Fronda
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde abril de 2023.) |
Fronda (equivalente ao galego tirafonda ou fonda) é o nome que recibiron a serie de rebelións e guerras civís que tiveron lugar no Reino de Francia entre 1648 e 1653. A Fronda tivo lugar no contexto da guerra franco-española (1635–1659) e dos conflitos de Francia contra a casa de Habsburgo que esgotaron as reservas económicas de Francia, e da debilidade da monarquía durante a minoría de idade de Lois XIV, durante a que rexeu o país Ana de Austria, quen delegou o goberno no cardeal Mazarino.
A Fronda adoita dividirse en dúas etapas: a Fronda dos Parlamentos (1648–1649), na que o parlamento e os pares de París, a mesma cidade e parte dos cidadáns se rebelaron contra a suba dos impostos e esixiron ter maior control sobre os decretos reais, e a Fronda dos Príncipes (1650–1652) na que os chamados príncipes de sangue (membros da liñaxe real francesa) tentaron aumentar a súa influencia nos asuntos do estado limitar os poderes do monarca e expulsar do poder ao cardeal Mazarino.
Orixes
[editar | editar a fonte]No segundo cuarto de século XVII as rebelións cidadás en Francia foron constantes. Entre 1620 e1640 houbo tamén levantamentos campesiños en moitas provincias do reino. Os labregos, daquela a maioría da poboación francesa, sufrían as consecuencias das guerras inacabables, as execcións fiscais e os saqueos das tropas inimigas e mesmo as propias. O cardeal Mazarino, quen tomou o posto de home forte do país trala morte do cardeal Richelieu era moi impopular entre a poboación e no propio palacio real. A participación francesa na Guerra dos Trinta Anos e as guerras con España supuñan gastos enormes. En 1646 o parlamento de París rexeitou as medidas fiscais propostas por Mazarino (que incluían subas de impostos) e, a un tempo, producíronse levantamentos no Languedoc e outras zonas do país. En 1648 a situación empeorou aínda máis e comezaron os enfrontamentos armados no mesmo París, mentres o parlamento seguía a rexeitar os plans da monarquía.
Fronda dos parlamentos
[editar | editar a fonte]En 1648, o parlamento de París manifestouse a favor da limitación do poder da monarquía para establecer novos impostos e para realizar arrestos arbitrarios. O triunfo recente da Revolución Inglesa animou as reivindicacións do parlamento. O 26 de agosto a raíña rexente, Ana de Austria, fixo arrestar a Pierre Broussel, líder da oposición parlamentaria e a outros personaxes destacados dos descontentos o que causou unha revolta en París con construción de barricadas para impedir o acceso ao Palacio Real. A raíña viuse obrigada a liberar os prisioneiros. A mediados de setembro a familia real e Mazarino abandonaron o Palacio para refuxiarse no castelo do Val en Rueil. Malia ás esixencias do parlamento, a raíña negouse a retornar a París, pero asinou a declaración de Saint Germain na que aceptaba as principais esixencias dos parlamentarios.
No outono do 1648, coa Paz de Westfalía finalizou a Guerra dos Trinta Anos o que permitiu o regreso de tropas desde as fronteiras que reforzaron a posición da monarquía. Lois II de Borbón-Condé, príncipe de Condé, heroe da guerra acabada de finalizar, púxose do lado da raíña (en parte grazas ás prebendas que se lle concederon) e en decembro recomezaron as loitas contra os rebeldes. Condé puxo sitio a París e a poboación, aliada cos nobres descontentos, decidiu resistir, chegando a facerse chamadas á decapitación da familia real. No Languedoc, Poitou, Normandía e outras zonas de Francia houbo tamén movementos contra o goberno. A resistencia dos frondistas e a desconfianza do Parlamento nalgúns dos seus aliados, que en moitos casos buscaban obxectivos de índole persoal, tiveron como resultado o acordo dos parlamentarios coa monarquía e o 15 de marzo a revolta deuse por concluída.
Fronda dos Príncipes
[editar | editar a fonte]A insatisfacción de parte da nobreza co seu papel na monarquía estivo na raíz da segunda revolta frondista. Entre os nobres que participaron no alzamento estiveron Gastón, duque de Orleáns, tío do rei, Lois, príncipe de Condé, seu irmán Armand, príncipe de Conti, Frederico, duque de Bouillon e seu irmán Henrique, vizconde de Turena. A eles hai que sumar a filla de Gastón, Mademoiselle de Montpensier, a irmá de Condé, Madame de Longueville, Madame de Chevreuse e Jean-François Paul de Gondi, futuro cardeal de Retz. Os frondistas non contaron con moita simpatía da poboación e o Parlamento de París non apoiou en principio a revolta. As malas relacións do Príncipe de Condé con Mazarino e mesmo coa raíña provocaron que, a primeiros do ano 1650, Mazarino ordenase o arresto de Condé e algúns dos seus partidarios, que foron recluídos no Castelo de Vincennes. O suceso provocou o alzamento dos seus aliados e as provincias as que representaban. O Vizconde de Turena púxose á fronte do exército dos sublevados. Os frondistas buscaron a axuda de España e os exércitos españois implicáronse na guerra civil. Mazarino dirixiu as operación militares contra os sublevados en Normandía, onde o levantamento foi rapidamente sufocado, o mesmo que noutras zonas do país. Despois, acompañado pola familia real, supervisou o sitio de Bordeos, praza forte dos rebeldes.
Mentres, en París, o 2 de febreiro de 1651, o Duque de Orleans, ata daquela fiel á monarquía, rompe con Mazarino e o Parlamento de París esixe a liberación dos arrestados e ordena que só se sigan as ordes do Duque. Mazarino vese obrigado a fuxir e a rexente Ana de Austria e o rei son retidos no Palacio Real polos frondistas. A raíña acepta liberar a Condé e os outros presos que regresan a París o 16 de febreiro. Condé está no cumio do seu poder, pero o seu carácter e as súas esixencias provocan que as súas relacións cos outros frondistas sexan tensas. Mazarino establecese na cidade alemá de Brühl, dende onde move os seus fíos para volver a controlar a situación. En París, o parlamento e os nobres discrepan no camiño a seguir e, o 7 de setembro de 1651, Lois XIV, quen cumpre os 13 anos é declarado maior de idade. O novo rei nomea conselleiros a nobres contrarios a Condé, que foxe de París e, aliado con España, reactiva a revolta.
A Fronda do Gran Condé
[editar | editar a fonte]En decembro de 1651, Mazarino regresa a Francia acompañado dun pequeno exército. Turenne, que virou ao lado do monarca, dirixe o exército real contra Condé. O 2 de xullo de 1652, os dous exércitos enfrontáronse ás portas de París. Cando os frondistas semellaban derrotados, a cidade permitiu a entrada de Condé e as súas tropas. Mazarino fuxiu de novo, mais as disensións entre os príncipes e a burguesía parisiense permitiron que, o 21 de outubro de 1652, o rei entrase na cidade e Mazarino regresou, sen oposición, en febreiro de 1653.[1]
A guerra civil acabou e Condé púxose ao servizo de España que continuou en guerra con Francia.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Atkinson 1911, p. 247–249
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Atkinson, Charles Francis (1911). "Fronde, The". Encyclopædia Britannica (en inglés). Cambridge: Cambridge University Press. pp. 247–249.