Iugonostalxia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Iugonostalxia (esloveno e serbocroata, en alfabeto latino: jugonostalgija; macedonio e serbocroata, en alfabeto cirílico: југоносталгија) é un fenómeno de tipo sociocultural e psicolóxico pouco estudado que se dá entre algúns cidadáns da antiga Iugoslavia, en todo o relativo á República Federal Socialista de Iugoslavia. Mentres que os aspectos antropolóxicos e sociolóxicos deste fenómeno non están estipulados con claridade, o termo, e o seu correspondente adxectivo, "iugonostálxico", úsanse normalmente por parte dos propios do lugar de dúas maneiras diferentes: con connotacións positivas, ou, pola contra, de forma pexorativa.

Na súa corrente positiva, a iugonostalxia refírese ao sentimento afectivo a todos os aspectos idealizados positivamente da antiga Iugoslavia. Estes aspectos adoitan ser estandarte de esquerdistas en Occidente que apoiaron a existencia do réxime, e tamén de parte da poboación urbana nas antigas repúblicas iugoslavas. Os aspectos polos que apelan son a seguridade económica, o socialismo autoxestionario, a multiculturalidade, o internacionalismo e a non-aliñación, a historia, a defensa e respecto dos costumes, tradicións e outros aspectos da vida cotiá. Todos estes factores opóñense aos defectos, segundo os defensores deste sentimento, que provocan os estados sucesores de Iugoslavia: provincialismo, chovinismo, corrupción económica/política, a desaparición do estado socialista do benestar, crise económica, desigualdade social, maiores niveis de criminalidade etc.

Na corrente negativa, o termo usouse polos que apoiaron a disolución do estado federal para criticar algúns sectores de anacrónicos, pouco patriotas etc. Durante as Guerras Iugoslavas, o adxectivo "iugonostálgico" era de uso máis ou menos común por parte dalgúns medios dalgunhas exrepúblicas iugoslavas, principalmente Croacia e en menor medida Bosnia e Hercegovina, para desacreditar os sectores opostos.

Seguimento actual na antiga Iugoslavia[editar | editar a fonte]

Na actualidade, as manifestacións iugonostálgicas están presentes sobre todo no terreo cultural, grazas a grupos musicais de iconografía retroiugoslava ou de ideoloxía titoísta, obras de arte, películas e obras de teatro, e algúns festivais celebrados en cidades das antigas repúblicas iugoslavas (especialmente en Belgrado e Saraxevo).

No que respecta á política, este movemento non conta con ningún partido político que o apoie con claridade. Porén, segundo as enquisas, a maioría de iugonostálxicos atópanse en Serbia, Montenegro, Bosnia e Hercegovina e Macedonia do Norte, mentres que Croacia e Eslovenia contan cun menor número de nostálxicos da era comunista.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Trovesi, Andrea. L'enciclopedia della Jugonostalgija. In Banchelli, Eva: Taste the East: Linguaggi e forme dell'Ostalgie, Sestante Edizioni, Bergamo 2006, ISBN 88-87445-92-3, p. 257-274.. (en italiano)

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]