Saltar ao contido

Pimpín común

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Fringilla coelebs»)

O pimpín común (Fringilla coelebs) é un paxaro pequeno da familia Fringillidae.

Descrición

[editar | editar a fonte]

Os machos teñen a parte superior da cabeza e a caluga de cor gris azulada e a parte inferior do corpo castaña avermellada. A parte superior do corpo das femias é castaña averdesada, e a parte inferior castaña agrisada. Ámbolos dous sexos teñen dúas bandas brancas moi rechamantes nas ás e a raíz da cola de cor averdesada. Miden de 14 a18 cm. e pesan uns 20 gramos.

Distribución e hábitat

[editar | editar a fonte]

Áchanse en Europa, norte de África e leste de Asia. Tamén en Madeira (só a forma da subespecie autóctona do Pimpín de Madeira) e nas illas Canarias. En Tenerife e Gran Canaria coexisten coa especie endémica irmá, o pimpín azul (Fringilla teydeaaber). Algúns individuos son vistos ocasionalmente no leste de Norteamérica, aínda que nalgúns casos trátase de exemplares de gaiola fuxidos. Viven en bosques, parques, xardíns e terras de cultivo ata os 1.500 metros de altitude.

Non é unha ave migratoria nas zonas temperadas da súa distribución, pero deixa as máis frías no inverno. Fora da época reprodutora forman bandos, ás veces mesturados coa especie Fringilla montifringilla.

Comen principalmente sementes, aínda que as crías son alimentadas con abundancia de insectos e larvas. Os adultos inclúen tamén na alimentación artrópodos e bagas.

O canto é potente. Os machos teñen dous ou tres tipos diferentes de cantos, e hai "dialectos" rexionais. A adquisición do canto polos pimpíns novos foi obxecto dun influente estudo polo etólogo británico William Homan Thorpe. Thorpe determinou que se os pimpíns non son expostos ó canto dun macho adulto durante un período crítico despois da incubación, serán incapaces de aprender a cantar ben máis tarde.1 O estudo demostra tamén que a castración dun macho adulto provoca a perda do canto e que este se pode inducir utilizando inxeccións de testosterona. (Thorpe 1958). Buchfinkenruf.ogg Canto do pimpín

Reprodución

[editar | editar a fonte]
Femia de pimpín

Pin, pin, por ahí non os
vin.
Chas, chas, por ahí ben
vas.

—Popular[1]

Os machos marcan nos primeiros meses do ano un territorio de cría co seu canto. O niño, de paredes grosas, e construído con raíces, anacos de cortizo, musgo, liques e outros materiais de orixe vexetal. Cóbreno interiormente con pelos e plumas. Sitúano en xeral a unha altura de entre 2 e 10 metros do chan, na galla dunha árbore ou arbusto e ben disimulado con liques e musgo. As femias fan dúas postas no ano, poñendo en cada unha entre catro e seis ovos de cir castaña clara ou branca azulada con manchas e raias castañas de diversos tons. A incubación dura 13 ou 14 días. Os polos son alimentados polos dous adultos da parella e deixan o niño nunhas dúas semanas.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Thorpe, W. (1958). The learning of song patterns by birds, with special reference to the song of the Chaffinch, "Fringilla coelebs". Ibis 100:535-570.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]