IES Canido

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 43°29′15″N 8°14′24″O / 43.48745, -8.24006

IES Canido
Instituto de Canido
Enderezo
Canido, Ferrol
Datas
Apertura1967-68 (comezo da docencia)
Educación
EnsinanzasEducación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato
Xestión
TipoPúblico
Xunta de Galicia
Na rede
Web

O Instituto de Ensinanza Secundaria Canido é un centro educativo de Ferrol, pertencente á rede de institutos públicos da Xunta de Galicia no que se imparte Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato.

Está situado na rúa Navegantes, no barrio de Canido, parte alta ó noroeste da cidade de Ferrol, dentro do casco urbano e lindante coas antigas murallas. Dende a súa localización pódese ver a enseada da Malata (ría de Ferrol), Feira de Mostras e as instalacións deportivas municipais (Estadio de fútbol, campos de fútbol anexos, canchas de tenis, polideportivo cuberto, piscina cuberta, estadio de atletismo) e máis lonxe as parroquias de Serantes, Xoane, A Cabana e A Graña.

Historia[editar | editar a fonte]

A historia do Centro nace nun soar do que foi o antigo cemiterio da cidade. Este foi o lugar que comezaron empregando os sublevados franquistas durante a Guerra civil española para realizar os fusilamentos. Alí foron asasinados e soterrados nunha fosa común entre moitos outros Xaime Quintanilla Martínez e Juan García Niebla, persoeiros de grande importancia para Ferrol durante a Segunda República Española. Hoxe en día o centro conserva aínda os antigos muros exteriores do camposanto onde se pode atopar unha placa conmemorativa das vítimas.

No ano 1966 foi edificado un centro escolar polo Bispado de Ferrol-Mondoñedo. Empeza a súa andaina como centro de ensino primario no curso académico 1967-68. No seguinte curso 1968-69 comeza a impartir ensino secundario para alumnado feminino como centro homologado, baixo a titularidade do Bispado e con dependencia administrativa do entón IB Camilo Alonso Vega, actual IES Sofía Casanova.

No curso 1979-80 foi adquirido polo Ministerio de Educación e comeza a funcionar como IB Mixto nº3 de xeito independente. No ano 1983 realízase unha ampliación do edificio, construíndose acaroada unha á perpendicular (con dirección norte-sur) que duplica a súa capacidade.

No curso 1998-1999 realízase unha nova ampliación, consistente na prolongación da á nova, que permite incorporar un novo ximnasio e catro aulas. A estrutura básica do edificio non sofre máis modificacións ata hoxe.

Oferta educativa[editar | editar a fonte]

Ensinanzas:

  • Bacharelato:
    • Modalidade CC. da Natureza e da Saúde.
    • Modalidade Humanidades e CC. Sociais.
  • Educación Secundaria Obrigatoria.
  • Programas de Formación Profesional Básica (antigo PCPI) inplantados pola LOMCE

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]