Fernsehturm de Berlín
Fernsehturm de Berlín | |
---|---|
Fernsehturm, Berlín | |
Coordenadas | 52°31′15″N 13°24′34″L / 52.520833333333, 13.409444444444 |
[ editar datos en Wikidata ] |
A Fernsehturm (en alemán, Torre de televisión) é unha torre de televisión situada no centro de Berlín, capital de Alemaña. É un punto de referencia moi coñecido, próximo á Alexanderplatz. A torre foi construída en 1969 pola extinta República Democrática Alemá (RDA) e a súa imaxe foi usada desde entón polo goberno da RDA como símbolo do Berlín Oriental.[1] Dende ela pódense ver doadamente todos os distritos do centro de Berlín e continúa a ser un símbolo da cidade.
A altura orixinal dq Fernsehturm era de 365 metros, pero pasou a ser de 368 logo da instalación dunha nova antena nos anos 1990. É actualmente o segundo edificio máis alto de Europa, só superado pola Torre Ostankino de Moscova, e a décimo sétima torre máis alta do mundo. Na cúspide da torre hai unha grande esfera na que se atopan un miradoiro e un restaurante; o miradoiro está a unha altura aproximada de 204 metros sobre o chan. O restaurante, que vira 360 graos cada media hora, atópase uns metros por riba do miradoiro. Dentro do corpo principal da torre hai dous ascensores que levan aos visitantes á esfera en 40 segundos.
Historia
[editar | editar a fonte]En 1964, Walter Ulbricht, dirixente do Partido Socialista Unificado que gobernaba a República Democrática Alemá, decidiu impulsar a construción dunha torre de televisión na Alexanderplatz, tomando como modelo ao Fernsehturm de Stuttgart. A estrutura foi ideada por Hermann Henselmann e Jörg Streitparth; logo sumáronse ao equipo de arquitectos Walter Herzong e Herbert Aust. A construción comezou o 4 de agosto de 1965 e o edificio foi inaugurado pouco máis de 4 anos despois, o 3 de outubro de 1969. Na actualidade é un dos maiores puntos turísticos de Berlín, sendo visitada por ao redor dun millón de visitantes ao ano.
Aínda que comezara a construción dunha torre de televisión en Müggelberg, ao sueste de Berlín, o proxecto foi cancelado porque unha torre nese lugar sería perigosa para os avións que aterrasen e despegasen do próximo Aeroporto Internacional Schönefeld de Berlín.
O desquite do Papa
[editar | editar a fonte]Cada vez que o sol se reflicte na cúpula de aceiro inoxidable da Fernsehturm, fórmase o debuxo dunha cruz. Este efecto non foi buscado nin previsto por ninguén. Bromeando co ateísmo do Estado socialista, os berlineses comezar a chamar ao fenómeno da cruz luminosa como Rache des Papstes, ou o desquite do Papa. Pola mesma razón a torre tamén foi denominada San Walter, en referencia a Walter Ulbricht.
Especificacións técnicas
[editar | editar a fonte]- A entrada ao miradoiro atópase a 6,25 metros do chan
- Existen 2 ascensores para visitantes
- Un ascensor para mantemento técnico
- Unha escaleira de aceiro con 986 chanzos
- Plataformas de evacuación a 188 e 191 metros do chan
- O miradoiro atópase a 203,78 metros do chan
- O restaurante, a 207,53 metros
- Altura total da torre: 368,03 metros
- Peso do eixo: 26.000 toneladas
- Peso da esfera: 4.800 toneladas
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Berlín, o rostro da nova Alemaña". Deutsche Welle 15.04.2006 (en castelán). 2006. Consultado o 23/12/2007.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Fernsehturm de Berlín |