José Guirao

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
José Guirao
Nome completoJosé Guirao Cabrera
Nacemento9 de xuño de 1959
Lugar de nacementoPulpí
Falecemento11 de xullo de 2022
Lugar de falecementoMadrid
Causacancro
NacionalidadeEspaña
Alma máterUniversidade de Murcia
Ocupaciónxestor cultural e político
PremiosGran Cruz da Orden de Carlos lll
Na rede
Dialnet: 1975351
editar datos en Wikidata ]

José Guirao Cabrera, nado en Pulpí (Almería) o 9 de xuño de 1959 e finado en Madrid o 11 de xullo de 2022,[1] foi un xestor cultural e experto en arte español, ministro de Cultura e Deporte do Goberno de España.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

É licenciado en filoloxía hispánica, rama Literatura Española, pola Universidade de Murcia. Foi responsable da área de Cultura da Deputación Provincial de Almería entre 1983 e 1987.

En 1988 marchou a Sevilla, onde ocupou o cargo de director xeral de Bens Culturais na Xunta de Andalucía. Ata 1993 desenvolve proxectos de peso, como o Plan Xeral de Bens Culturais de Andalucía, a Lei 1/91 do Patrimonio Histórico de Andalucía, o proxecto do Centro Andaluz de Arte Contemporánea e a creación do Instituto Andaluz do Patrimonio Histórico.

Desde Sevilla pasou a Madrid, onde durante un ano foi director de Belas Artes e Arquivos do Ministerio de Cultura. Foi nomeado en 1994 director do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, cuxa colección permanente remodelou. Foi ademais o encargado de licitar a ampliación do museo, proxecto que gañou o arquitecto francés Jean Nouvel.

Desde o 2001 estivo á fronte de La Casa Encendida, espazo social e cultural de referencia en Madrid pertencente á extinta Caja Madrid e, tras a súa transformación en 2013, á Fundación Montemadrid. É entón nomeado director xeral desta Fundación, cuxa actividade se dirixe cara á mellora da calidade de vida e a inclusión de persoas en dificultade social, á vez que se fomenta unha cidadanía participativa cun maior acceso á cultura e á educación, así como a protección do medio ambiente e conservación do patrimonio histórico.

José Guirao é patrón da Fundación Federico García Lorca, da Fundación Antonio Gala e da Fundación Museo do Gravado Español Contemporáneo de Marbella. Ademais, é profesor convidado do máster de Xestión Cultural da Universidade Carlos III de Madrid.

Foi elixido en 2018 para substituír a Màxim Huerta como ministro de Cultura e Deporte no goberno de Pedro Sánchez. Sancionado o seu nomeamento por Filipe VI mediante real decreto do 13 de xuño, prometeu o seu cargo o 14 de xuño de 2018 no Palacio da Zarzuela.

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

En decembro de 2022, foille outorgada a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes do Goberno de España.[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. García, Concha (11 de xullo de 2022). "Muere el ex ministro de Cultura José Guirao". La Razón (Madrid). 
  2. "El Gobierno distingue a 33 personalidades y entidades de la cultura con la Medalla de Oro al Mérito en las Bellas Artes 2022". culturaydeporte.gob.es (en castelán). 27 de decembro de 2022. Consultado o 25 de setembro de 2023. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]