Saltar ao contido

Foxo de lobo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Revisión feita o 3 de marzo de 2010 ás 02:13 por Hugo22 (conversa | contribucións) (→‎Uso)
Foxo de lobo en Corredoira (Cotobade).

Un couso, lobeira ou foxo de lobo (do latín fossum, escavado[1]) é unha construción tradicional empregada no medio rural para a caza do lobo ou de calquera outro animal considerado daniño e perigoso.

Características

Un foxo de lobos consta dunha serie de elementos empregados para conduciren o lobo ata un lugar onde se lle poida dar caza. Habitualmente os seus elementos constitutivos son un par de muros ou valados e un pozo ou foxo propiamente dito. Os valados teñen altura suficiente para impediren o paso dos lobos, e forman no terreo os dous lados dun triángulo. No seu vértice hai unha rede entre eles ou un furado escavado no chan, o foxo, no que os lobos eran capturados ou mortos. Os muros podían ser de pedra ou madeira, ás veces de cachotería e outras de chantos. Adoitaban ter unha lonxitude total de varios centos e metros.

Outra variedade consiste nun recinto murado pechado situado en terreo elevado nun lugar de paso obrigado. Nel é doado entrar pero imposible saír. Tamén fai posible capturar ao animal con vida.

Uso

Ficheiro:126.JPG
Foxo de lobo en Parada de Sil

As cacerías organízanse de xeito comunitario. En Galicia a participación nas cacerías estaba tradicionalmente regulada polos concellos das parroquias. As épocas preferidas para a caza eran a primavera e máis o verán. Os cazadores saían bater ao monte provistos de todo tipo de obxectos que facían ruído e encamiñábanse na súa fuxida cara ao espazo entre os valados.[2]

O uso das lobeiras está espallado por todo o noroeste da Península Ibérica, especialmente nas zonas máis montañosas ou nas menos humanizadas. A pouquidade crecente de lobos e osos fai que o seu uso estea diminuíndo. Con frecuencia a toponimia indícanos a existencia de foxos ou dispositivos semellantes , que recibían o nome de calello, caneyo, calecho, xorco, jorco ou caón en Asturias; chorco en León. A variedade de recinto pechado era chamada couso en Asturias, corral en León e cortello en Zamora.[3]

Notas

  1. Crespo Pozo, J. S.: Nueva contribución a un vocabulario castellano-gallego: Con indicación de fuentes e inclusión del gallego literario. La Región, 1979.
  2. López Seoane, V.: Fauna mastológica de Galicia ó historia natural de los mamíferos de este antiguo reino: aplicada á la medicina, á la agricultura, á la industria, á las artes y al comercio. Imprenta de Manuel Mirás, 1861.
  3. Torrente Sánchez-Guisande, J. P.: Osos y otras fieras en el pasado de Asturias, 1700-1860. Proaza, Fundación Oso de Asturias, 1999.