Flocos.tv foi unha páxina web posta en marcha pola Axencia Audiovisual Galega, baixo o patrocinio de Manolo González e Xurxo González, na que se albergaba unha boa mostra do audiovisual feito en Galicia, tanto por profesionais coma por afeccionados. O seu antecesor, teutubo.tv, presentouse no marco do Festival Play-Doc de Tui. Flocos.tv comezou a funcionar o 12 de decembro de 2008 con vinte e cinco curtametraxes,[1] e chegou a recompilar máis de trescentas producións,[2] entre curtas, mediametraxes e longametraxes. A finais de febreiro de 2011 pechouse a páxina.
En marzo de 2012 volveu abrir, esta vez so o nome de Canle.tv, nun novo enderezo web,[3] e dirixido desde a AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais), que fora creada en 2008 para substituír a Axencia Audiovisual Galega.[4]
Ademais de ver os vídeos, era posible rexistrarse coma usuario para comentar e seleccionar as obras favoritas. O seu funcionamento era o dunha rede social,[5] co ánimo de promover a interacción entre os usuarios, así coma a súa difusión noutras redes coma Facebook, Chuza ou MySpace. Esta actividade reflectíase nunha listaxe que recollía as obras máis vistas, máis comentadas, e as que máis xente seleccionou coma favoritas. A páxina recibiu o Premio Mestre Mateo á mellor obra interactiva na súa edición do 2008.[6]