Kösem Sultan

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Kösem Sultan
Kösem Sultana.jpg
Nacementoc. 1590
 Descoñecido
Falecemento3 de setembro de 1651
 Constantinopla
SoterradaMesquita Azul
NacionalidadeImperio Otomán
Etniadescoñecida
RelixiónIslam
Ocupaciónregente
CónxuxeAhmed I
FillosGevherhan Sultan, Murad IV, Ibrahim I, Fatma Sultan, Şehzade Kasim, Ayşe Sultan, Şehzade Mehmed e Burnaz Atike Sultan
editar datos en Wikidata ]

Devletlu İsmetlu Mahpeyker Kösem Valide Sultan Aliyyetü'ş-Şân Hazretler, nada contra 1590 e finada o 2 de setembro de 1651, máis coñecida como Kösem Sultan, foi a esposa favorita do harén de Ahmed I, sultán do Imperio Otomán, e nai (valide sultan) de dous sultáns posteriores. Kösem Sultan serviu como gobernante oficial dúas veces e foi a segunda muller na historia otomá en gobernar legalmente o reino, converténdose nunha das figuras máis significativas do período coñecido como sultanato das mulleres (1533-1656) e exerceu o poder na administración pública durante uns 30 anos [1].

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Nada é o que se coñece sobre a súa orixe ou dos seus primeiros anos de vida[1] aínda que tradicionalmente considerada grega ou bosnia [2]mais o certo é que só se sabe que entrou no harén do sultán Ahmed I con 15 anos. Ao se converter ao Islam adoptou o nome de Mahpeyker ("en forma de lúa", é dicir, curvo). Hai diferentes versións do nome Kösem, seica era moi fermosa e a súa pel "lisa e sen pelo" e, polo tanto, recibiría o nome de Kösem ( köse = "sen pelo")[1]. Por outra banda, as palabras turcas otomás kösem / kösemen tamén significaban líder, persoa independente.

En calquera caso, Kösem combinou intelixencia e beleza, e superou ás outras mulleres do harén de Ahmed I ata converterse na favorita do sultán[1] xa nos primeiros anos da súa estadía no harén como parte dunha serie de mudanzas na xerarquía do harén imperial. A destitución en xaneiro de 1604 de Safiye Sultan, a avoa do sultán e a que dirixía a actividade do harén e a morte de Handan Sultan, a nai do sultán, en novembro de 1605 permitiu o seu ascenso na xerarquía de Kösem dende a súa posición de concubina de segundo ou terceiro grao[3]. Kösem deu a luz catro fillos e tres fillas. Os seus dous fillos, Murad e Ibrahim, convertéronse máis tarde en sultáns, do mesmo xeito que o seu neto Mehmed. [1] As fillas, Ayşe Sultan e Fatma Sultan, son coñecidas polos seus numerosos matrimonios políticos; Ayşe casou seis veces durante a súa vida e Fatma sete[4]

En 1612 o embaixador de Venecia describiuna como unha muller fermosa, intelixente e amada polo sultán que a mantiña a carón todo o tempo e escoitábaa nalgúns asuntos. Catro anos despois, segundo outro diplomático veneciano, aumentara o seu poder e podía facer todo o que quería, o sultán non lle negaba nada pero tampouco interfería en todos os asuntos, xa que o sultán non quería dar a impresión de que o dirixían mulleres, como fixera seu pai [3].

Gobernante[editar | editar a fonte]

Murad IV.jpg
Sultan ibrahim Sahand Ace.jpg


Dous fillos de Kösem Sultan foron sultáns do Imperio Otomán. Esquerda: Murad IV (ca. 1612–1640) Dereita: Ibrahim (ca. 1615–1648)

Ao morrer Ahmed I con 27 anos en 1617, Kösem apoiou ao seu irmán Mustafá I como herdeiro da coroa. Kösem aliouse cos xanízaros, o que lle garantiu o seu apoio, que se converteu nun factor político poderoso. Como gobernante, o reinado do débil Mustafá durou menos dun ano, e foi Kösem quen na práctica gobernou, xa que o sultán sufría problemas de saúde mental, e acabou deposto do trono, o que supuxo un revés para Kösem. A continuación subiu ao trono Osmán II, o fillo de Ahmed I coa súa segunda esposa e Kösem permaneceu á marxe da administración, pero como no caso de Mustafá, mantivo a súa valiosa posición como valide sultan, xa que ningún dos dous sultáns tiña unha nai viva[5] [2].

En 1622 os xanízaros reveláronse e depuxeron e pouco despois executaron a Osman II, e Mustafá I volveu ao poder. Despois do curto reinado de Mustafá, Murad IV, o fillo de 14 anos de Ahmed I e Kösem, subiu ao trono. Kösem declarouse a si mesma gobernante oficial ata seu fillo alcanzar a maioría de idade [1]. Cando Murad chegou á maioría de idade aos 20 anos o poder pasou dos xanízaros e da súa nai ás súas mans e foi capaz de gobernar de forma independente, o que constitúe unha excepción no século XVII otomán [6].

No Imperio otomán existía o costume de executar o irmán do sultán que chegara ao poder, e tiña a súa orixe no interregno otomán, un período do século XV no que os fillos do sultán Bayezid I loitaron polo poder e o reino non tivo un gobernante indiscutible durante 11 anos. Non obstante, Kösem convenceu a Murad para non seguir esa práctica e tras a súa morte en 1640 por cirrose hepática, Ibrahim I converteuse en sultán. Así e todo, Ibrahim foi un gobernante inseguro; vivira baixo arresto e con medo constante a que Murad mandara matalo. Era neurótico, padecía dores de cabeza e ataques de pánico e co tempo demostrou ser inadecuado pola súa saúde mental. E aínda que os primeiros anos do seu reinado foron ben co paso do tempo Kösem volveu tomar o poder como gobernante real. O seu rival era o gran visir Kemankeş Kara Mustafa Pasha, quen tiña o favor do sultán. Kösem aliouse contra o gran visir co curandeiro e favorito do sultán Cinci Hoca e co gobernador Semiz Mehmed. O trío criticou incesantemente ao Gran Visir, que pediu varias veces a dimisión. Ibrahim non a admitiu, pero o propio sultán destinuino en xaneiro de 1644, e despois mandouno executar [2] [7] [8].

Co tempo, Kösem perdeu a capacidade de controlar ao seu fillo inestable, e a súa administración comezou a deteriorarse. Ibrahim pasaba cada vez máis tempo coas súas concubinas, ás que elevaba constantemente ao prestixioso status de haseki (consorte real) outorgándolles terras e posesións. Despois de casar coa súa concubina favorita Hasek, ordenou que o chan do palacio de Ibrahim Pasha se cubrise con peles de marta e se entregasen a Hasek. A dilapidación do diñeiro no palacio e o aumento da corrupción crearon malestar entre o pobo. Finalmente, os xanízaros e parte dos ulema subleváronse en 1648. Non obstante, Ibrahim non aceptou a súa destitución, o que puxo nervioso aos xanízaros[8] [9]. Segundo algúns historiadores, forzada polos acontecementos políticos Kösem autorizou os xanízaros a executar o seu fillo[2]. Non obstante, segundo Leslie P. Peirce, Kösem xa tiña pensado desfacerse do seu fillo, que durante o seu reinado destruira moitos dos logros do seu irmán máis vello Murad IV. Nunha carta anterior, Kösem escribíalle ao gran visir Tezkereci Ahmed sobre Ibrahim o seguinte: "Ao cabo, non nos vai deixar nin a ti nin a min vivos. Perderemos o control do goberno. A sociedade toda está en ruínas. Hai que o quitar do trono de inmediato"[10].

O 8 de agosto de 1648 o verdugo estrangulou a Ahmed Pasha e os seus restos cortáronse en anacos diante dunha multitude. Polo acontecido, recibiu o alcume póstumo de Hezarpare ("mil pezas"). E o 18 de agosto a instancias do novo gran visir, Sofu Mehmed Pasha, que pedira ao Sheiklı ul-Islam que emitise unha fatwa para sancionar o seu axustizamento, dous verdugos estrangularon a Ibrahim[11]. A continuación, Mehmed IV, de seis anos, fillo de Ibrahim e neto de Kösem, subiu ao trono e ao ser menor, Kösem puido declararse de novo gobernante oficial [1] [9].

Morte[editar | editar a fonte]

Asasinato de Kösem Sultan. Gravado de Paul Rycaut (1694)

Kösem tiña grandes inimigos na corte de Topkapi. A muller de Ibrahim e a nai de Mehmed IV, Turhan Sultan, que era nora de Kösem, soubo do plan de Kösem para substituír a Mehmed IV polo seu medio irmán Süleyman. Kösem planeou matar a Mehmed IV e á súa nai e conseguiu o liderado dos xanízaros. Turhan organizou o asasinato de Kösem para defenderse ela e o seu fillo[2]. Membros da garda do palacio estrangularon a Kösem o 2 de setembro de 1651. O seu corpo trasladouse ao antigo palacio de Eski Saray e enterrouse no mausoleo de Ahmed I [1]. Os seus fillos Murad IV e Ayşe Sultan e outros corenta membros da familia gobernante tamén están soterrados nese mausoleo [12].

Legado[editar | editar a fonte]

Kösem Sultan era unha das persoas máis ricas do reino, e empregou moita da súa riqueza en caridade. Entre outras cousas, pagou a escavación de sistemas de rega en Exipto e apoiou aos pobres da Meca. Tamén utilizou os seus fondos para construír edificios públicos, como caravasares, e a mesquita Valide Han ao longo da praza do Mercado Vello de Istambul e a mesquita do venres en Üsküdar [13]. Segundo a memoria colectiva que existe en Turquía considérana unha persoa xenerosa e moi intelixente [1]. Non obstante, o seu legado e a súa administración non foron positivos, o seu foi un tempo de loita polo poder e de intriga feroz. Ademais, a destitución e morte dun gran visir cualificado, Kara Mustafa Pasha, sumiu ao Imperio Otomán no caos e fomentou desordes. Durante os seguintes 12 anos dos 18 homes que serviron como Grandes Visires, catro acabaron executados e 11 destituídos [14].

Kösem é un tema popular e romántico no entretemento turco contemporáneo e sobre ela fixéronse novelas, óperas, películas e series de televisión. Os máis recentes son a película de 2010 Mahpeyker - Kösem Sultan e a serie de televisión Muhtesem Yüzyil: Kösem que viu a primeira tempada en 2015[15] [16]. A ópera Kösem Sultan, representada en Esmirna conta a historia de como unha moza inocente torna unha desapiadada intrigante impulsada pola rabia e o desexo de poder[17].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 1,8 Baysun, M. Cavid (1986). "Kösem Walide or Kösem Sultan". En Editors: Bosworth, Lewis, Pellat e E.J. van Donzel. The Encyclopaedia of Islam V. Brill. p. 272. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Selcuk Aksin Somel (2010). The A to Z of the Ottoman Empire. Rowman & Littlefield. p. 158. 
  3. 3,0 3,1 Peirce, Leslie P. (1993). The Imperial Harem: Women and Sovereignty in the Ottoman Empire. Oxford University Press. p. 105. 
  4. Dorothy O. Helly, Susan Reverby (1992). Gendered Domains: Rethinking Public and Private in Women's History. Cornell University Press. p. 53. 
  5. Suraiya N. Faroqhi (2006). The Cambridge History of Turkey 3. Cambridge University Press. p. 48. 
  6. Selcuk Aksin Somel (2010). The A to Z of the Ottoman Empire. Rowman & Littlefield. p. xcix. 
  7. Ayhan Buz (2009). Osmanlı Sadrazamları. Neden Yayınları. p. 96. 
  8. 8,0 8,1 Gábor Ágoston e Bruce Alan Masters (2009). Encyclopedia of the Ottoman Empire. Infobase Publishing. pp. 262–264. 
  9. 9,0 9,1 Lewis, Menage, Pellat, Schacht; et al. (1986). Encyclopaedia of Islam III. Brill. p. 983. 
  10. Peirce, Leslie P. (1993). The Imperial Harem: Women and Sovereignty in the Ottoman Empire. Oxford University Press. p. 1264. 
  11. Kohen, Eli (2007). History of the Turkish Jews and Sephardim: Memories of a Past Golden Age. University Press of America. p. 142. 
  12. Hakan Alan (2009). Istanbul City Guide. Asbook. p. 31. 
  13. Gábor Ágoston e Bruce Alan Masters (2009)Encyclopedia of the Ottoman Empire. Infobase Publishing, páxinas 136-137
  14. Matthee, Rudi (2011.). Persia in Crisis: Safavid Decline and the Fall of Isfahan. IB Tauris. p. 120. 
  15. IMDB: Muhtesem Yüzyil: Kösem Viitattu 18.2.2016
  16. IMDB: Mahpeyker - Kösem Sultan Viitattu 18.2.2016
  17. "Kösem Sultan" izmir.com.tr, 18 de febreiro de 2016