Higrómetro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Higrómetro e barómetro colocados para unha medición.

O higrómetro é un aparello empregado para a medición do grao de humidade do aire, entendida esta como a medida do vapor de auga presente nun gas, ou a cantidade de auga contida noutros medios como o chan ou as plantas. Isto realízase por medio de sensores que perciben e indican a súa variación.

Historia[editar | editar a fonte]

Os primeiros higrómetros estaban constituídos por sensores de tipo mecánico, baseados na resposta de certos elementos sensibles ás variacións da humidade atmosférica (como o cabelo humano), algúns dos cales aínda se atopan en uso.

Constitución[editar | editar a fonte]

Este aparello está formado por dous eléctrodos enrolados en espiral entre os cales hai un tecido impregnado de cloruro de litio acuoso. De se aplicar a estes eléctrodos unha tensión alterna, o tecido quéntase pola corrente que circula a través del, e evapórase unha parte do contido de auga. A causa do secado aumenta a resistencia entre os eléctrodos e diminúe a cantidade de calor xerada. A unha temperatura definida establécese un equilibrio entre a evaporación por quecemento do tecido e a absorción de auga da humidade ambiental polo cloruro de litio, que é un material moi higroscópico (absorbente da humidade). Esta temperatura de equilibrio representa unha medida da humidade absoluta e é detectada por un termómetro de resistencia situado no interior do humidostato. As indicacións do termómetro envíanse a un dispositivo amplificador e de aquí, a un dispositivo de mando. Como o termómetro de resistencia se alimenta con corrente continua, débese prever tamén un dispositivo convertedor alterna-continua.

Tipos e características[editar | editar a fonte]

Psicrómetro de Asmann de circulación forzada.

Existen diferentes modelos de higrómetros que se clasifican segundo os seus compoñentes, método de medir e características:

  • Psicrómetro: empregado para determinar a humidade atmosférica mediante a diferenciación da súa temperatura coa humidade e a súa temperatura ordinaria.
  • Higrómetro de punto de rexío: tamén coñecido como higrómetro de condensación, calcula a humidade atmosférica ó determinar o seu punto de rexío. O punto de rexío dunha masa de aire obtense mediante a observación da temperatura á que se embaza unha superficie pulida, como consecuencia do depósito de rexío, ó ir arrefriando artificialmente e de forma paulatina dita superficie.
  • Higrómetro de feixe de cabelos: presenta como elemento sensible unha corda de cabelos que se retorce coa humidade do ambiente e despraza unha agulla basculante que indica a proporción de humidade, aínda que sen chegar a coñecer a súa porcentaxe.
  • Higrómetro de absorción: a humidade determínase pola absorción de vapor de auga mediante sustancias químicas higroscópicas que absorben e exhalan a humidade do medio.
  • Higrómetro eléctrico: posúe un elemento sensible cunhas propiedades eléctricas que varían segundo a humidade atmosférica. En moitos procesos de fabricación (fábricas de tabaco, almacéns de secadoiros, etc) é mester coñecer o contido de humidade no aire, para conseguir as condicións óptimas de almacenamento de fabricación. Os aparellos destinados a medir a humidade dun local chámanse humidostatos.

Higrómetros hoxe[editar | editar a fonte]

Nos nosos días xa se usan para estas medicións sustancias que son quen de mudar de cor por efecto da humidade, por exemplo o cloruro de cobalto, que se mostra nun ton rosado en presenza de aire húmido e azul en tempo seco.