KOMPSAT

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «KOMPSAT 3A»)
Representación de KOMPSAT 3A.

KOMPSAT (Korean Multi-purpose Satellite), tamén denominados Arirang, é unha familia de satélites artificiais multipropósito de Corea do Sur.[1]

Características[editar | editar a fonte]

Os satélites KOMPSAT son satélites adicados á observación terrestre tanto de maneira óptica como mediante radar para o estudo da Terra, o descubrimento e xestión de recursos, o levantamento de cartografía e a axuda en emerxencias.[1]

KOMPSAT 1 (Arirang 1)[editar | editar a fonte]

O primeiro KOMPSAT foi desenvolvido por KARI (Korean Aerospace Research Industry) e a empresa estadounidense TRW. Levaba a bordo tres instrumentos para, entre eles unha cámara para observar a superficie terrestre. O satélite tiña unha masa de 469 kg e foi lanzado o 21 de decembro de 1999 mediante un foguete Taurus 2110 desde a Base Vandenberg da Forza Aérea a unha órbita de 694 x 729 km. A misión de KOMPSAT 1 deuse por terminada o 31 de xaneiro de 2008, despois da perda de contacto co satélite.[2][1]

KOMPSAT 2 (Arirang 2)[editar | editar a fonte]

KOMPSAT 2 foi lanzado para obter imaxes de alta resolución cunha resolución de ata 1 m e crear mapas e modelos dixitais de elevación para prevención e xestión de riscos. Foi desenvolvido por KARI e Astrium e lanzado mediante un Rokot KM o 28 de xuño de 2006 desde o cosmódromo de Plesetsk. Tiña unha masa de 798 kg e foi enviado a unha órbita de 677 x 703 km.[3][1]

KOMPSAT 3 (Arirang 3)[editar | editar a fonte]

KOMPSAT 3, similar a KOMPSAT 2, foi lanzado o 17 de maio de 2012 mediante un foguete H-IIA desde o Centro Espacial de Tanegashima a unha órbita de 535 x 552 km. Tamén foi desenvolvido por KARI e Astrium e tiña unha masa de 800 kg. Foi lanzado para tomar imaxes de alta resolución (ata 70 cm) no espectro visible.[4][1]

KOMPSAT 3A (Arirang 3A)[editar | editar a fonte]

A misión de KOMPSAT 3A era tomar imaxes de alta resolución no visible (50 cm de resolución) e no infravermello (5,4 m). Moi similar a KOMPSAT 3, foi desenvolvido por KARI e Astrium e tiña unha masa de 1100 kg. Foi lanzado o 25 de marzo de 2015 usando un foguete Dnepr desde a base aérea de Dombarovski.[5][1]

KOMPSAT 5 (Arirang 5)[editar | editar a fonte]

KOMPSAT 5 foi o primeiro satélite coreano en utilizar un radar de apertura sintética (SAR). O radar de KOMPSAT 5 funciona en banda X e pode observar tanto de día como de noite independentemente da meteoroloxía a nivel do solo cunha resolución de ata 1 metro. A súa misión é obter datos para alimentar sistemas de información xeográfica, facer monitorización dos océanos, xestión de terras, control de desastres e estudos ambientais. Foi lanzado o 22 de agosto de 2013 mediante un foguete Dnepr desde a Base Aérea de Dombarovskii.[6][1]

Historial de lanzamentos[editar | editar a fonte]

Misión[1][2][3][4][5][6] Data de lanzamento[1][2][3][4][5][6] Foguete lanzador[1][2][3][4][5][6] Notas[1][2][3][4][5][6]
KOMPSAT 1 21 de decembro de 1999 Taurus 2110 Éxito
KOMPSAT 2 28 de xullo de 2006 Rokot KM Éxito
KOMPSAT 3 17 de maio de 2012 H-IIA Éxito
KOMPSAT 5 22 de agosto de 2013 Dnepr Éxito
KOMPSAT 3A 25 de marzo de 2015 Dnepr Éxito

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 Mark Wade (2020). "KOMPSAT" (en inglés). Consultado o 13 de agosto de 2020. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "KOMPSAT 1 (Arirang 1)" (en inglés). Consultado o 13 de agosto de 2020. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "KOMPSAT 2 (Arirang 2)" (en inglés). Consultado o 14 de agosto de 2020. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "KOMPSAT 3 (Arirang 3)" (en inglés). Consultado o 14 de agosto de 2020. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "KOMPSAT 3A (Arirang 3A)" (en inglés). Consultado o 14 de agosto de 2020. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "KOMPSAT 5 (Arirang 5)" (en inglés). Consultado o 14 de agosto de 2020. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]