Imposto sobre o valor engadido

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Imposto sobre o valor engadido por países.

O imposto sobre o valor engadido, máis coñecido polas súas siglas IVE, é unha carga fiscal sobre o consumo, é dicir financiado polo consumidor, aplicado en moitos países, e xeneralizado na Unión Europea.

O IVE é un imposto indirecto; non é percibido polo fisco directamente do tributario, senón polo vendedor no momento de toda transacción comercial (transferencia de bens ou prestación de servizos). Os vendedores intermediarios teñen o dereito a reembolsarse o IVE que pagaron a outros vendedores que os precederon na cadea de comercialización (crédito fiscal), deducíndoo do monto de IVE cobrado aos seus clientes (débito fiscal), e debendo abonar o saldo ao fisco. Os consumidores finais teñen a obrigación de pagar o IVE sen dereito a reembolso, o que é controlado polo fisco, obrigando á empresa para entregar xustificantes de venda ao consumidor final e integrar copias destas á contabilidade na empresa.