Hälsingland atópase ao norte do limes norrlandicus (a fronteira biolóxica de Norrland) pero principalmente ao sur da fronteira do terreo montañoso de Norrland. En Hälsingland fálase o hälsingemål, e considérase que a provincia está dividida pola fronteira dialectal entre o norrländska mål e o sveamål.[1][2]
A primeira mención de hälsingar pode que sexa no poema inglés Widsith do século IX, que fala sobre un pobo chamado Hælsings e que foi gobernado por un rei mitolóxico chamado Wada. O nome de Hälsingland aparece por vez primeira de mans de Adán de Bremen a finais do século XI como Halsingland, en relación coa frota do ledungen. A provincia tamén é nomeada no Florenslistan, orixinalmente de 1103, coa súa forma latina "Helsingia".[3]
Hälsingland significa "terra dos hälsingars”. Hälsing interpretouse como unha combinación da palabra hals e o sufixo inge, 'habitante'. No se sabe exactamente o que significa hals, pero non ten nada que ver co pescozo (hals en sueco significa pescozo). As interpretacións propostas refírense a unha sección estreita de auga (comparando con Helsingborg-Helsingör), é dicir, un curso de auga estreito, ou unha porción estreita de terra.[4] Propuxéronse varios cursos de auga como orixe do nome, como por exemplo tres baías que penetraban na provincia na antigüidade, as de Alir, Sundhed e Nordanstig. Porén, a opinión máis común é que o "hals" ao que se refire é o golfo de Botnia e que a poboación que vivía ao longo das súas costas eran os "hälsingar".[4][5]