Jean-François Paul de Gondi

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Jean-François Paul de Gondi
Jacob Ferdinand Voet - Cardinal de Retz.jpg
AlcumeGondi, Kardinál de Retz e Jean-François Paul de Gondi
Nacemento29 de setembro de 1613 e 20 de setembro de 1613
Lugar de nacementoMontmirail
Falecemento24 de agosto de 1679
Lugar de falecementoParís
SoterradoBasílica de Saint-Denis
NacionalidadeFrancia
RelixiónIgrexa católica
Alma máterLycée Louis-le-Grand
Ocupaciónescritor, sacerdote católico, memorialista, político e sacerdote católico
PaiFilippo Emanuele di Gondi
editar datos en Wikidata ]

Jean-François Paul de Gondi, cardeal de Retz foi un relixioso e escritor de memorias francés, moi implicado na vida política do seu tempo. Naceu o 20 de setembro de 1613 en Montmirail, Marne e finou o 24 de agosto de 1679 en París.

Biografía[editar | editar a fonte]

Orixes, formación e primeiros anos[editar | editar a fonte]

Jean-François Paul de Gondi naceu na familia Gondi, de orixe italiana, chegada a Francia no séquito de Catarina de Medicis. Seu pai fora protector de Vicente de Paula e seu tío Jean-François de Gondi, era arcebispo de París. Seu irmán Henri (1590-1659) estaba destinado a ser o coadxutor do arcebispo e a herdar a seu posto, pero morreu nun accidente de caza e Jean-François, que prefería ser militar, foi escollido como substituto na carreira relixiosa e futuro arcebispo. Estudou teoloxía e a autores clásicos como Salustio e Plutarco. Aos vinte e cinco anos compuxo un relato histórico O Complot do conde de Fiesque, no que mostraba a súa paixón polo tema das conspiracións políticas. Foi ordenado sacerdote en 1643, e, de seguido, bispo e coadxutor de seu tío. A elocuencia dos seus sermóns e a súa xenerosidade coas esmolas fixérono moi popular. As amizades cos membros da alta nobreza francesa e o partido devoto permitíronlle crear unha rede de alianzas que o converteu en personaxe fundamental nas revoltas da Fronda.

O frondista[editar | editar a fonte]

Gondi , que ambicionaba ser cardeal e se opuña á monarquía absoluta, foi partidario de primeira hora do movemento da Fronda . Os frondistas (en xeral aristócratas e membros dos parlamentos franceses) esixían o poder de revisar as decisións da coroa. Gondi tentou inicialmente presentarse como mediador entre os parlamentarios de París e a raíña rexente Ana de Austria. A raíña, aconsellada polo cardeal Mazarino, rexeitou a proposta de Gondi, que inmediatamente se puxo do lado da Fronda. Despois de dous intentos de compromiso ( paz de Rueil e paz de Saint-Germain), Gondi tratou de buscar un xefe para organizar a revolta. Despois da negativa de Louis II de Bourbon-Condé, o Grand Condé , escolleu como líder da sublevación ao seu irmán menor Armand de Bourbon. En 1649, cando a derrota dos frondistas parecía inevitable, Gondi negociou coa raíña en segredo para obter prebendas para si mesmo e os seus achegados. O presidente do Parlamento de París, fixo público o documento que probaba as manobras de Gondi e a súa popularidade veuse moi afectada. Grazas á súa amante, Charlotte de Lorraine, o coadxutor conseguiu ser conselleiro de Gastón de Francia, tío do rei, e acordou coa raíña entregar aos xefes da Fronda, que foron arrestados en xaneiro de 1650, a cambio de ser nomeado cardeal. Porén, despois da detención dos xefes frondistas, Mazarino, rexeitou nomealo cardeal. Gondi, apoiado por Gaston de Francia, iniciou unha nova revolta e reclamou o cesamento de Mazarino, que fuxiu a Saint-Germain, onde se encontraba o rei neno Luís XIV. Gondi provocou que unha multitude se dirixira ao Palacio Real para verificar o estado de saúde do monarca. Louis XIV nunca perdoou ese acto, que consideraba humillante. En 1651 o coadxutor recibiu a encomenda da abadía de Notre-Dame de la Chaume de Machecoul.

Despois da Fronda. O capelo de cardeal e a caída[editar | editar a fonte]

En 1652 Gondi recibe o cardenalato de mans do papa Inocencio X . En outubro do mesmo ano o rei regresou a París acompañado de Mazarino, e unha das primeiras decisións deste foi enviar á cadea ao novo cardeal. En 1654, cando o tío do cardeal morreu deixando vacante o arcebispado de París, Retz, malía os pedidos de seus amigos e do papa, estaba aínda na cadea. Firmou a renuncia ao arcebispado e foi posto en arresto no castelo dos duques de Bretaña. Fuxiu del descolgándose cunha corda e retráctaouse da renuncia ao arcebispado. Pasou a España e de alí a Roma e nomeou vicarios para administrar a sé parisina na súa ausencia. En 1655 Mazarino tentou denigralo perante o novo papa Alexandre VII acusándoo de ser jansenista, pero o papa, que tivera o apoio de Retz para ser elixido, non se deixou convencer.

Durante o exilio, Gondi, refuxiouse en Belle-Île-en-Mer, posesión que herdara de seu tío-avó Albert de Gondi, situada perante a costa de Bretaña. Cando tivo que vender esa posesión por problemas económicos, mudouse ao castelo de Commercy, en Lorena, herdanza de súa nai. Retz viaxou por Europa interesándose pola política dos países que visitaba. Á morte de Mazarino en 1661, Retz esperaba recuperar o favor do rei, pero finalmente tivo que renunciar ao arcebispado recibindo a cambio a abadía de Saint-Denis, que proporcionaba unha renda considerable. En 1668 puido volver a París onde continuou involucrado en política, pero exclusivamente en temas relacionados coas relacións co papado. A súa influencia evitou que Alexandre VII excomungara o Parlamento de París que se manifestou en contra da infalibilidade papal. Participou nos conclaves de Clemente IX e Clemente X. Retz morreu despois de retirarse á abadía de Saint-Denis e Louis XIV prohibiu que se puxese unha placa co seu nome o que evitou que a tumba fose profanada polos revolucionarios en 1793.

As memorias[editar | editar a fonte]

O cardeal é recordado polas súas Memorias, redactadas entre 1675 e 1677 e publicadas corenta anos máis tarde. Nelas conta de forma novelada a súa participación na Fronda. As memorias son a miúdo considerada unha das obras mestras do século XVII francés.