Grendel
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xaneiro de 2016.) |
Grendel é un monstro e un dos tres antagonistas presentes no poema épico Beowulf, composto entre os anos 700 e 1000 da nosa era.
No poema hai poucas descricións do monstro, pero se infire que se trataba dunha criatura salvaxe, cunha forza brutal e de enorme estatura. Talvez un demo ou un xigante, tamén se refiren a el no poema como un ogro ou un trol e como fillo de Caín.
Descricións no poema
[editar | editar a fonte]No poema, Grendel invade Heorot, a terra dos daneses, volvéndoa inhabitábel, xa que devoraba humanos sen que ninguén se lle opuxese. O heroe dos gautas, Beowulf, deixa a súa terra natal para derrotar ao monstro. O guerreiro termínao matando logo dunha loita a man limpa. E logo a nai de Grendel volve para vingarse, máis terríbel e poderosa, pero tamén sucumbe a mans de Beowulf.
A súa primeira aparición no poema:
- Chamábase Grendel aquel espantoso, horripilante
- e perverso proscrito: moraba en lameiras,
- en grutas e charcas. Desde tempos remotos
- vivía esta fera entre xente infernal,
- padecendo a pena que Deus inflixiu. (vv. 102-106)
A súa forza:
- O horríbel inimigo, o privado de gozos,
- chegou diante da estancia. Con só tocala,
- na porta rompeu os forxados ferrollos:
- xa podía o maligno —era grande a súa furia—. (vv. 720-723)
Única descrición física:
- con rabia avanzou: tiña nos seus ollos
- un brillo espantoso, igual que de lume. (vv. 726-727)
- como iría atacar coas súas garras feroces. (v. 738)
Os seus poderes máxicos:
- Mais aqueles vasalos de rexo coraxe,
- que por todos os lados lle poñían acoso
- ao daniño inimigo, non achaban a forma
- de ferilo de morte: ao torvo proscrito
- espada ningunha que houbesen no mundo,
- nin o ferro mellor, abatelo podía,
- pois el coa súa maxia enfeitizaba as armas,
- os seus gumes de guerra. (vv. 798-805)
Noutras obras
[editar | editar a fonte]Famoso polo poema, o seu nome foi utilizado como sinónimo de demo. Mesmo se chegou a utilizar en obras de literatura moderna, como a saga de ciencia ficción Hyperion de Dan Simmons. Así tamén como no cómic do mesmo nome debuxado e guionado por Matt Wagner.
Na novela Devoradores de cadáveres de Michael Crichton, adaptada ao cine como O guerreiro número trece, que relata unha versión "realista" de Beowulf escrita polo viaxeiro musulmán Ibn Fadlan, Grendel é substituído polos Wendol, un tribo de neandertais que sobrevive nun val remoto de Dinamarca en pleno século X e que aterra aos poboados viquingos da zona. A nai de Grendel é representada nesta obra como a sacerdotisa e xefe suprema do tribo.