Fernando Casás
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde agosto de 2017.) |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1946 (77/78 anos) Gondomar, España |
Educación | European Ceramics Work Center (en) (1994–1994) Escola Superior de Deseño Industrial da Universidade do Estado de Río de Janeiro |
Actividade | |
Lugar de traballo | 's-Hertogenbosch |
Ocupación | pintor, escultor |
Empregador | Facultade de Belas Artes de Pontevedra |
Movemento | Land art, Q8771637 e Arte abstracta |
Páxina web | fernandocasas.es |
Fernando Estarque Casás, máis coñecido como Fernando Casás, nado en Gondomar[1] en 1946 é un escultor e pintor galego cuxa carreira se desenvolveu no Brasil, país ao que foi levado polos seus pais cando contaba con moi poucos anos.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Comezou a investigar en pintura en 1964, traballando con tintas sobre soportes infrecuentes, como madeiras de derriba e tendidos en xeso. En 1967 produciu mobles que son verdadeiros obxectos de creación, en madeiras queimadas e en coiro. Pasou en 1969 a estudar na Esdi-Escola Superior de Deseño do Río de Xaneiro, e a súa orixinalidade conduciuno a realizar interesantes murais para empresas públicas do país suramericano, que derivan en creacións nas que se transforma a natureza mesma na súa expresión vexetal, que expón en todo o noroeste brasileiro, e que o artista, ironicamente, denomina Proxecto idiotas.
En 1975 retornou a España e realizou unha exposición en Vigo, que sorprendeu pola súa insólita orixinalidade. De 1977 data a súa etapa que denomina «Ciclo do Cupin», que continuou nos seguintes con «Reciclo» e «Labirinto», en diversas cidades brasileiras e en Vigo, Compostela e Barcelona. Alternou a escultura e a pintura e realizou relevos de grandes dimensións, co título do famoso libro de Celso Emilio Ferreiro, Longa noite de pedra, con pezas tituladas Voo, Onda, Lume e Terra, atendendo ás súas raíces galegas.
Incorporou aos seus materiais a pedra e o bronce e investiga con papeis reciclados e fibras vexetais. De 1983 data a súa grande exposición en Vigo «Diario de Viaxe», que é un percorrido imaxinario pola etnoloxía americana que tan ben coñece.
Proseguiu as súas experiencias, inspiradas na arte popular autóctona da Amazonia brasileira, con obras que expuxo en Xenebra e Xerusalén. De 1988 data a serie Amazonas, Serie negra, cando o papel rugoso e denso se enseñorea de superficies irregulares ou traballa sobre tocóns e fragmentos de árbores centenarias, de morfoloxía peculiar. Con esta serie conseguiu o premio Brasil-Estados Unidos de Artes Plásticas dese ano. A súa escultura «Amazonia-Cobra grande» colocouse no pavillón Ruth Youth do museo israelí de Xerusalén.
En 1989 regresou definitivamente a España e instalou o seu taller en Gondomar. A súa obra segue mostrándose individualmente en medio mundo e acudiu ás grandes bienais, como a de São Paulo.
Trátase dun vangardista razonante, inquedo e reflexivo, por completo inconformista e negador do tradicional e manido, para quen calquera elemento abandonable pode transformarse en arte. É considerablemente abstracto, case sempre informalista, en verdade telúrico.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ http://www.fernandocasas.es/biografia Biografía do autor na web oficial do autor
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Fernando Casás |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Berkowitz, Mark e outros: Fernando Casás. Río de Janeiro, Gráfica Editora, 1986.
- II Mostra Unión Fenosa. A Coruña, 1991.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Fernando Casás na Colección Afundación.
- Bibliografía en PintoresGallegos.com (en castelán).