Saltar ao contido

Ilyushin Il-12

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ilyushin Il-12
Tipotransporte
FabricanteIlyushin
Primeiro voo15 de agosto de 1945
Introducido1947
Principais usuariosAeroflot
Produción1946 - 1949
Unidades construídas663
VariantesIlyushin Il-14

O Ilyushin Il-12 (designación OTAN: Coach) foi un avión bimotor soviético de carga desenvolvido a mediados dos anos 40 para rutas de curto a medio alcance e como transporte militar.

Deseño e desenvolvemento

[editar | editar a fonte]

O Il-12 desenvolveuse como unha empresa privada pola oficina de deseño Ilyushin a partir do outono de 1943 coa intención de ser un substituto para o Lisunov Li-2, unha versión producida baixo licenza do Douglas DC-3. O novo avión seguía un esquema clásico para un transporte bimotor, cunha estrutura metálica, unha cola convencional e un deseño monoplano. Unha gran mellora sobre o Li-2 foi o tren en triciclo que lle permitía unha mellor visibilidade nas rodaxes e aterraxes. Inicialmente o Il-12 deseñouse para 29 pasaxeiros nunha cabina presurizada, e cun alcance máximo de 5 000 km a unha velocidade de cruceiro de 400 km/h. O avión debería usar catro motores M-88B xa probados no Ilyushin Il-4.

Porén, durante o desenvolvemento, os motores M-88B tiveron que ser substituídos por dous motores diésel ACh-31 de 1 500 hp cada un. Os plans para unha cabina presurizada abandonáronse e o número de pasaxeiros reducíuse a 27. O Il-12 fixo o seu voo de estrea o 15 de agosto de 1945 e ao pouco tempo decidiuse remotorizalo con motores radiais Shvetsov ASh-82, voando o avión revisado o 9 de xaneiro de 1946.[1]

O Il-12 demostrou ter problemas coas vibracións durante as probas, os motores tiñan un rendemento de saída pobre, e requiríase un puntal baixo a fuselaxe para evitar que o avión volcase durante a carga debido a problemas co centro de gravidade.[2] Outros problemas foron o uso de magnesio preto dos motores, o que en caso de lume no motor podía causar un incendio incontrolable que danase a estrutura da á; isto revelouse no accidente dun Il-12 preto de Voronezh tras un incendio nun motor. Tras a investigación do sinistro o magnesio foi substituído por aliaxe de aluminio e redeseñouse o sistema de extinción de incendios.[3] Unha vez resoltos eses problemas os pilotos de proba loubaron a calidade do novo avión, contribuíndo á decisión de iniciar a fabricación en serie de Il-12.

A fuselaxe do Il-12 tiña un volume considerable e equipouse con oito fiestra rectangulares en cada lado. A tripulación estaba formada por tres persoas e podía transportar 32 soldados, 32 paracaidistas ou carga. Tamén houbo unha versión civil, que aínda que estaba deseñada para levar 32 pasaxeiros, foi limitada por Aeroflot para levar 21, levando normalmente só a 18.[2] Con esa carga de pasaxeiros o seu uso non era moi rendable.

Fabricáronse un total de 663 Il-12,[2] e posteriormente foi mellorado para desenvolver o Ilyushin Il-14.

  1. "Dates of Maiden Flights by Aircraft Designed by "Ilyushin" Design Bureau.". web.archive.org. 2011-07-18. Archived from the original on 18 de xullo de 2011. Consultado o 2020-12-22. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Gunston 1995, p. 110
  3. Gordon, Komissarov e Komissarov 2004, pp. 160-161

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Gordon, Yefim, Dmitry Komissarov and Sergei Komissarov. OKB Ilyushin: A History of the Design Bureau and its Aircraft. Hinckley, Leicestershire, UK: Midland Publishing, 2004. ISBN 1-85780-187-3.
  • Gunston, Bill. The Osprey Encyclopedia of Russian Aircraft from 1875 - 1995. Londres: Osprey Aerospace, 1995. ISBN 1-85532-405-9.