Igrexa de Santo Estevo do Vicedo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 43°44′17″N 07°39′26″O / 43.73806, -7.65722

A igrexa de Santo Estevo do Vicedo é o templo parroquial do Vicedo, no concello homónimo do Vicedo. Antigamente era coñecida como a igrexa de Santo Estevo do Val.

Historia[editar | editar a fonte]

Segundo a tradición, a igrexa ten a súa orixe a finais da Idade Media, en relación co mosteiro de San Miguel de Cunicularia, da illa Coelleira. O convento, existente xa no século XI foi máis tarde propiedade de cabaleiros da orde do Temple, que se refuxiaron alá no século XIV. A lenda conta que o señor do Val de Viveiro mandou perseguilos, e un deles logrou escapar cun cadro de Santo Estevo até a praia de Xilloi vestido de paisano. Despois achegaríase até a Casa do Paisano, no barrio de Baltar, e colocou o cadro nun carro de bois, decidindo fundar un templo a Santo Estevo alá onde estes parasen[Cómpre referencia].

A igrexa era padroado laical, e pertenceu ao Condado de Fuensaldaña, descendentes de Alonso Pérez de Viveiro, que naceu nesta freguesía, no lugar do Casal.

Arquitectura[editar | editar a fonte]

A construción sufriu importantes reformas no século XVII coa ampliación das dúas naves laterais. Consta de tres naves separadas por pilastras cadradas, unidas lonxitudinalmente por arcos de medio punto e con cuberta común de madeira a dúas vertentes. Amais do arco triunfal, pechan a capela maior polas súas tres frontes sendos arcos de descarga empotrados en muros. Aos lados do presbiterio hai dúas sancristías, e diante do frontis un pórtico con entradas de arco por ambos costados.

Sobre a porta principal hai unha espadana simple de dous vanos, con escaleiras incrustadas no mesmo muro e campanil pequeno preto da porta lateral da nave. Os muros son caleados, con granito nos esquinais, pavimento de cantería, teito de madeira e cuberta de lousa.

O retablo maior é neoclásico, de finais do século XVIII, e colle todo o hastial do presbiterio. Na dereita aparece unha pintura que representa o xuízo a Santo Estevo, no centro un altorrelevo que representa o seu martirio, e na esquerda a pintura do enterro. Ambas as dúas pinturas inclúen o texto "Pinto Juan de Castinande ano 1835". Coroa o retablo o Espírito Santo en forma de pomba. Hai dous retablos laterais, neoclásicos, con esculturas de San Roque e San Nicolás.

A capela da Virxe do Carme tamén é moi importante neste templo, e contén numerosos exvotos. O estandarte negro data de finais do século XVIII, e era empregado nos enterros de mariñeiros.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]