e o seu editor-director, pois Víctor Zurita tiña a páxina como unha das súas mellores seccións.

Este suplemento mantense até 1968 como o único que se edita nos medios de comunicación de Tenerife, congregando ó seu redor a artistas, literatos e intelectuais de diversas xeracións e que só tiñan en común a súa oposición ó réxime de Franco: en primeiro lugar a xeración de Gaceta de Arte: Domingo Pérez Minik, Pedro García Cabrera e Eduardo Westerdahl, principalmente. Unha segunda xeración correspondente ó grupo fetasiano que integran Isaac de Vega, Rafael Arozarena, Antonio Bermejo, Carlos Pinto Grote, e ós que hai que unir a Julio Tovar, Enrique Lite, Miguel Tarquis, Pedro González e outros. Por último, está a xeración de colaboradores que daría lugar, nos anos 70, ó que se denominou boom da literatura canaria, como Luis Alemany, Juan Cruz Ruiz, Emilio Sánchez Ortiz, Arturo Maccanti, Alberto Omar e outros. A estes nomes habería que unir, ademais, colaboradores máis difíciles de integrar nun grupo, como Elfidio Alonso Quintero, Francisco Pimentel, Tomás Eladio Quintero, Felipe Padrón Sanabria, Nivaria Tejera, Ángel Acosta, José María de la Rosa, Francisco Lezcano, Cipriano Acosta, Pedro Lezcano e Lázaro Santana, por citar algúns nomes.

Como se pode apreciar, unha ampla relación de colaboradores, de ningún xeito esgotada, polo que se pode afirmar que Gaceta Semanal de las Artes, durante toda a súa existencia a única sección cultural da prensa de Tenerife, aglutinou ó redor de si a todas as persoas con inquietudes artísticas ou literarias, tivesen ou non unha traxectoria previa que as avalase".[4]

Directores[editar | editar a fonte]

  • Víctor Zurita Soler (1927-1974)
  • Alfonso García-Ramos (1974-1980)
  • Óscar Zurita Molina (1980-1982)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Pico de águilas y otros artículos. ACT, Cabildo de Tenerife. ISBN 84-87340-06-7. 
  2. "Del proselitismo ideológico a la información y la interpretación de la noticia: panorama retrospectivo, a medio y corto plazo, del periodismo contemporáneo en Tenerife, 1898-1991" (16). Centro Asociado de la UNED. ISSN 0211-2140. 
  3. Alfonso García-Ramos. Idea. ISBN 978-84-8382-448-1. 
  4. "'Gaceta semanal de las artes': el renacimiento de las páginas culturales en la prensa de Tenerife" (5). Laboratorio de Tecnologías de la Información y Nuevos Análisis de Comunicación Social. ISSN 1138-5820. Arquivado dende o orixinal o 02 de decembro de 2017. Consultado o 05 de febreiro de 2017. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • García-Ramos, Alfonso (1990). Pico de águilas y otros artículos. Santa Cruz de Tenerife: ACT, Cabildo de Tenerife. ISBN 84-87340-06-7. 
  • Izquierdo Pérez, Eliseo (2005). Periodistas canarios: siglos XVIII al XX: Propuesta para un diccionario biográfico y de seudónimos. Islas Canarias: Dirección General del Libro, Archivos y Bibliotecas. ISBN 84-7947-397-5. 
  • León Álvarez, Aarón (2008). Alfonso García-Ramos. Santa Cruz de Tenerife: Idea. ISBN 978-84-8382-448-1. 
  • Yanes Mesa, Julio Antonio (1997). "Del proselitismo ideológico a la información y la interpretación de la noticia: panorama retrospectivo, a medio y corto plazo, del periodismo contemporáneo en Tenerife, 1898-1991". Boletín Millares Carlo (Las Palmas de Gran Canaria: Centro Asociado de la UNED) (16): 276. ISSN 0211-2140. 
  • Zurita Andión, José Luis (2009). Víctor Zurita Soler. Santa Cruz de Tenerife: Idea. ISBN 978-84-8382-931-8.