Kazimierz Laskowski

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Kazimierz Laskowski
Nacemento7 de novembro de 1899
Lugar de nacementoTroitsk
Falecemento20 de outubro de 1961
Lugar de falecementoVarsovia
NacionalidadePolonia
Ocupaciónesgrimista e boxeador
PremiosHonoured Administrator of Physical Education, Medal of Victory and Freedom 1945, Decade of Independence Regained, Silver Cross of Merit, Gold Cross of Merit‎, War Medal 1918-1921 e Cruz de Valor
editar datos en Wikidata ]

Kazimierz Laskowski, nado en Troitsk o 7 de novembro de 1899 e finado en Varsovia o 20 de outubro de 1961, foi un militar, boxeador, tirador de esgrima e activo promotor do deporte polaco, gañador dunha medalla olímpica.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Retrato de 1924

Era o terceiro fillo do enxeñeiro de minas Wacław Laskowski, e de Maria Joanna, desterrado en Siberia pola súa participación na preparación do asasinato do tsar Alexandre II realizado o 13 de marzo de 1881 por Ignacy Hryniewiecki. O seu irmán Otton foi tamén un militar célebre. Os seus primeiros estudos realizounos na casa familiar e xa os secundarios fíxoos en institutos de Troitsk (1910-1911), Witebsk (1911–1914) e Varsovia (1914–1918) e era membro desde 1916 da organización xuvenil Sokół, onde realizou os rudimentos do adestramento militar e asemade practicou numerosos deportes no Círculo Deportivo de Varsovia. O 9 de novembro de 1918 entrou na Escola de Infantaría do exército polaco, tomando parte nalgunhas accións que os cadetes realizaron para desarmaren os alemáns nos días finais da primeira guerra mundial, graduouse en 1919 como subtenente. Participou na guerra polaco-soviética de 1920 primeiro ao mando dun pelotón da 7ª Compañía do 14º Rexemento de Infantaría e despois ao mando da súa propia compañía no 44º Rexemento de Fusileiros, distinguíndose na batalla de Kuszlin (Ucraína) o que lle mereceu a Cruz ao Valor. En 1921 participou no primeiro curso para profesores de educación física organizado pola Academia Militar de Ximnasia e Deportes (AMXD) de Poznan e o Departamento de Educación Física da Universidade de Poznan, graduándose ao ano seguinte e traballando como instrutor de boxeo e esgrima na Academia Militar de Ximnasia e Deportes en 1922 e 1923. O 1 de xaneiro de 1923 foi promovido ao rango de tenente. Entre 1923 e 1926 foi instrutor, subdirector e xefe de educación física na Escola de Infantaría de Varsovia e asemade instrutor no Instituto Central de Educación Física. Nesta época estivo volcado no boxeo, celebrando 27 combates oficiais (gañando 24) e en 1925 foi o campión militar polaco en peso semimedio; foi un dos fundadores da Federación Polaca de Boxeo e foi secretario da súa primeira executiva e foi tamén árbitro de boxeo.

Laskowski como árbitro de boxeo en 1930

Nos anos 1926 e 1929 estivo de novo na AMXD como instrutor e director dos cursos de esgrima. En 1929 ensinou esgrima, boxeo e técnicas de combate e rescate de afogados na Universidade de Educación Física Józef Piłsudski de Varsovia e desde 1931 ata 1939 foi o xefe do departamento de educación física, e colaborou canda seu irmán Otton na Encyklopedia Wojskowa, enciclopedia dedicada a temas militares, escribindo tamén artigos en diversas publicacións especializadas sobre a educación física. En 1937 ascendeu a capitán. Ao inicio da Invasión de Polonia estaba ao mando da 2ª Compañía do 95 Rexemento de Infantaría, feito prisioneiro o 27 de setembro de 1939 pasando o resto da guerra nun campo de prisioneiros de guerra en Woldenberg, organizando o adestramento físico e competicións de boxeo entre o resto dos prisioneiros. Liberado polas tropas estadounidenses o 2 de maio de 1945, traballou na Administración das Nacións Unidas para o Auxilio e a Rehabilitación estando ao mando en 1945 e 1946 do Campo Oxford, para refuxiados chegados á zona británica desprazados do Báltico de etnias lituana, letoa e estoniana. En 1946 estivo na Misión Militar Polaca e no Consulado de Berlín como representante polaco no Consello de Control Aliado. En 1948 volveu a Polonia co rango de maior con destino na organización paramilitar xuvenil Służba Polsce. En 1949 pasou a dar clases na Universidade de Educación Física, sendo desde 1954 o xefe do departamento de esgrima, boxeo e tiro ata a súa morte en 1961, adestrando tamén entre 1951 e 1960 a sección de esgrima da Asociación Académica Deportiva. Foi autor de numerosos libros dedicados ao deporte: Boks (1932) dedicado ao boxeo, Samoobrona w 17 chwytach (1934) libro de autodefensa, Nauczanie szermierki na szable, (1935) libro de esgrima, Ratowanie tonących (1939) sobre rescate de afogados, Walka wręcz (1939), tácticas de combate, Tablice współzależności wszystkich możliwych działań szermierczych (1950) de esgrima, Definicje pojęć i działań szermierczych, (1950) de esgrima, Sportowa szermierka na bagnety, (1951) dedicado á esgrima con baionetas, Historia Szermierki (1953) sobre a historia da esgrima.

Traxectoria na esgrima[editar | editar a fonte]

O primeiro éxito importante foi o primeiro lugar que logrou no Campionato Xuvenil que se realizou en Varsovia en 1917. En 1923 foi terceiro en sabre e espada nos Campionatos Académicos Polacos e ao ano seguinte foi terceiro en esgrima nos Campionatos Académicos Mundiais que se celebraron en Varsovia. Entre 1923 e 1937 foi varias veces, nas tres armas, campión militar polaco. Foi campión polaco en tres ocasións (1929 en espada, 1930 en sabre e 1931 en espada). Participou nos Xogos Olímpicos de 1928 co equipo polaco de sabre, conseguindo a medalla de bronce. En 1930 nos Campionatos de Europa foi terceiro co equipo de sabre e nos Campionatos Militares Europeos do mesmo ano foi segundo en sabre e terceiro en sabre por equipos. Foi xuíz en diversas competicións de esgrima e organizou competicións de esgrima.