Gramaticalidade

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar para a navegação Saltar para a pesquisa

A gramaticalidade é o xuízo que cada falante dunha lingua pode facer sobre un enunciado emitido nesa lingua.

Un falante dunha lingua pode dicir que unha oración feita con palabras da súa lingua está ben formada con relación ás regras da gramática que el ten en común cos demais individuos que pertencen á súa comunidade de fala. Esa capacidade pertence á competencia dos falantes e non depende nin do seu nivel cultural nin do seu grupo social. Así, Vai na Coruña é unha frase gramatical, encanto que *Coruña na vai é unha frase agramatical, e isto indícase na escrita co asterisco que a precede. Se hai diferenzas de opinión sobre a gramaticalidade dunha frase entre dous falantes, é que as súas competencias son variantes do mesmo sistema.

Os xuízos de gramaticalidade non se fan exclusivamente por rexeitamentos ou aceptacións; existen graos de gramaticalidade que poden ser avaliados pola natureza da regra gramatical violada. Así, a frase ?A cousa a min clara paréceme é unha frase diverxente, gramaticalmente dubidosa, o que se marca na escrita co punto de interrogación, pois a súa estrutura non está enteiramente conforme ás regras da gramática.

A gramaticalidade distínguese:

  • Da significación: As leiras crean promesas é gramatical mais dificilmente interpretábel, a non ser metaforicamente.
  • Da verdade ou da conformidade á experiencia xeral: As sardiñas camiñaban polo monte é unha oración gramatical, mais falsa; A auga é seca é contraditoria.
  • Da probabilidade de que un enunciado se realice: O can quería opinar sobre o que falabamos.
  • Da aceptabilidade ou posibilidade de comprender unha oración gramatical, mais excesivamente complexa: A reunión que o conselleiro que a namorada do teu irmán que eu coñezo critica, organizou, foi moi produtiva é inaceptábel porque, aínda que ben construída, non se dá comprendido.

Os xuízos de gramaticalidade non dependen da experiencia adquirida, mais do sistema de regras xerais interiorizadas durante a aprendizaxe da lingua. Estes xuízos serven para estabeleceren as regras da gramática da lingua concreta e as agramaticalidades recenseadas permiten definiren as coercións que se exercen sobre as regras xerais.