Saltar ao contido

Ferrocarril en Gotland

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O condado de Gotland é o único condado sueco que no presente non ten ferrocarril con tráfico comercial. Porén, no pasado existiron varias compañías e liñas, comezando a operar os primeiros servizos no ano 1878. En 1947 o estado sueco mercou as compañías que continuaban operando e un ano despois estas incorporáronse a Statens Järnvägar (SJ). O derradeiro tráfico de pasaxeiros comercial foi en 1960.

Construción das liñas

[editar | editar a fonte]

Gotlands järnväg (GJ)

[editar | editar a fonte]
Estación de Visby en 1910

No ano 1870 presentouse unha primeira proposta sobre un ferrocarril en Gotland, propoñéndose unha liña entre Visby e Havdhem. A cuestión xurdiu no consello comarcal en dúas ocasións a principios da década de 1870 e en 1874 fíxose unha chamada para conseguir cartos para a construción dun ferrocarril. A cidade de Visby decidiu investir medio millón de coroas para construír unha liña entre Visby e Hemse e o día 30 de novembro de 1875 celebrouse a asemblea constituínte da compañía Gotlands järnväg, na cal Ernst Leijer foi nomeado primeiro director executivo. Decidiuse tamén que a liña trazaríase dende Visby ata Hemse pasando por Roma cun ancho de vía de tres pés suecos (891 mm).[1]

As obras comezaron cos traballos de escavación en abril de 1877, iniciándose a construción da liña en maio dese mesmo ano. As obras rematáronse en setembro de 1878 cun custo de 1 175 716 coroas e 67 öre, sendo a estimación inicial de 1 300 000 coroas. Gotlands järnväg (GJ) estreouse o 10 de setembro de 1878 coa presenza do rei Óscar II.[1]

Estación de Roma en 1906

A vía alongouse en varias etapas cara ao norte de Visby, primeiro ata Väskinde en 1896, ata Tingstäde en 1899, e por último ata Lärbro en 1921. Durante moito tempo planeouse alongar o trazado ata Fårösund pero a idea desbotouse a finais dos anos 40 porque, entre outros motivos, o tráfico de coches e camións comezara a afectar a rendibilidade do ferrocarril. Cara ao sur alongouse a vía ata Havdhem en 1900 e ata Burgsvik en 1908. Ademais en 1901 abriuse un ramal cara ao porto de Visby.[2]

O derradeiro servizo público foi o día 30 de setembro de 1960, aínda que se seguiría operando o tráfico de mercadorías privado entre o matadoiro e o porto de Visby ata maio de 1962.[2]

Slite-Roma Järnväg (SlRJ)

[editar | editar a fonte]

Xa cando se comezou a planificar o ferrocarril en Gotland na década de 1870 discutiuse unha conexión entre Slite e Tingstäde que nunca chegou a materializarse. En 1896, tras a construción da refinaría de azucre de Roma en 1984, investigouse un ferrocarril para transportar remolacha azucreira entre Roma e Slite que resultou na presentación dunha solicitude de concesión. En 1899 fundouse Slite-Roma Järnvägsaktiebolag (SlRJ) e a construción dos 33 quilómetros da liña completouse en 1902.[3] O ferrocarril conectouse coa liña de Gotlands en Roma e a compañía tivo que pagar 1/4 dos custos operativos e 10 500 coroas.

A liña inaugurouse o 25 de maio de 1902 con dúas locomotoras, dous vagóns de pasaxeiros e 47 vagóns de mercadorías en servizo.[3] O tráfico de pasaxeiros rematou en 1953, mentres que o transporte de remolacha continuou ata 1956.[3]

Klintehamn-Roma Järnväg (KlRJ)

[editar | editar a fonte]

Debido a que a refinaría de azucre de Roma precisaba dun transporte rápido de remolacha cara ás súas instalacións impulsouse a construción dunha liña cara a Klintehamn, que á súa vez transportaría o azucre xa elaborado de volta a Klintehamn para ser embarcado no seu porto.[4] A asemblea xeral constituínte de Klintehamn-Roma Järnvägsaktiebolag (KlRJ) tivo lugar o día 4 de marzo de 1897, a liña, de 23 quilómetros de lonxitude, comezou a construírse dous días antes e inaugurouse o 21 de setembro de 1898.[4] Esta uniuse ao ferrocarril de GJ en Roma e a compañía tivo que pagar 1/4 dos custos operativos e 10 000 coroas.

A liña pechouse o 10 de xuño de 1953, aínda que continuou utilizándose nas campañas da remolacha ata o ano 1955.[4]

Sydvästra Gotlands Järnväg (SGJ)

[editar | editar a fonte]

O 8 de xaneiro de 1912 celebrouse unha asemblea municipal especial en Klintehamn para discutir a creación dunha conexión ferroviaria dende Klintehamn ata o suroeste de Gotland. Na reunión decidiuse construír unha conexión ata Hablingbo, a Sydvästra Gotlands Järnväg, cun presuposto de 50 000 coroas. A concesión solicitouse en maio dese ano e foi concedida en 1913. Debido a problemas económicos e á primeira guerra mundial a liña, de 27 km, non comezaría a construírse ata 1922. O tramo rematouse en agosto de 1923 e inaugurouse o 7 de xullo de 1924.[5]

Os problemas económicos continuaron tras a apertura da liña e tres anos despois a situación era grave, polo que en 1927 KIRJ fíxose cargo da compañía. O tráfico xeral pechouse o 10 de xuño de 1953 e o transporte de remolachas continuou ata 1958.[5]

Ronehamn-Hemse Järnväg (RHJ)

[editar | editar a fonte]

Xusto antes do cambio de século houbo plans para construír unha nova refinaría de azucre en Hemse, polo que se planeou tamén unha nova conexión que rematase en Ronehamn. Fíxose unha solicitude a Gotlands Järnväg sobre o interese de dita conexión, pero GJ non amosou ningún interese nela. No seu lugar constituíuse Södra Gotlands Järnvägsaktiebolag e solicitouse unha concesión en 1897. A concesión outorgouse pero os plans prolongáronse no tempo e a concesión transferíuse a un consorcio formado principalmente por membros da refinaría de Roma, reorganizándose a empresa como Ronehamn-Hemse Järnvägsaktiebolag.[6]

A construción dos 10 quilómetros de vía rematouse no ano 1900, pero a vía non se inauguraría ata o 1 de maio de 1904. A compañía tivo problemas financeiros durante toda a súa existencia e acabou quebrando en 1918. A liña vendeuse e funcionou uns poucos anos ata demolerse en 1923.[6]

Visby-Visborgs slätts Järnväg (VVJ)

[editar | editar a fonte]

Con motivo da introdución do servizo militar obrigatorio en Suecia en 1901 xurdiu a necesidade de poder adestrar soldados todo o ano, e polo tanto construíuse un novo cuartel na chaira de Visborg, ao sur de Visby. Para transportar os materiais necesarios para a construción a Administración do Exército (Arméförvaltningen) construíu unha liña de 2,4 km dende Visby en 1903. Unha vez que o cuartel estivo rematado, varios oficiais do Rexemento de Infantaría Real de Gotland (I 27) tomaron a iniciativa para crear unha empresa e explotar a vía. A liña inaugurouse o 27 de xuño de 1904 aínda que non se chegou a constituír ningunha compañía.[7]

Posteriormente, o empresario Oskar Kallenberg, que acababa de construír o balneario de Kneippbyn, uniuse a varios granxeiros de Västerhejde e creou a compañía Trafik AB Västerhejde-Visby (VVJ) e a liña ampliouse 5,4 km cara ao sur ata Hallvards e pasando tamén polo balneario de Kallenberg. A nova liña inaugurouse en 1912 e toda a vía dende Visby pasou a ser operada por VVJ.[7]

A compañía entrou en liquidación en 1931, pero o tráfico continuou ata o 31 de decembro de 1939. O tramo entre Kneippbyn e Hallvards desapareceu en 1940 e o resto da vía foi usada esporadicamente polo exército para transportar carga ata outubro de 1946.[7]

Canteiras

[editar | editar a fonte]

No norte da illa construíronse ademais pequenas vías industriais nas canteiras de Bläse (Fleringe), Bungenäs (Bunge) e Smöjen (Hellvi).[1]

Estación de Hesselby en 2018

A meirande parte dos trazados foron desmantelados tras o cesamento de actividade das distintas liñas nos anos 50 e 60, así como algunhas estacións e instalacións. En 1963 o rexedor do municipio de Romakloster conseguiu facerse cunha locomotora de SlRJ, pero a imposibilidade de darle un corresto mantemento fixo que o seu estado se degradase e estivese a piques de deixar a illa ao ser enviada a un museo na Suecia continental.[8]

Co obxectivo de manter o legado ferroviario na illa fundouse en 1972 a asociación Gotlandståget. A asociación mercou a estación de Hesselby, en Dalhem, que neses momentos estaba á venda. As instalación estaban en estado ruinoso, pero Gotlandståget renovouna durante os dous anos seguintes e devovela ao seu estado de 1902. A asociación tamén se fixo con varios vagóns e comezou a restaurar varios vehículos.[8]

Estación de Tule en 2021

Aos poucos anos a asociación decidiu non centrarse unicamente na exposición estática de Hesselby e comezou a construír unha pequena liña cara ao sur, bautizándoa como Gotlands Hesselby Jernvägar, GHJ. A liña inaugurouse o día 10 de setembro de 1978, 100 anos despois da inauguración da primeira liña en Gotland.[8]

Durante os anos seguintes Gotlandståget ampliou as instalacións en Hesselby e fíxose con máis material de todo tipo, dende vehículos ata uniformes. En 1982 a asociación tomou o control da antiga estación de Tule, a tres quilómetros ao sur de Hesselby. Todo o tramo entre as dúas estacións restaurouse ata que ámbolos dous edificios foron declarados monumentos protexidos en 2002.[8]

Gotlandståget estudou a posibilidade de ampliar a vía ata Roma e en 2006 recibiu fondos do proxecto Leader+ da Unión Europea. Durante os anos seguintes renováronse distintas partes do trazado e ampliouse a vía e o 19 de xaneiro de 2013 un tren puido percorrer a distancia entre Hesselby e Tule por vez primeira dende 1958.[8]

Estación de Tjuls en 2021

A construción do tramo ata Roma comezou en outubro de 2013, a estación comezouse un ano despois e o 14 de maio de 2015 inaugurouse a liña completa entre Hesselby e Roma, de 6,5 quilómetros de lonxitude.[8]

Nos fornos de cal de Bläse, no norte da illa, había un pequeno tramo de vía industrial. O servizo interrumpirase en 1954, despois do cesamento da actividade no forno, e as vías retiráronse en 1972. En 1985 inaugurouse un museo nas antigas instalacións do forno de cal e no ano 1991 reconstruíse a vía industrial de 1,6 km que unía a canteira co porto, que agora se utiliza como atracción turística.[9]

Na estación de Tjuls, na liña que unía Roma e Klintehams, inaugurouse o 13 de agosto de 2005 un pequeno museo na que se inclúen tamén uns poucos metros de vía onde están instalados dous vagóns.[10]

  1. 1,0 1,1 1,2 "Gotländsk järnvägshistoria – en sammanfattning". Gotlandståget - Gotlands Hesselby Jernväg - Föreningssidan (en sueco). Consultado o 2021-11-22. 
  2. 2,0 2,1 "GJ (Gotlands Järnväg 1878- 1960)". Gotlandståget - Gotlands Hesselby Jernväg - Föreningssidan (en sueco). Consultado o 2021-11-22. 
  3. 3,0 3,1 3,2 "Slite – Roma Järnväg (SlRJ) 1902 – 1953". Gotlandståget - Gotlands Hesselby Jernväg - Föreningssidan (en sueco). Consultado o 2021-11-22. 
  4. 4,0 4,1 4,2 "Klintehamn – Roma Järnväg (KlRJ) 1898 – 1953". Gotlandståget - Gotlands Hesselby Jernväg - Föreningssidan (en sueco). Consultado o 2021-11-22. 
  5. 5,0 5,1 "Sydvästra Gotlands Järnväg – SGJ – 1924- 1927". Gotlandståget - Gotlands Hesselby Jernväg - Föreningssidan (en sueco). Consultado o 2021-11-22. 
  6. 6,0 6,1 "Ronehamn – Hemse Järnväg (RHJ) – 1904 – 1918". Gotlandståget - Gotlands Hesselby Jernväg - Föreningssidan (en sueco). Consultado o 2021-11-22. 
  7. 7,0 7,1 7,2 "Visby – Västerhejde järnväg (VVJ) 1904 – 1940". Gotlandståget - Gotlands Hesselby Jernväg - Föreningssidan (en sueco). Consultado o 2021-11-22. 
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 8,5 "Föreningen Gotlandstågets historia 1972-". Gotlandståget - Gotlands Hesselby Jernväg - Föreningssidan (en sueco). Consultado o 2021-11-23. 
  9. "Museum – Bläse Kalkbruk Gotland". blase.se. Consultado o 2021-11-23. 
  10. "Tjuls Järnvägsmuseum - Start". www.tjuls.se. Arquivado dende o orixinal o 23 de novembro de 2021. Consultado o 2021-11-23.