Francisella
Francisella | |||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Clasificación científica | |||||||||||||
| |||||||||||||
Species | |||||||||||||
F. hispaniensis |
Francisella é un xénero de bacterias patóxenas gramnegativas, e único xénero da familia Francisellaceae (Franciseláceas)[1]. Teñen forma de pequenos cocobacilos ou bacilos, non son mótiles, e son tamén parasitos intracelulares facultativos de macrófagos.[2] Son organismos estritamente aerobios.
O xénero foi nomeado en honor do bacteriólogo americano Edward Francis, que foi o primeiro en recoñecer en 1922 a F. tularensis (entón chamada Bacterium tularensis) como o axente causante da tularemia.[3]
Patoxénese e clasificación
[editar | editar a fonte]A especie tipo do xénero é F. tularensis, que causa a enfermidade chamada tularemia.[4] F. novicida e F. philomiragia (previamente coñecida como Yersinia philomiragia) están asociadas con septicemias e infeccións sistémicas invasivas. A taxonomía do xénero non é moi segura, especialmente no caso de F. novicida (pode ser unha subespecie de F. tularensis). En xeral, a identificación de especies realízase polo perfil bioquímico ou pola secuenciación do ARNr 16S. Publicouse recentemente unha filoxenia posta ao día baseada en secuenciacións de xenomas completos, que mostra que o xénero Francisella podería ser dividido en dous clados xenéticos principais: un incluiría a F. tularensis, F. novicida, F. hispaniensis e Wolbachia persica, e o outro incluiría a F. philomiragia e F. noatunensis.[5]
Características de laboratorio
[editar | editar a fonte]As Francisella poden sobrevivir durante varias semanas no medio ambiente, pero a pesar diso son difíciles de cultivar e manter no laboratorio.[6] O seu crecemento é lento (aínda que se incrementa con suplementación de CO2), son moi esixentes, e a maioría das cepas de Francisella requiren a suplementación do medio con cistina e cisteína para crecer. O cultivo pode conseguirse en varios tipos de medios, como o ágar chocolate e o Thayer-Martin cos aditivos apropiados xa mencionados. Os intentos de illalas en ágar MacConkey non son fiables nin en xeral exitosos.[4]
Despois de 24 horas de incubación no medio axeitado, aparecen colonias de Francisella, xeralmente pequenas (de 1 a 2 mm), opacas, e de cor de gris claro a gris azulado. As colonias son lisas, con beiras nítidas e, despois de 48 horas de crecemento, tenden a ter unha superficie brillante. As colonias de Francisella lembran morfoloxicamente ás do xénero Brucella.[7]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ LPSN Classification of families ver Lista de xéneros incluídos na familia Arquivado 02 de decembro de 2013 en Wayback Machine.
- ↑ Allen LA (2003). "Mechanisms of pathogenesis: evasion of killing by polymorphonuclear leukocytes". Microbes Infect 5 (14): 1329–35. PMID 14613776. doi:10.1016/j.micinf.2003.09.011.
- ↑ Francis E (1921). "Tularemia. I. The occurrence of tularemia in nature as a disease of man". Public Health Rep (36): 1731–53.
- ↑ 4,0 4,1 Collins FM (1996). Pasteurella, Yersinia, and Francisella. In: Baron's Medical Microbiology (Baron S et al., eds.) (4th ed.). Univ of Texas Medical Branch. ISBN 0-9631172-1-1.
- ↑ Sjödin A, Svensson K, Öhrman C, Ahlinder J, Lindgren P, Duodu S, Johansson A, Colquhoun DJ, Larsson P, Forsman M (2012). "Genome characterisation of the genus Francisella reveals insight into similar evolutionary paths in pathogens of mammals and fish". BMC Genomics 13 (268). PMID 22727144. doi:10.1186/1471-2164-13-268.
- ↑ Ellis J, Oyston P, Green M, Titball R (2002). "Tularemia". Clin Microbiol Rev 15 (4): 631–46. PMC 126859. PMID 12364373. doi:10.1128/CMR.15.4.631-646.2002.
- ↑ Ryan KJ; Ray CG (editors) (2004). Sherris Medical Microbiology (4th ed.). McGraw Hill. pp. 488–90. ISBN 0-8385-8529-9.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- xenomas de Francisellae información relacionada en PATRICArquivado 14 de xullo de 2010 en Wayback Machine., un centro de recursos bioinformáticos do NIAID