Francisco Javier Elola

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Francisco Javier Elola
Nacemento22 de setembro de 1877
Lugar de nacementoMonforte de Lemos
Falecemento12 de maio de 1939
Lugar de falecementoBarcelona
NacionalidadeEspaña
Alma máterUniversidade de Santiago de Compostela e Colexio da Nosa Señora da Antiga
Ocupaciónmaxistrado, avogado e político
editar datos en Wikidata ]

Francisco-Javier Elola Díaz-Varela, nado o 22 de setembro de 1877 en Monforte de Lemos e finado o 12 de maio de 1939 en Barcelona, foi un xuíz e político galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Elola estudou dereito na Universidade de Santiago de Compostela, foi pasante no despacho de Francesc Pi i Margall en Madrid en 1901. Aprobou as oposición á carreira fiscal e xudicial en 1905 exercendo en Galicia, Asturias, Cataluña e León, e o 4 de decembro de 1923, logo da proclamación da ditadura de Primo de Rivera, entrou como vocal na Xunta Organizadora do Poder Xudicial. En 1924 nomeárono xuíz do distrito de Chamberí e representou a España nos Congresos Penais Internacionais de París, Bruxelas (1926) e Budapest (1929).

Co cambio de réxime o goberno nomeouno Fiscal Xeral da República o 31 de maio de 1931 cesando o 31 de xullo ao entrar no Tribunal Supremo como novo maxistrado. Nas eleccións a Cortes Constituíntes de 1931 accedeu ao Parlamento como deputado pola provincia de Lugo nas listas do Partido Republicano Radical, participando nas discusións sobre a organización do poder xudicial en España mesmo enfrontándose co seu partido o que levaría a abandonalo e a non presentarse ás eleccións de 1933, continuando como maxistrado do Tribunal Supremo. En plena guerra civil, o 26 de agosto de 1936 foi nomeado presidente da Sala Terceira do Contencioso Administrativo do Tribunal Supremo de España, e o 16 de setembro xuíz especial instrutor da causa pola insurrección en todos os cuarteis e cantóns militares da capital de España, gardou as formalidades legais, admitíndolle ao xeneral Joaquín Fanjul Goñi as probas que presentara, razón pola cal foi apartado da instrución. O 27 de agosto de 1937 accedeu á presidencia da Xunta de Inspección dos Tribunais de Madrid e en outubro de 1937 trasladouse a Cataluña, onde en xuño de 1938 defendeu os funcionarios dos xulgados de Barcelona acusados de quintacolumnismo.

Cando as tropas republicanas abandonaron Cataluña en 1939, decidiu quedar ofrecéndose a colaborar co novo réxime, pero detido o 26 de febreiro procesárono pola morte do xeneral Fanjul e os mortos da prisión Modelo de Madrid do 23 de agosto de 1936. Condenado a morte executárono en Barcelona o 12 de maio de 1939.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]