Ice Climber

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Ice Climber
Desenvolvedor(es)Nintendo Research & Development 1
Distribuidora(s)Nintendo
Director(es)Kenji Miki
Produtor(es)Masayuki Uemura
Compositor(es)Akito Nakatsuka[1]
Lanzamento1985
XéneroPlataformas
Modos de xogoUn xogador e multixogador
Clasificación USK
Plataforma(s)Famicom/NES, NEC PC-8801, Sharp X1, Arcade, Family Computer Disk System, Game Boy Advance, e-Reader, Virtual Console
Na rede
IMDB: tt0186230 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Ice Climber (アイスクライマー Aisu Kuraimā?) é un videoxogo de plataformas desenvolvido e publicado por Nintendo para Family Computer no Xapón e Nintendo Entertainment System en América do Norte no ano 1985.

Mecánica do xogo[editar | editar a fonte]

A personaxe principal do xogo é Popo (ポポ), que aparece cun parka azul e está controlado polo primeiro xogador. Tamén está dispoñible a opción multixogador, podendo engadir así a Nana (ナナ), que conta cun parka rosa e está controlada polo segundo xogador. Ambos dispoñen dun mazo que utilizan para romper os bloques de xeo das montañas que escalan.

Hai que ter en conta que ao escalar a montaña aparecen diversas plataformas (irrompibles, deslizadoras ou nubes en movemento), ademais de varios inimigos que impedirán acadar o obxectivo: recuperar os vexetais e atrapar ao cóndor que os roubou. Entre estes, atópanse uns paxaros que voan arredor dos protagonistas, unhas criaturas chamadas “Topis” cuxa misión é reconstruír os bloques de xeo perdidos para impedir a subida á cima da montaña e un oso polar que provoca sismos.

Os vexetais obtéñense na fase de bonificación, na cal se dispón dun límite de tempo de 40 segundos para chegar ó cume e alcanzar ó cóndor. Por cada inimigo derrotado, verdura recollida e fase de bonificación superada obtéñense puntuacións que se suman ó rematar cada un dos 32 niveis cos que conta o xogo.

Outras aparicións[editar | editar a fonte]

As personaxes apareceron posteriormente en Super Smash Bros, nas versións de Melee, Brawl e Ultimate. Na primeira versión citada engádense elementos do xogo orixinal, tales como certos inimigos e un escenario de loita baseado nel, a "Montaña Carambelo", que consiste nunhas plataformas de neve infinitas que ascenden verticalmente. Na segunda versión este escenario pasa a ser só o cume de dita montaña ("A Cúspide"), que cae progresivamente cara a augas conxeladas. Na versión Ultimate aparecen ambos escenarios.

Esta saga de videoxogos mostra a Popo e a Nana como unha única entidade no grupo de selección de loitadores. Isto quere dicir que ambos son controlados polo xogador coma se fosen un todo, tendo a Popo de líder por defecto e a Nana no caso de cambiar o aspecto dos traxes. O compañeiro sempre seguirá ao líder.

Estratexias e movementos[editar | editar a fonte]

Os escaladores dispoñen dunha ampla variedade de movementos para usar nas diferentes versións do videoxogo. En calquera delas a presenza dos dous é fundamental para a vitoria, pois moitas estratexias requiren a combinación de poder de ambos. Por iso, unha das claves para acadar o éxito é coidar e protexer a Nana cando Popo sexa o líder, e viceversa. Se o líder cae das plataformas o seu compañeiro tamén desaparece da pantalla. Isto non ocorre no caso contrario, aínda que si se verá debilitada a forza e o poder da restante personaxe.

A parella pode realizar ataques cos seus respectivos mazos, os cales se ven duplicados e incrementados cando os realizan en conxunto. Entre estes atópanse os de golpear ós rivais, crear fortes breas, lanzar bloques de xeo e a posibilidade de escalar cunha corda para volver subir á plataforma no caso dunha caída. Na versión Brawl aparece un novo movemento denominado “Smash”, un ataque final moi poderoso. No caso destas personaxes, este ataque permítelles crear un iceberg xigante que ocupa toda a pantalla, capaz de conxelar e danar ós contrincantes.

Os Ice Climbers perderon bastante forza en xogos posteriores da saga debido a que se reduciron os ataques posibles, como o agarre e lanzamento de ínimigos que estaban presentes nas primeiras versións. Malia isto, seguen sendo capaces de combinar movementos que eliminan a un contrincante ó instante.

Outras mencións[editar | editar a fonte]

Moitos elementos das icónicas personaxes de Popo e Nana, como por exemplo o tema musical ou certos escenarios e imaxes, aparecen noutros videoxogos entre os que destacan a serie WarioWare, Kirby: Nightmare in dreamland (Kirby: Pesadelo na terra dos soños), Kirby Air Ride (A viaxe aérea de Kirby) ou Daigasso! Band Brothers (Daigasso! Irmáns de banda).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Scitron Digital Contents Inc., ed. (2004). "Famicom 20th Anniversary Original Sound Tracks Vol. 1". Consultado o 18 de abril de 2011.