Foveola gástrica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Foveola ou fosiña gástrica (na parte superior) na que desembocan dúas glándulas gástricas.

As foveolas gástricas ou fosiñas gástricas (na terminoloxía anatómica en latín foveolae gastricae) son unhas depresións ou invaxinacións con forma de funil ou pozo que se encontran por todo o epitelio superficial da mucosa gástrica. Estímase que existen uns 3,5 millóns destas fosiñas en toda a mucosa gástrica. Na súa zona profunda as foveolas gástricas continúanse con varias glándulas tubulares chamadas glándulas gástricas ou fúndicas, que se estenden máis profundamente. Normalmente desembocan 3 ou 4 destas glándulas en cada foveola. As foveolas da zona do cardias son máis superficiais e as da zona do píloro son as máis profundas. Nas foveolas gástricas vértese o zume gástrico procedente das glándulas gástricas de máis abaixo, o cal pasa á luz do estómago. [1]

O interior das foveolas, igual que o resto da mucosa gástrica que tapiza a superficie que dá á luz do estómago, está revestida por un epitelio cilíndrico alto produtor de moco protector, formado polas células mucosas superficiais. Na zona profunda das foveolas están presentes tamén estas células, pero máis abaixo, onde empezan as glándulas gástricas (na zona do istmo e, sobre todo, no colo das glándulas gástricas), aparecen as células mucosas do colo, que tamén producen moco, se dividen por mitose e hai formas transicionais coas células mucosas superficiais da parte superior.[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 D. W. Fawcett. Tratado de Histología. 11ª edición. McGraw Hill-Interamericana. Páxinas 627-629. ISBN 84-7605-361-4.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]