KAS Eupen

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
KAS Eupen
NomeKönigliche Allgemeine Sportvereinigung Eupen
Alcume(s)Pandas
Fundación9 de xullo de 1945 (78 anos)
EstadioKehrwegstadion, Eupen
Inauguración1947
Capacidade8.363
PropietarioAspire Zone Foundation
PresidenteQatar Mishal bin Khalifa bin Nasser Al-Thani
AdestradorAlemaña Florian Kohfeldt
LigaPro League de Bélxica
2022/2315º
Na rede
https://www.as-eupen.be/
Facebook: kaseupen.official Twitter: kas_eupen Instagram: kaseupenofficial Youtube: UCzIFiyQzKGA4fCZ1IA5qNpQ Editar o valor em Wikidata
Titular
Alternativo
Terceiro

O KAS Eupen (abreviatura de Königliche Allgemeine Sportvereinigung Eupen e coñecido simplemente como Eupen) é un club de fútbol belga con sede en Eupen, provincia de Liexa, que milita na Pro League belga, a máxima categoría do fútbol do país. Foi fundado o 9 de xullo de 1945 pola fusión do Jugend Eupen e o FC Eupen 1920.

Dende a súa fundación, o club xoga os seus partidos como local no Kehrwegstadion de Eupen. O Eupen é o primeiro club belga da Comunidade Xermanófona de Bélxica que xogou na máxima división belga.

Historia[editar | editar a fonte]

Fundación e primeiros anos[editar | editar a fonte]

O KAS Eupen foi fundado o 9 de xullo de 1945 a partir da fusión de dous clubs máis antigos de Eupen: o Jugend Eupen e o FC Eupen 1920.[1] Xogou o seu primeiro partido oficial o 21 de xullo do mesmo ano, nun torneo festivo durante unha festa nacional.[2]

Poucas semanas despois, o club disputou a súa tempada inaugural na II División Provincial de Liexa.[2] Aínda que en 1947 se construíu a primeira bancada e ao ano seguinte se instalou a iluminación, mellorando así a infraestrutura, o club non puido evitar o descenso á II División Rexional.[2] Baixo o liderado do xogador e adestrador Roger Burgers, o Eupen gañou o primeiro título da súa historia, que se repetiu ao ano seguinte, o que permitiu ao club alcanzar as divisións nacionais por primeira vez en 1951.[2]

A primeira etapa do club nas divisións nacionais foi curta, pero conseguiu un novo ascenso ao final da tempada 1955/56, liderado por Albert Bertrand.[2] Despois dun novo descenso dous anos despois, o club volveu ascender antes en 1961 para estabilizarse nas divisións superiores ata 1969.[2]

Chegado ao club en 1966, Hubert Van Dormael levou ao equipo a un segundo posto na tempada 1967/68, antes de conseguir un histórico primeiro ascenso á Terceira División belga na tempada seguinte, por diante do LC Bastogne e do Herve FC. O club decidiu entón construír unha nova bancada.[2] No proceso, Van Dormael levou ao equipo ao título de Terceira División, o que supuxo o seu primeiro ascenso á Segunda División belga. O equipo gañador do título contou con algúns dos xogadores máis emblemáticos da historia do club, entre eles Werner Pirard e Karl Franssen, o histórico capitán Günter Brüll, así como o porteiro Elmar Keutgen, futuro alcalde da cidade de Eupen e deputado do Parlamento da Comunidade Xermanófona de Bélxica.[2][1]

Os Cinco de Ouro[editar | editar a fonte]

De cara á súa primeira tempada na segunda división do fútbol belga, o Eupen e o seu adestrador Paul Brossel eran ambiciosos O club fichou a Gerhard Prokop, procedente do Alemannia Aachen, considerado un dos tres mellores porteiros da Bundesliga pola prensa deportiva alemá xunto con Sepp Maier e Manfred Manglitz.[2] O Eupen perdeu o seu primeiro partido na casa contra o FC Malinois pero gañou o seguinte contra o Daring Club Bruxelles de Jean Nicolay, logrando así a súa primeira vitoria na segunda división.[2]

Despois de sobrevivir á súa primeira tempada no segundo nivel, o club conseguiu outra gran fichaxe: Philippe Garot.[2] Unhas semanas máis tarde, un segundo xogador alemán, Helmut Graf, chegou desde o Bonner SC.[2] O Eupen conseguiu de novo a permanencia na segunda división, rematando na décima posición na tempada 1971–72.[2] Ao final da tempada e despois de seis anos no club, Hubert Van Dormael foi substituído por Gerhard Prokop, que asumiu a dirección como xogador-adestrador.[2] Pero a falta de fondos obrigou ao club a desfacerse dalgúns xogadores clave ao final da tempada, entre eles Philippe Garot.[2]

Paul Brossel volveu optar por contratar xogadores en Alemaña, e fíxose co máximo goleador da Rot-Weiß Oberhausen, Ulrich Kallius, que chegou ao Eupen ao comezo da tempada 1972–73.[2] Kallius pasou á historia do club como un dos seus mellores dianteiros, marcando 16 goles en 25 partidos esa tempada.[3] A pesar diso, o Eupen só puido ser 13º.[2]

Aínda con problemas económicos, o club volveu verse obrigado a vender algúns dos seus mellores elementos e Kallius e Graf puxeron rumbo ao Olympique Charleroi.[2] Para compensar estas saídas, Paul Brossel conseguiu fichar outro dianteiro alemán: utilizando o diñeiro recibido pola venda de Kallius, adquiriu a Rainer Gebauer, dianteiro do FC Köln.[4] A tempada 1973/74 supuxo o regreso de Hubert Van Dormael,como adestrador, volvendo Prokop só ás funcións de xogador. Isto deu os seus froitos e no outono o equipo ocupaba o primeiro posto da clasificación da liga, manténdose no liderado ata a última xornada ante o Lokeren. Nese último encontro, o Eupen adiantouse no marcador a falta de 15 minutos, pero o Lokeren empatou de penalti antes de marcar un segundo gol ao final do partido.[5] Isto significou que o Lokeren superase ao Eupen na clasificación, e que se perdese o ascenso directo.[2] O Eupen accedeu entón ao play-off de ascenso, pero a moral desaparecera e o equipo rexistrou seis derrotas noutros tantos partidos.[2]

Á decepción deportiva sumáronse novos problemas económicos que obrigaron ao club a vender de novo os seus mellores xogadores: Gebauer marchou ao Charleroi, Taeter fichou polo Winterslag e Prokop co Aachen.[2] O club, con todo, continuou desenvolvendo a súa infraestrutura, creando a súa primeira xunta directiva e instalando unha nova iluminación no estadio.[2] O equipo continuou con dificultades nas seguintes tempadas, e sufriu o descenso á Terceira División ao final da tempada 1974/75.[2]

Altibaixos[editar | editar a fonte]

Bancada do Kehrwegstadion, sede do Eupen.

Con René Irgel como novo adestrador, o Eupen gañou o título na tempada seguinte, o que lle permitiu regresar á segunda división. Con todo, o club volveu descender ao ano seguinte.[1]

Despois de varias tempadas na terceira división, o club gañou de novo o ascenso ao final da tempada 1980/81.[1] Durante este período producíronse tres grandes cambios: o club optou por centrar a súa política deportiva na formación,[2] o Concello de Eupen comprou as instalacións do club por un período de 30 anos en maio de 1979, e a entidade cambiou o seu nome para converterse no Allgemeine Sportvereinigung Eupen.[2]

Con xogadores principalmente novos, e con Claude Siemianow no banco, o club gañou un novo título da Cuarta División en 1984, regresando así á Terceira División. O máximo goleador da liga por segundo ano consecutivo, Pierrot Thissen, tivo un papel importante neste éxito.[2]

O club permaneceu na terceira división ata o final da tempada 1987/88, cando caeu de novo á cuarta, na que se mantivo varios anos. Incluso foi preciso o retorno providencial da lenda do club, Hubert Van Dormael, para salvar o equipo dun novo descenso na primavera de 1989. A partir de 1992, as actuacións melloraron e en 1995, baixo a dirección de Tony Fagot, o Eupen terminou segundo na liga e volveu acadar a terceira división, esta vez a través dos play-offs de ascenso.[1][2] Entre os principais xogadores deste período están o porteiro local, Frank Neumann e Frank Mockel.[1]

De volta na terceira división, o club celebrou nesta ocasión o seu cincuenta aniversario, obtendo o título de "Real" o 28 de setembro de 1995.[1] No terreo de xogo, o equipo adestrado por Claudy Chauveheid volveu á parte alta da clasificación.[6] Durante este período, o primeiro equipo estaba formado principalmente por xogadores novos da rexión, como Marc Chauveheid, fillo do adestrador e autor de 90 goles durante a súa carreira no Eupen.[7] Grazas en particular a esta conexión pai-fillo, o club gañou outro título e volveu á segunda división por primeira vez desde 1977. Sorprendentemente, o club optou ao ascenso á Primeira División, que estivo preto de acadar na tempada 2002/03, antes de perder finalmente nos play-offs.[1]

Os resultados do Eupen empeoraron nas seguintes campañas, e tras a saída de Claudy Chauveheid,[8] o equipo caeu ao fondo da segunda división no inverno de 2008. Nese momento, investidores italianos, representados por Antonino Imborgia, tomaron o relevo no Kehrweg.[9] Realizáronse numerosas fichaxes, moitos deles xogadores de Italia e Suíza.[9] O club comezou a primavera con Danny Ost como adestrador e conseguiu evitar o descenso á terceira categoría.[1] N tempada 2009/10 liderou a segunda división durante varias xornadas e finalmente clasificouse por terceira vez na súa historia para o play-off de ascenso á Pro League belga.[1] Aínda que non era considerado favorito antes do play-off, o Eupen logrou un ascenso histórico tras a vitoria por 2-1 sobre o Mons. O ascenso supuxo a primeira vez que un club da Comunidade Xermanófona de Bélxica chegaba á máxima categoría.[1][9]

Debut na Primeira División[editar | editar a fonte]

A total profesionalización, esixencia marcada pola Primeira División belga para poder xogar na máxima división, supuxo en particular a modernización e ampliación do Kehrwegstadion.[9][10] Durante as obras, o Eupen xogou os seus primeiros partidos na casa no Stayen de Sint-Truiden.[11] Os seus primeiros pasos na primeira división foron difíciles, e o equipo sufriu cinco derrotas en cinco partidos. Danny Ost foi destituído e substituído por Ezio Capuano. Só permaneceu 19 días á fronte do equipo antes de dimitir e ser substituído por Albert Cartier.[12] Co adestrador francés o equipo foi mellorando aos poucos. No seu debut no estadio reconstruído, o Eupen goleou por 6-0 ao Sint-Truiden,[13] vitoria á que seguiron outros resultados positivos, pero o equipo mantívose loitando contra o descenso durante boa parte da tempada 2010/11. Finalmente, tivo que disputar a fase de permanencia, e acabou descendendo de novo a segunda.[14]

Propiedade de Qatar[editar | editar a fonte]

En xuño de 2012, o club foi comprado polo goberno de Qatar e a súa Aspire Zone Foundation, propietaria tamén do Paris Saint-Germain. A Aspire Academy anunciou a súa intención de usar o club como plataforma de lanzamento ao fútbol europeo para os seus futbolistas das academias de África, América do Sur e Asia.[15] O Eupen acabou segundo na Segunda División 2015/16, conseguindo o ascenso á máxima categoría do fútbol belga por segunda vez na súa historia e acadou a permanencia na seguinte.[1]

A tempada 2017/18 comezou sen os mellores goleadores da última tempada, Onyekuru e Sylla. O Eupen ocupou postos de descenso durante a maior parte da tempada e o adestrador Jordi Condom foi destituído e substituído polo ex internacional francés Claude Makélélé. O KV Mechelen converteuse no seu principal rival pola permanencia, e ambos equipos chegaron á última xornada empatados a puntos pero con mellor diferenza de goles para o Mechelen. O Mechelen gañou o seu partido por 2-0, polo que o Eupen precisaba gañar por tres goles para seguir en Primeira, e conseguino ao golear por 4-0 ao Royal Excel Mouscron, con dous goles de Toyokawa e outros dous do capitán, o asturiano Luis García. Na tempada 2018/19, o club acadou o posto 12º da táboa, evitando loitar polo descenso por primeira vez na súa historia.

Palmarés[editar | editar a fonte]

Nacional[editar | editar a fonte]

  • Terceira División belga: (3): 1969–70, 1975–76, 2001–02
  • Cuarta División belga: (2): 1968–69, 1983–84

Rexional[editar | editar a fonte]

  • Primeira Provincial de Liexa: (1): 1955–56

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 "Historia". as-eupen.be (en alemán). Consultado o 18 de setembro de 2023. 
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 2,12 2,13 2,14 2,15 2,16 2,17 2,18 2,19 2,20 2,21 2,22 2,23 2,24 2,25 2,26 Falter, Erich (1995). 50 Jahre A.S. Eupen 1945-1995 (en alemán). Eupen: Grenz-Echo Druckerei. 
  3. "„Ole“ Kallius und das Desaster des HSV, in dessen Veteranen-Elf er 14 Jahre u.a. mit Seeler und Magath spielte" (en alemán). 2 de xullo de 2020. Consultado o 18 de setembro de 2023. 
  4. "Rainer Gebauer: „Das Jahr in Eupen war gigantisch, einmalig“ [1. Teil]" (en alemán). 16 de xaneiro de 2017. Consultado o 18 de setembro de 2023. 
  5. "KSC Lokeren in Konkurs: Erfolgsstory fing 1974 mit einem umstrittenen 2:1-Sieg gegen die AS Eupen an" (en alemán). 20 de abril de 2020. Consultado o 18 de setembro de 2023. 
  6. "« Claudy Chauveheid, celui qui m’a lancé »" (en francés). 16 de decembro de 2015. Consultado o 18 de setembro de 2023. 
  7. "Le maintien vu par le meilleur buteur de l'histoire d'Eupen: "Frustrant de jouer sa saison sur 90 minutes"" (en francés). 11 de marzo de 2018. Consultado o 18 de setembro de 2023. 
  8. "Eupen et Chauveheid se quittent" (en francés). 21 de decembro de 2004. Arquivado dende o orixinal o 28 de xuño de 2021. Consultado o 18 de setembro de 2023. 
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 "L'As Eupen en D1, c'est fait !" (en francés). 22 de maio de 2010. Consultado o 18 de setembro de 2023. 
  10. "Vers un Kehrweg de 8 000 places" (en francés). 5 de xuño de 2010. Consultado o 18 de setembro de 2023. 
  11. "Amper 2000 fans op Stayen voor Eupen-G. Beerschot" (en neerlandés). 18 de setembro de 2010. Consultado o 18 de setembro de 2023. 
  12. "Capuano na 19 dagen al weg bij Eupen, Cartier neemt over" (en neerlandés). 24 de set. de 2010. Consultado o 19 de setembro de 2023. 
  13. "L'incroyable première victoire Eupen Saint-Trond 6 0" (en francés). 18 de outubro de 2010. Consultado o 19 de setembro de 2023. 
  14. "Degradatie naar tweede is geen drama voor Eupen" (en neerlandés). 8 de maio de 2011. Consultado o 18 de setembro de 2023. 
  15. "Qatari Soccer Empire Buys a Foothold in Europe". The New York Times (en inglés). 15 de xullo de 2014. Consultado o 18 de setembro de 2023. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]