Jerónimo Macho Velado

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Jerónimo Macho Velado
Jeronimo Macho Velado orla Farmacia.jpg
Jerónimo Macho Velado nunha orla da Facultade de Farmacia.
Nacemento1826
 Valderas
Falecemento22 de xaneiro de 1899
 Madrid
NacionalidadeEspaña
Alma máterSeminario de Valderas e Universidad Central
Ocupacióncatedrático de universidade e político
editar datos en Wikidata ]

Jerónimo Macho Velado (tamén escrito o segundo apelido como de Velado), nado en Valderas (provincia de León) en 1826[1] e finado en Madrid o 22 de xaneiro de 1899[2], foi un profesor universitario, escritor e político en Galicia.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo do propietario de Valderas José Macho (nado en Saldaña) e de Antera Velado de Vivar (nada en Valderas), foi irmán do catedrático de Física e Química no Instituto de Zamora, Norberto Macho Velado[3][4].

Estudou no Seminario de Valderas[4] e na Universidade de Valladolid. En 1849 incorporouse como rexente de 2ª clase no Instituto de Santiago[1], no que estivo ata 1857. A continuación, impartiu como catedrático interino na Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago a materia de Materia Farmacéutica entre 1857 e 1863. Segundo Domínguez, foi Profesor de Historia Natural no Seminario de Santiago de Compostela[4]. Neste tempo, obtivo o doutorado en Ciencias en 1861 e en Farmacia en 1865, en ambas ocasións pola Universidade Central[1]. Seguidamente, volveu a dar clases no Instituto, sendo só durante o curso de 1866 catedrático substituto de Química Inorgánica na Facultade de Farmacia[5]. De novo en 1868, grazas á protección de Antonio Casares, pasou a dar a materia de Historia Natural na mesma facultade compostelá[1][4]. Opositou en 1872 á cátedra de Zooloxía, Botánica e Mineraloxía, pero non acadou o posto, e no mesmo ano, tamén por influencia de Casares, conseguiu a cátedra de Química Inorgánica na Facultade de Ciencias. Por fin, acadou a cátedra de Exercicios Prácticos na de Farmacia, que impartiu entre 1874 e 1886. Neste último ano obtería o seu traslado á Universidad Central de Madrid como catedrático de Materia Farmacéutica, Animal e Mineral[5], aínda que Domínguez di que deu Química Orgánica nesta universidade[4].

O pensamento académico de Macho distinguiuse por achar que toda a ciencia debía estar supeditada á doutrina marcada pola Igrexa Católica[5], polo que foi tamén un destacado antidarwinista.

Nas eleccións municipais do 11 de febreiro de 1877 foi elixido concelleiro do Concello de Santiago, nunha candidatura independente, ocupando os cargos de tenente de alcalde 5º desde o 26 de febreiro dese ano ata o 24 de outubro de 1878, baixo a alcaldía de Joaquín Botana Míguez, tenente de alcalde 4º desde esta última data ata o 31 de marzo de 1879, baixo a alcaldía de Francisco Sáinz Herrero e, tras a renovación do consistorio, de novo tenente de alcalde 4º desde o 1 de xullo deste último ano ata o 31 de marzo de 1881, en que completou o seu segundo mandato, o tempo máximo que o podía desenvolver.

No momento de falecer era conselleiro do Ministerio de Agricultura, Industria e Comercio, así como tiña a encomenda da Orde de Isabel a Católica[6].

Vida persoal[editar | editar a fonte]

O 4 de marzo de 1855 casou na igrexa de San Bieito do Campo, en Santiago, coa eumesa Matilde Pérez Illá (nada en 1831), filla dun capitán do Exército chamado Alejandro Pérez Domínguez (nado en Villamañán, provincia de León) e de Plácida Yllá (nada en Pontedeume). O matrimonio tivo polo menos oito fillos, dos que sete naceron en Santiago: Cipriano Benito (n. 21-3-1856), Jesús Norberto Ramón (18-1-185816-11-1860), Isidoro (n. 15-1-1860), Natalia Nemesia Matilde (19-12-18629-7-1864, María Concepción Nicolasa (n. 6-12-1864), José Máximo (n. 18-11-1866) e Jesús Macho Pérez. Foi cuñado do avogado e político compostelán Miguel Lorenzo Fernández.

Obra[editar | editar a fonte]

  • Programa de las lecciones de Historia Natural esplicadas á los alumnos de 5º año de segunda enseñanza en el curso académico de 1851 á 1852 (1851)[7]
  • Programa de un curso de Elementos de Historia Natural (1861)[8]
  • Zoología, Clasificaciones: su utilidad; examen de las más notables. Discurso leído en la Universidad Central por Don Gerónimo Macho de Velado, catedrático de Historia Natural en la Universidad de Santiago en el solemne acto de recibir la investidura del doctor en la Facultad de Ciencias, Sección de Ciencias Naturales (1861)[9]
  • Reseña ligera sobre el Orden de los Rumiantes, su división en familias para venir a parar a aquella en que se halla colocado el que produce almizcle. Estudio de esta sustancia y su uso en Farmacia. Discurso leido en la Universidad Central por Don Gerónimo Macho de Velado, Doctor en la facultad de ciencias y Catedrático de Historia Natural en la Universidad de Santiago, en el solemne acto de recibir la investidura de doctor en la Facultad de Farmacia (1865)[9]
  • Catálogo de los moluscos terrestres observados en Galicia[5] (1870)[10]
  • Importancia de la Historia Natural en la Farmacia y en la vida física y moral del hombre. Discurso leído en la Universidad Literaria de Santiago en la inauguración del curso de 1876 a 1877 (1876)[8]
  • Moluscos de agua dulce de Galicia, con observaciones sobre las especies y localidades (1878)[11]
  • Insectos Lepidópteros (1883)[5]
  • Programa de la asignatura de Ejercicios Prácticos de determinación de plantas medicinales y reconocimiento de drogas (1884)[12]
  • Animales útiles y animales perjudiciales (1887)[13]
  • Historia y catálogo de una colección de modelos de cristales existentes en la Universidad de Santiago (1891)[14]
  • Recuerdos de la Fauna de Galicia. Insectos Lepidópteros observados en dicha comarca (1893)[15]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Barreiro, 2002, p. 415
  2. "Ha fallecido...". La Correspondencia de España (en castelán) (Madrid). 23-1-1899. p. 3. 
  3. "Ha fallecido en Madrid...". Heraldo de Zamora (en castelán) (Zamora). 24-1-1899. p. 3. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Domínguez, 1925, p. 34
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Barreiro, 2002, p. 416
  6. "En la mañana de hoy...". La Correspondencia de España (en castelán) (Madrid). 23-1-1899. p. 2. 
  7. Impreso na Imprenta de J. Rey Romero (Santiago).
  8. 8,0 8,1 Impreso no Establecimiento Tipográfico de M. Mirás (Santiago).
  9. 9,0 9,1 Impreso na Imprenta de Manuel Anoz (Madrid).
  10. Publicado en "Hojas Malacológicas", dirixido por J. G. Hidalgo, nas páxinas 10-16. Impreso na Imprenta J. M. Lapuente (Madrid).
  11. Publicado nos "Anales de la Sociedad Española de Historia Natural, volume VII, páxinas 235-248.
  12. Impreso no Establecimiento tipográfico de la viuda é hijos de Miràs a cargo de D. Eusebio Alonso Vieites (Santiago).
  13. Publicado na "Revista de la Sociedad Económica de Santiago", volumes 62, páxinas 553-556, e 64, páxinas 569-573.
  14. Publicado nos "Anales de la Sociedad Española de Historia Natural", volume XX, Actas, páxinas 138-150.
  15. Publicado nos "Anales de la Sociedad Española de Historia Natural", volume XXII, páxinas 221-242.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]