Historia da penicilina

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Penicilina G.

Alexander Fleming foi o primeiro en suxerir que o mofo Penicillium debería ter unha susbtancia antibacteriana e o primeiro en illar a súa substancia activa, á que denominou penicilina, pero non foi o primeiro en aproveitarse das súas propiedades.

Acontecementos[editar | editar a fonte]

Ano Lugar Acontecementos
Idade antiga Antiga Grecia e a India Moitas culturas antigas, entre outras os antigos gregos e indios xa usaban os mofos e outras plantas para tratar as infeccións. A súa eficacia debíase a que algúns mofos producen substancias antibióticas. No entanto, non puideron distinguir ou destilar os compoñentes activos que contiñan.
Medicina tradicional Serbia e Grecia Existen moitos remedios baseados en mofos. En Serbia e Grecia, o pan florecido foi un tratamento tradicional para feridas e infeccións
Tradición en Rusia Rusia Os campesiños rusos usaban terra do chan como tratamento para as feridas infectadas.
c. 150 a. C. Sri Lanka Existen rexistros de que os soldados do exército do rei Dutugemunu (161 - 137) almacenaban tortas de aceite (unha sobremesa tradicional cingalesa) durante longos períodos no faiado antes de alistarse nas súas campañas para elaborar un emplasto con eles para curar as feridas. Crese que estes cumprían a dobre tarefa de desinfectante e cauterizante por desecamento.
1640 Inglaterra Consérvanse rexistros de farmacia nos que aparece a idea de utilizar mofos como tratamento, por exemplo John Parkington, herborista do Rei, quen avogaba polo uso de mofos no seu libro de farmacoloxía de 1640.
1870 Inglaterra John Scott Burdon-Sanderson, quen comezou a súa carreira no St. Mary's Hospital de Londres entre 1852-1858 e foi profesor entre 1854-1862 observou en 1870 que os fluídos de cultivos cubertos con mofos non producían bacterias.
1871 Inglaterra Joseph Lister, un cirurxián inglés, pai da antisepsia moderna, influído polos descubrimentos de Burdon-Sandersons, investiga e describe en 1871 que as mostras de ouriños contaminadas con mofo non permitían o crecemento de bacterias e tamén describiu a acción antibacteriana sobre os tecidos humanos no que o chamou Penicillium glaucum. Administróuselle a unha enfermeira do King's College Hospital de Londres, cuxas feridas non respondían a ningunha outra substancia un tratamento que o secretario de Lister chamou Penicillium.
1874 Inglaterra William Roberts observou en 1874 que a contaminación por bacterias está xeralmente ausente en cultivos do mofo Penicillium glaucum.
1875 Inglaterra John Tyndall, seguindo os traballos de Burdon-Sanderson expuxo ante a Royal Society a acción antibacteriana do fungo Penicillium en 1875.[1]
1875 Demóstrase que Bacillus anthracis é a causa do anthrax. Esta foi a primeira demostración de que un tipo específico de bacteria producía unha enfermidade concreta.
1877 Francia Louis Pasteur e Jules Francois Joubert observaron en 1877 que os cultivos do bacilo do ántrax, cando se contaminaban por mofos inhibían o seu crecemento. Nalgunhas referencias aparece o feito de que Pasteur identificou a cepa como Penicillium notatum.
1887 Francia Garré chega en 1887 a conclusións similares.
1895 Italia Vincenzo Tiberio efectúa extractos do fungo Penicillium e inxéctaos en animais con bacterias virulentas, con resultados inconcluíntes.
1897 Francia Ernest Duchesne da École du Service de Santé Militaire de Lión descubriu independentemente as propiedades curativas do mofo Penicillium glaucum, curando mesmo a coellos de indias da febre tifoidea e publicando unha disertación en 1897, aínda que foi ignorada polo Instituto Pasteur. Non obstante o propio Duchesne estaba a utilizar un descubrimento dos mozos de cuadra árabes, que utilizaban mofos para curar chagas dos cabalos. Nunca chegou a dicir que contiña unha substancia antibacteriana, senón só a dicir que dalgún modo protexían aos animais.
  • Duchesne curou a febre tifoidea, en tanto que a penicilina non.
  • Duchesne inxectou Penicillium glaucum, mentres que Fleming illou a substancia chamada penicilina do fungo Penicillium notatum
  • O termo Penicillium glaucum foi utilizado na época como "caixón de xastre" para diferentes fungos, pero non para Penicillium notatum e o fungo desafortunadamente non se preservou, o que fai imposible saber de certo hoxe en día que fungo foi o responsable da cura, e aínda máis incerto é que substancia era a responsable.
1920 Bélxica Nos anos 1920, Andre Gratia e Sara Dath observaron unha contaminación fúnxica nun dos cultivos de Staphilococcus aureus que era inhibido polo crecemento do fungo. Identificáronse como especies de Penicillium e presentaron as súas observacións nun artigo, que recibiu pouca atención.
1923 Costa Rica O costarriqueño Clodomiro Picado Twight, un científico do Instituto Pasteur publicou os seus efectos antibióticos en Penicillium.
1928 Inglaterra Fleming advertiu un cerco de inhibición do crecemento bacteriano ao redor dun mofo contaminante verdeazulado nunha placa de cultivo de Staphylococcus. Concluíu que o mofo estaba producindo unha substancia que inhibía o crecemento bacteriano. Realizou un cultivo puro do fungo e descubriu que era Penicillium notatum. Con axuda dun químico illou o que máis tarde denominou como "penicilina". Durante os seguintes doce anos, cultivou e distribuíu o fungo orixinal, tentando sen éxito atopar a axuda dalgún químico coa suficiente habilidade como para conseguir unha forma estable para a produción en masa.
1930 Inglaterra Cecil George Paine, un patólogo da Clínica Real de Sheffield, usou a penicilina nun intento de tratar a sicose pero non tivo éxito, probablemente debido a que o fármaco non se introduciu con suficiente profundidade. Porén, an oftalmía neonatal, unha infección gonocóccica dos bebés, conseguiu a primeira curación o 25 de novembro de 1930. Curou a catro pacientes (un adulto e os demais bebés) de infeccións oculares, aínda que un quinto paciente non foi tan afortunado.[2]
1938 Inglaterra En Oxford, Howard Walter Florey organizou un equipo con numerosos integrantes e moi competentes en investigación bioquímica, sendo notables entre eles Ernst Boris Chain e Norman Heatley, para abordar a innovadora tarefa de producir penicilina estable.
1941 - 1943 Estados Unidos Peoria, Illinois: Moyer, Coghill e Raper do Laboratorio de Investigacións Rexional do Norte, do USDA (NRRL) desenvolven métodos de producir penicilina industrializada, e illando razas máis produtivas de Penicillium.[3][4]
1941 - 1944 Estados Unidos Brooklyn: Jasper Kane e outros científicos de Pfizer desenvolveron o método práctico de fermentación en tanque industrial para a produción de grandes cantidades de penicilina de grao farmacéutico.[5]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Penicillin & Chance". SHiPS Resource Center. Arquivado dende o orixinal o 28 de maio de 2009. Consultado o 22 de xaneiro de 2018. 
  2. Wainwright M, Swan HT (xaneiro de 1986). "C.G. Paine and the earliest surviving clinical records of penicillin therapy". Med Hist 30 (1): 42–56. PMC 1139580. PMID 3511336. doi:10.1017/S0025727300045026. 
  3. "Penicillium chrysogenum (aka P. notatum), the natural source for the wonder drug penicillin, the first antibiotic". Tom Volk's Fungus of the Month for November 2003. 
  4. "Historic Peoria, Illinois". Northern Regional Research Lab. Arquivado dende o orixinal o 06 de novembro de 2006. Consultado o 22 de xaneiro de 2018. 
  5. "1900–1950". Exploring Our History. Pfizer Inc. 2009. Arquivado dende o orixinal o 26 de maio de 2013. Consultado o 2009-08-02. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]