Saltar ao contido

Guerra etolia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Guerra etolia
Data -191 a -189
Lugar Etolia, Grecia
Resultado Vitoria romana
Líderes
Damocrito Manio Acilio Glabrión,
Filipo V

A Guerra Etolia (-191 a -189) foi un conflito librado entre a República Romana e os seus aliados de Macedonia e a liga Aquea contra a liga Etolia e o seu aliado do reino de Atamania. Os etolios convidaran a Antíoco III Megas a invadir Grecia, que tras a súa derrota na Batalla das Termópilas, foi obrigado a abandonar o territorio helénico. Con Antíoco fóra de Grecia, os romanos e os seus aliados pasaron a atacar os etolios. Tras un ano de conflito, os etolios foron derrotados e forzados a pagar unha multa de 1.000 talentos de ouro.

Tras a derrota do Reino de Macedonia na segunda guerra macedónica, estalou unha disputa entre a liga Etolia e Roma debido á repartición de terras. Roma tiña o apoio dos demais membros da coalición antimacedonia, Pérgamo e Rodas e por tanto os etolios víronse obrigados a ceder. Con todo, os indignados etolios buscaron vinganza e enviaron ofertas co obxectivo de expulsar a Roma de Grecia a Nabis, rei de Esparta, a Filipo V, rei de Macedonia e a Antíoco III o Grande[1]. Nabis, que se viu obrigado a aceptar uns denigrantes termos tras ser derrotado polos romanos e a liga Aquea aceptou, pero foi asasinado polos propios etolios. Filipo que fora derrotado na segunda guerra macedónica e tiña que pagar unha inxente cantidade de diñeiro como indemnización e que tiña ao seu fillo como refén, declinou a oferta. Antíoco pola súa banda viu nesta oferta a oportunidade de expandir o seu territorio cara a Europa e aceptou a alianza embarcándose inmediatamente cara a Roma.

Antíoco desembarcou en Demetrias ao mando dunha forza de 10.000 soldados de infantaría e 500 soldados de cabalaría e dedicouse a tentar gañar para a súa causa a algunhas nacións gregas. Os romanos, alarmados pola chegada de Antíoco, enviaron unha forza ao mando do cónsul Manio Acilio Glabrión para se enfrontar ao monarca oriental. Os dous exércitos enfrontáronse na Batalla das Termópilas e os romanos derrotaron a Antíoco de tal maneira que só 500 dos seus homes sobreviviron. A maioría das tropas sobreviventes embarcáronse de novo cara a Asia Menor[2].

Campaña en Tesalia

[editar | editar a fonte]

A fuxida de Antíoco deixou aos etolios sen aliados e o vitorioso exército romano avanzou sen oposición cara a Tesalia. A forza romana comandada por Glabrión enviou unha embaixada á cidade de Traquinia coa oferta de que se entregaban a poboación, serían perdoados. Os defensores non responderon e o exército romano decidiu tomar a cidade pola forza e iniciou as tarefas de circo.

Os romanos comezaron o asedio lanzando ramas acesas por encima das murallas da cidade. Para contrarrestar esta estrataxema, os etolios decidiron facer varias saídas co obxectivo de dispersar aos atacantes. O cerco resultou esgotador para os defensores en contraste cos romanos que grazas á súa superioridade numérica, cando as súas tropas se cansaban, podían substituílas por tropas de refresco. A inferioridade numérica dos etolios impedíalles utilizar esta estratexia.

Tras 24 días de cerco, o cónsul sabía do grao de cansazo dos etolios debido á longa duración do asedio, grazas aos informes dos desertores. Glabrión, sabéndose por tanto nunha posición de vantaxe, deseñou un plan para tomar a cidade: a media noite, o cónsul mandou a todos os seus soldados regresar ao campamento, que mantivo en inactividade até as tres da madrugada, momento no que ordenou renovar o cerco. Os etolios pola súa banda, pensando que os romanos abandonaran durante ese día o cerco, deixaran o seu posto. Glabrión, sabendo que o seu plan tería efecto ordenou atacar a cidade por tres posicións e deu ordes a Tiberio Sempronio, que estaba ao cargo da terceira parte das súas tropas, esperar ordes e mobilizarse cando se ouvisen ruídos[3]. Cando os durmidos etolios ouviron que os romanos se aproximaban, preparáronse para a batalla e trataron de se abriren camiño loitando na escuridade. Os romanos pola súa banda empezaran a rubir polas murallas a través de escalas ou de muros medio derruídos. Mentres todos os etolios aproximáronse ao lugar onde atacaba Glabrión, Sempronio penetrou na cidade por outro punto. Cando os etolios viron a trampa na que caeran retiráronse da cidade. Glabrión entón permitiu aos seus soldados saquear a cidade.

Cando as tropas terminaron de saquear a cidade, Glabrión ordenou separar ao seu exército en dous grupos. Un deles debía situarse nun outeiro que estaba a igual altura da cidadela, desde onde podían disparar proxectís. O outro grupo debía situarse na parte dianteira. Ao ver as dúas frontes de ataque, os etolios decidiron renderse. Entre os que se renderon destaca o líder etolio Damocrito.

Mentres os romanos atacaban Traquinia, Filipo e o seu exército ao que se uniu unha pequena forza romana iniciaron o asedio da cidade de Lamia. Entregáronse á tarefa con tal ímpeto que segundo Tito Livio parecía que estivesen a competir entre eles. En vista das escasas posibilidades de realizar progresos, Filipo temeu que se os romanos tomaban Heraclea, Lamia renderíase aos romanos. Os temores de Filipo fixéronse realidade cando un mensaxeiro dos romanos ordenoulle abandonar o sitio.

Os etolios aínda mantiñan a esperanza de que Antíoco volvería a Grecia cunha nova forza e envioulle unha embaixada. Os enviados dixéronlle tamén que se non podía ceder tropas lles dese un pouco de diñeiro. Antíoco enviou diñeiro aos etolios para que puidesen manter a guerra e prometeulles o envío de reforzos.

Con todo, a caída de Traquinia esnaquizou o espírito de loita dos etolios que enviaron unha delegación aos romanos. O cónsul Glabrión estipulou unha tregua de dez días e enviou ao seu legado, Lucio Valerio Flaco para que parlamentase cos etolios. Os romanos demandaron aos etolios a entrega de Dicearco, Monestas de Epiro e Aminandro de Atamania. Os etolios decidiron obedecer aos romanos e enviaron aos homes requiridos para que os condenasen. Con todo, uns poucos días máis tarde, Nicandro un dos enviados a Antíoco volveu con noticias da chegada do rei con reforzos. Os reforzos seléucidas animaron aos etolios a seguir resistindo.

Cando Acilio tivo noticias de que os etolios non cumpriran coas súas esixencias, marchou á cabeza do seu exército e puxo baixo sitio a Naupacto. O cerco de Naupacto prolongouse dous meses ata que Tito Quincio Flaminio chegou á cidade. Cando o consular paseaba ao longo das murallas, moitos dos cidadáns recoñecérono e rogáronlle auxilio. O líder da cidade accedeu a que Flaminio enviase a Roma unha delegación presentando o caso da cidade. Tras isto, os romanos levantaron o sitio e dirixíronse cara a Fócida.

Cando a embaixada que fora enviada a Roma regresou, comunicou aos dirixentes da liga Etolia que non había ningunha esperanza de paz. Os etolios tomaron entón o monte Córax e bloquearon o paso. Os aqueos pola súa banda comezaron a arrasar a costa etolia enfronte do Peloponeso. Os etolios esperaban que os romanos renovasen o cerco de Naupacto, pero este decidiu lanzar un ataque sorpresa contra a cidade de Lamia. A pesar do ataque sorpresa, Lamia foi capaz de repeler un primeiro embate. Cando os romanos regresaron ao seu campamento, o xeneral comunicoulles que a próxima vez que regresasen ao campamento xa tomarían Lamia. Unhas horas despois, Lamia caía.

Os romanos, vendo que non podían tomar Naupacto sen atacar Anfisa despregaron un exhaustivo cerco a esta rodeando a cidade por todos os segmentos da muralla. Cando os etolios tiveron noticias da chegada do cónsul Lucio Cornelio Escipión Asiático xunto ao seu irmán Escipión o Africano, fuxiron da cidade e encerráronse no interior da súa cidadela.

Atenas pola súa banda enviou unha embaixada aos romanos pedindo que reconsiderasen a petición de paz dos etolios.

Conclusión e Tratado

[editar | editar a fonte]

Así, tras un ano de conflito, os etolios foron derrotados e os romanos redactaron un tratado que converteu aos etolios nun estado monicreque de Roma. Agora, os etolios debían de loitar en calquera guerra que estes levasen a cabo, ademais de contar cos mesmos aliados e inimigos que os romanos, ter que pagar unha multa de 1.000 talentos de ouro e intercambiarse os prisioneiros e reféns[4].

  1. Tito Livio, Roma e o Mediterráneo.
  2. Tito Livio, Roma e o Mediterráneo
  3. Livio, Roma e o Mediterráneo
  4. Polibio, 21.32.1-15.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
Fontes primarias
Fontes secundarias
  • Peter Green. "Alexander to Actium: The Historic Evolution of the Hellenistic Age". ISBN 0-500-01485-X