Fame irlandesa de 1879
A fame irlandesa de 1879 foi a última fame importante de Irlanda. Ao contrario da anterior fame irlandesa de 1740 a 1741 e, sobre todo, a Gran Fame irlandesa, a fame de 1879 (ás veces coñecida como mini fame ou An Gorta Beag en irlandés) non causou mortes en masa, principalmente debido a cambios na tecnoloxía de produción de comida, a diferentes estruturas de propiedade da terra, á entrada de cartos no país por parte dos emigrantes que axudaban ás súas familias e, particularmente, á pronta resposta do goberno británico, en contraste co desleixo que tratou a Gran Fame entre 1845 e 1852.
O parlamentario radical Charles Stewart Parnell da Liga da Home Rule, Michael Davitt da Irish Land League e algúns relixiosos irlandeses, entre os que destacou o bispo Michael Logue, involucráronse activamente nunha campaña para meterlle presión ó goberno británico e para a distribución da axuda.[1]
Desenvolvemento
[editar | editar a fonte]Despois da fame da década de 1840, construíuse unha rede de ferrocarril en Irlanda que permitía o transporte da comida cara ao oeste de Irlanda nuns días, no canto de meses como era o habitual até entón. Por iso, esta fame non se caracterizou polo número de mortes, senón pola carestía de alimentos no oeste da illa, sobre todo na provincia de Connacht.
Aínda que esta fame tivo unha menor gravidade que as dúas anteriores, a súa aparición fixo que axiña se espallase o pánico na poboación. Os que daquela eran adultos xa experimentaran a Gran Fame entre 1845 e 1852 cando eran cativos, e tiñan medo de que as súas familias fosen vítimas das mortes masivas de outrora. Por este motivo, houbo un importante movemento da poboación rural cara ás principais vilas e cidades. Porén, esta migración foi temporal e, coas novas colleitas de 1880, moitos dos que marcharan ás cidades volveron a repoboar a terra que deixaran atrás.
Os historiadores coinciden en sinalar que durante os meses de fame houbo un rexurdir relixioso considerábel, no que destacou a aparición da Virxe María xuntos con dous santos nunha igrexa de Knock no condado de Mayo. A vila fíxose especialmente coñecida en décadas posteriores polo santuario que se fixo trala aparición.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ The New York Times (ed.). "The Herald of Relief from America". Consultado o 16 de decembro de 2014.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]Jordan, Donald E. (1994). Land and Popular Politics in Ireland: County Mayo from the Plantation to the Land War. Cambridge University Press. ISBN 978-0-5214-6683-7.
Outras lecturas
[editar | editar a fonte]- William Fraher. "16. The Agricultural Crisis 1879/1880 And The Aftermath". Desperate Haven – The Famine in Dungarvan. Waterford County Museum.
- Maggie Land Blanck. "1880 Famine and Distress in the West of Ireland". Consultado o 9 de outubro de 2015.
- Gerard Moran (1997). "Near famine: The crisis in the West of Ireland, 1879–82". Irish Studies Review 5. pp. 14–21. doi:10.1080/09670889708455564.
- Frank Rynne (19 de abril de 2015). "The Great Famine in Nationalist and Land League propaganda 1879–1882". Mémoire(s), identité(s), marginalité(s) dans le monde occidental contemporain 12. doi:10.4000/mimmoc.1864. Consultado o 9 de outubro de 2015.