Proteína conxugada
Aparencia
(Redirección desde «Heteroproteína»)
As proteínas conxugadas ou heteroproteínas son moléculas que presentan unha parte proteica (chamada apoproteína) e outra non proteica menor (grupo prostético). Isto diferénciaas das proteínas simples ou holoproteínas. Exemplos son: lipoproteínas, glicoproteínas, fosfoproteínas, hemoproteínas, flavoproteínas, metaloproteínas, fitocromos, citocromos, opsinas e cromoproteínas. Todas son globulares e clasifícanse en función do grupo prostético.
Poden clasificarse en:
- Fosfoproteínas.- Presentan ácido fosfórico e son de carácter ácido. Por exemplo, moitos encimas e as caseínas alfa, beta e gamma.
- Glicoproteínas.- Cun glícido unido covalentemente á proteína. Desempeñan funcións encimáticas, hormonais, de coagulación, etc. Destacan as inmunoglobulinas.
- Lipoproteínas.- Lípido máis proteína. Abundan nas membranas mitocondriais e no soro sanguíneo. Por exemplo, os quilomicrons.
- Nucleoproteínas.- Ácido nucleico máis proteína. Por exemplo, certas proteínas víricas.
- Cromoproteínas.- Caracterízanse porque a fracción non proteica presenta coloración xeralmente debido á presenza de metais. Destacan os pigmentos respiratorios (hemoglobina), almacéns de oxíxeno (mioglobina), proteínas que interveñen na transferencia de electróns (citocromos, flavoproteínas), pigmentos visuais (rodopsina, iodopsina).
Notas
[editar | editar a fonte]- Goñi, Félix M.; Macarulla, José M. (1994). Bioquímica humana: curso básico. Reverté. p. 115. ISBN 9788429155532.
- Teijón Rivera, José María (2001). Bioquímica estructural: conceptos y tests. Tébar. pp. 87–88. ISBN 9788495447302.
- Tejión Rivera, José María; Garrido Pertierra, Amando (2006). Fundamentos de bioquímica estructural (2ª ed.). Tébar. p. 72. ISBN 9788473602280.