José Antonio Rodríguez Couceiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
José Antonio Rodríguez Couceiro
Nacemento1938
Falecemento16 de marzo de 2021
Ocupacióncorrespondente
editar datos en Wikidata ]

José Antonio Rodríguez Couceiro, nado en 1938 en Loureiro e finado o 16 de marzo de 2021 en Madrid, foi un xornalista e correspondente galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Enfermo na nenez, o que lle causou unha coxeira crónica[1], foi licenciado en Xornalismo. Comezou a traballar na Axencia EFE en 1964[2], e foi destinado como correspondente seu a México no ano 1968, cando cubriu os Xogos Olímpicos e as revoltas de estudantes que remataron no masacre de Tlatelolco. En 1970 foi destinado a Santiago de Chile, onde informou da vitoria electoral de Salvador Allende e, posteriormente, do golpe de estado de Augusto Pinochet, durante o que foi o único correspondente estranxeiro que permaneceu no país. A continuación foi destinado a Bos Aires (Arxentina), onde permaneceu case unha década cubrindo informacións de relevancia coma o falecemento do presidente arxentino Juan Domingo Perón ou o golpe de estado que derrocou a Isabel Perón en 1976[2]. Como consecuencia deste golpe de estado chegou a estar detido[3].

Despois da Arxentina foi correspondente no Brasil e despois volveu a Madrid, onde ocupou a dirección do departamento de Internacional de EFE ata 1983. A seguir regresou a México, onde informou do tremor de terra de 1985 e do Mundial de fútbol masculino de 1986, e posteriormente volveu aos servizos centrais, onde ocupou de novo a dirección de internacional ata o ano 1992 e a sección de "mercado exterior"[2] en 1993. Volveu de correspondente a Bos Aires, xa coa democracia, e permaneceu alí ata que se prexubilou no ano 1999.

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Tivo seis fillos, dos que un faleceu en vida del[2]. Finou de covidia.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. De Yeregui, Francisco. "Muere el periodista José Antonio Rodríguez Couceiro". El Imparcial (en castelán). Consultado o 2021-03-17. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 "Muere Rodríguez Couceiro, exdirector de EFE y corresponsal en América Latina". SWI swissinfo.ch (en castelán). Consultado o 2021-03-17. 
  3. EFE (1976-11-13). "Rodríguez Couceiro, exculpado por la Justicia argentina". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2021-03-17.