Saltar ao contido

Gasoduto Bolivia-Brasil

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Delimitación sobre o Gasoduto Bolivia-Brasil na zona rural de Taquara, RS, Brasil.

O Gasoduto Bolivia-Brasil, tamén coñecido como Gasbol, é unha vía de transporte de gas natural entre Bolivia e o Brasil con 3.150 km de extensión, sendo 557 quilómetros en territorio boliviano (administrado pola empresa transportadora de gas privada Gas Transbolivariano S.A., GTB) e 2593 quilómetros en territorio brasileiro (administrado pola empresa Transportadora Brasileira Gasoduto Bolívia-Brasil S/A, TBG).

A capacidade máxima do gasoduto é de 11 millóns de metros cúbicos ao ano (390 millóns de metros cúbicos ao ano) de gas natural. O custo total do gasoduto foi 2,15 millóns de dólares americanos, dos cales 1,72 millóns de dólares foron os gastos para a sección brasileira e de 435 millóns de dólares para a sección boliviana. Este proxecto foi levado a cabo en dúas fases, a primeira en 1999, e a segunda no ano 2000.

A construción, funcionamento e comercio do gas réxese polo acordo Tratado de La Paz redactado en 1996. Comezou a ser construído en 1997, iniciando a súa operación en 1999. Pero estivo plenamente operativo só en 2010, co obxectivo de que o gas natural chegue ao 15% de todo o consumo enerxético brasileiro. O entón presidente Fernando Henrique Cardoso tivo un grande empeño para a realización do proxecto e inaugurou as primeiras etapas. O gasoduto ten o seu inicio na cidade boliviana de Santa Cruz de la Sierra e o seu fin na cidade gaucha de Canoas, atravesando tamén os estados de Mato Grosso do Sul, São Paulo, Paraná, Santa Catarina e Río Grande do Sul, pasando por unhas catro mil propiedades en 135 municipios.

En São Paulo, o trazado acompaña o río Tietê, chegando a Campinas, onde se atopan as industrias que, en 1999, foron as empresas pioneiras na utilización do gas natural boliviano. O traxecto é estratéxico, xa que pasa por unha zona responsable do 71% do consumo enerxético brasileiro, o 82% da produción industrial do país e o 75% do PIB.

Ata a construción do gasoduto, terminado en 2010, soamente a capital e algúns municipios adxacentes facían uso do gas natural nacional, extraído das plataformas submarinas de Campos (en Río de Xaneiro) e de Santos, no litoral paulista. Este sistema xa se encontra conectado ao gasoduto boliviano a través dunha conexión nas proximidades do Vale do Paraíba. O gas natural de Campos, tras alimentar algúns municipios na área de San Xosé dos Campos, é dirixido á rede paulista polos condutos que corren paralelamente á Vía Dutra e o de Santos sobe a Serra do Mar, en dirección á zona industrial da rexión metropolitana. En novembro de 2008, na cidade de Gaspar, en Santa Catarina, houbo unha rotura do gasoduto no transcurso das inundacións ocorridas na rexión do Vale do Itajaí.

Nacionalización de Evo Morales

[editar | editar a fonte]

En 2006 o presidente Evo Morales declara o Decreto Supremo, na que impón regras para os hidrocarburos e os derivados do petróleo extraídos no país. O decreto transfire a propiedade das reservas para a Bolivia e aumenta os impostos sobre a produción do 50% ao 82%, entre outros temas.

O gas era extraído en Bolivia en campos anteriormente explotados por multinacionais como Petrobrás, Repsol YPF, British Gas, British Petroleum e Total. Estas tiveron perdas nos seus beneficios e provocaron intensas críticas internacionais e discusións diplomáticas.

Este episodio foi amplamente rexeitado pola oposición brasileira apremando o entón presidente Luiz Inácio Lula da Silva a tomar actitudes no ámbito do sector enerxético, que en ningún momento foron tomadas.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]